Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De fragmentos e de gozos

Torrente Ballester: 20 anos despois

De fragmentos e de gozos

O 27 de xaneiro cumpríronse vinte anos do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester, xornalista lido e un dos novelistas importantes do século XX español. Nacido en Ferrol en 1910 -o mesmo ano que Pessoa, a quen faría unha particular homenaxe na novela Yo no soy yo, evidentemente- a idade precoz comezou a interesarse polas letras. A imposibilidade de seguir,por mor da miopía,a carreira militar intensificou a súa dedicación ás lecturas humanísticas. Foi escritor de éxito serodio. O seu primeiro libro -unha obra dramática- aparece en 1938 e a primeira novela, J avier Mariño, en 1943, secuestrada por orde gobernativa. Non sería ata 1957, con El señor llega (premio da Fundación March),cando acadase un recoñecemento que o levou a rematar a triloxía de Los gozos y las sombras.

Nesta altura xa casara en Bueu con Josefina Malvido. Foran testemuñas de voda na igrexa de San Martiño Johan Carballeira e Francisco Escáneo, represaliados en 1936. Curiosamente, o pai de Torrente foi o encargado de depoñer do cargo de alcalde a Carballeira asemade que que avisou ao novelista,á volta dunha viaxe deste a Francia,de que moitos amigos del apareceran mortos. Torrente, por consello dun sacerdote, abandonou entón a militancia no Partido Galeguista e afíliouse á Falanxe para evitar a represión dos sublevados.

Bueu está presente na súa obra -velaí Los gozos y las sombras- como o están Serantes, Ferrol, Compostela, Pontevedra ou Ourense, xa que se identifica co noso mundo e, aínda que tamén na súa narrativa aparecen Madrid ou Albany, a maior experiencia e un interese preferente están centrados en Galicia porque "lo que me llega más al corazón, lo que entiendo mejor es lo gallego". Torrente, en efecto, senta as bases do seu pensamento na racionalidade grega, na tradición cristiá e no bretemoso mundo atlántico, territorio no que xorde a maxia e que lle permite despregar unha potente fantasía.

En 1962 perdeu o posto de profesor na Escola de Guerra Naval e as colaboracións en Arriba e Radio Nacional por asinar un manifesto de apoio aos mineiros asturianos en folga. Un ano despois, como fixera Valle en Las galas del difunto, publicou unha versión particular do mito de don Juan. No seu caso, cunha novela que fracasou diante da crítica e do público, e pola que sentía especial predilección .Pouco despois solicitou o reingreso na cátedra de ensinanzas medias e, destinado en Pontevedra, iniciou a columna de opinión "Amodo" en FARO DE VIGO.

Tras unha experiencia na State University of New York, foi publicar a súa obra mestra: La saga fuga de J/B (1972); lonxe queda o empacho de realismo, porque agora os novos gustos están preparados para recibir con entusiasmo ese mundo no que se entretece o real, o imaxinativo, o mítico, e que se expresa cunha linguaxe gozosa. Esa liña fantástica continúa con Fragmentos del Apocalipsis (1977), un xogo de desmitificacións arredor de Villasanta de la Estrella, trasunto de Compostela e modelo exemplar do procedemento da novela dentro da novela. Recibiu por esta obra o Premio da Crítica. La isla de los jacintos cortados (1980), na que recrea a experiencia americana, foi galardoada co Nacional de Literatura.

Na década dos 80, xubilado como profesor, deu ao prelo Dafne y ensueños, onde amosa de novo un gran talento imaxinativo. Gañou o Príncipe de Asturias (1982), o Cervantes (1985) e o Premio Planeta (1988) por Filomeno a mi pesar, título no cal repasa a historia da Europa do século XX.

Escritor imaxinativo e intelectual, a Igrexa, Deus, a arte de novelar, a música, a arquitectura, a pintura, a muller, o poder, son as temáticas que percorren a súa obra. Pero tamén a historia. En Crónica del rey pasmado, novela que sería levada ao cine, amosa as relación de poder e as institucións da sociedade do século XVII.

Torrente foi un traballador infatigable, un persoeiro irónico e retranqueiro. Con toda probabilidade, coincidiría con Buero Vallejo en que tiña máis talento para a narrativa que para o drama. Pasou os últimos anos en Salamanca, pero desta cidade non escribiu nada. Veraneaba na Ramallosa e, nalgunha ocasión, o antigo profesor do Instituto da Guía,que definía Vigo como unha cidade ligada ao progreso,confesou que lle gustaría residir en Pontevedra.

Compartir el artículo

stats