Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esplendor e saudade de Roma

A obra gráfica de Giovanni Battista Piranesi

Vista do Templo de Cibeles.

O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, situado na parroquia de Artes (Ribeira), presenta unha ampla mostra da obra gráfica de Giovanni Battista Piranesi, unha das figuras máximas do gravado de toda a historia da arte. A exposición contén unha rica escolma do máis representativo da obra do artista, con obra orixinal -augafortes- das coñecidas vistas de Roma e incluíndo unha edición dos famosos Carceri d'invenzione, gravados ao cobre, datados aproximadamente en 1761 e reproducidos en fotogravado en edición limitada.

Piranesi, nado en Venecia en 1720, mora en Roma a maior parte da súa vida até o seu pasamento en 1778 nun ambiente intelectual en que a reflexión sobre o mundo clásico atinxe un dos momentos de maior intensidade de todos os tempos. É esta unha época en que se deixa sentir un fondo sentimento saudoso e (pre)romántico cara o mundo antigo, un aspecto que en moi poucos autores é mais evidente que no veneciano.

O grande historiador da arquitectura ilustrada Emil Kaufmann dicía que Piranesi visualizara o desacougo do século XVIII -só pensar nos Carceri xustifica largamente esta afirmación-. Mais este desacougo tamén se transmite á percepción que o artista ten do pasado romano; neste senso, o certo é que o noso gravador sentía que a antigüidade romana era un valor absoluto e así o expresa nos seus gravados, que responden ao ideal do artista de coñecer a Roma antiga, coa decidida finalidade de axudar na construción dunha nova Roma, conformada como unha urbe ideal que fose quen de tornar á altura do seu perdido -ben que inmorredoiro- esplendor.

Piranesi estuda na súa cidade natal perspectiva e debuxo e chega a Roma na década de 1740 para se instalar alí definitivamente, pasando Roma a se converter en tema único de toda a súa obra artística e intelectual, abraiado pola contemplación directa da antigüidade clásica, feito que provoca nel un auténtico arrebato.

O dramatismo e a poesía das súas estampas de ruínas romanas -as Antichità Romane- non ten igual no seu tempo, o que di moito do seu valor artístico, nunha época en que foron moitos os artistas atraídos por estes motivos, estimulados por un público desexoso de ter uns testemuños plásticos, verdadeiros ou ficticios, da grandeza romana. Cómpre lembarmos que xogaron nesta moda un papel senlleiro os viaxeiros do Grand Tour -a viaxe formativa dos nobres do XVIII-, nomeadamente os británicos e tamén moitos intelectuais, artistas e eruditos.

Desde os seus primeiros gravados de Prima parte di Architetture e Prospettive inventate (1743) Piranesi revela xa a súa inclinación polos grandes tamaños e polo grandioso, polo extraordinario, polas combinacións insólitas, que de seren construídas serían aínda edificios barrocos.

Neste sentido, os gravados de Piranesi son un exemplo extremo, o mesmo que outros espíritos revolucionarios do XVIII, como os escritores prerrománticos alemáns do Sturm und Drang [Tormenta e pulo] -Herder, o primeiro Goethe, Schiller- e algúns arquitectos audaces e utópicos da Revolución Francesa -Boullée e Ledoux-, do rexeitamento da orde anterior e da procura do extraordinario. Nun momento de intensa confusión, certifican a morte dun sistema cultural caduco mais aínda non se moven nunha linguaxe plenamente nova.

Situado neste cadro cultural, Piranesi foi un decidido simpatizante das novas tendencias, un partidario da preeminecia romana fronte a Grecia, nisto oposto ao pai da historia da arte Winckelmann (1717-1768), con quen comparte espazo e tempo. Participa así nun dos debates máis intensos no mundo estético do Século das Luces e no seu volume Della Magnificenza ed Architettura de'Romani (1761) defende unha maior sinxeleza atribuída aos romanos entrando de cheo no debate, unha polémica ligada ao nacemento do neoclasicismo e tamén da moderna historia da arte.

Título: Piranesi. Vedute -vistas da Roma antiga. Cárceres

Artista: Giovanni Battista Piranesi

Local: Museo de Artes do Gravado á Estampa dixital, Artes, Ribeira

Até o 25 de marzo de 2019

O desacougo ilustrado

  • Piranesi nunca procurou a fidelidade arqueolóxica nas súas vedutte, os seus gravados teñen as tonalidades cálidas da luz veneciana e a audacia das composicións en que predomina o trazado fiel das diagonais, utilizando perspectivas angulares, excéntricas, en que acentúa o aspecto ruinoso dos monumentos e o esgrevio da natureza circundante cun sentido nidiamente prerromántico. O pintoresquismo destas estampas, tan diferentes da enxoita precisión das vistas topográficas neoclásicas, define o estilo do artista, un estilo que, o mesmo nas escenas da antigüidade como nas da cidade moderna, ten un forte senso escenográfico e que coas súas perspectivas oblicuas acrecenta unha dimensión de dramatismo e expresión especial ás vistas mil veces repetidas na obra gráfica de ducias de gravadores coevos. Piranesi amosa unha arquitectura, ao tempo, imposíbel e real, en ocasións en exceso. Daquela, a superabundancia de trazos incongruentes e a ausencia dun plano definido de organización recarga as súas escenas fantásticas, o que, na súa desproporción, non deixa de ser outra manifestación do seu tempo, un desabafo para as inquedanzas máis fondas que nunca abandonou o artista. Xa que logo, a expresión na arte do desacougo dun tempo de crise do que falaba Emil Kaufmann. Un tempo, porén, non tan afastado do noso como alguén puidera pensar.

Compartir el artículo

stats