Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os saberes no Século das Luces

Historia da ciencia (VII)

Ao longo do século XVIII consolídase, nas novas potencias hexemónicas (Francia e Inglaterra), a burguesía, que inspirada no liberalismo, conquistou o poder político, primeiro en Inglaterra (1689) e logo nos Estados Unidos (1776) e en Francia (1789). Paralelamente, ao longo dese século, xorde unha corrente ilustrada que se manifesta en todos os ámbitos, incluído o científico.

A actividade científica no Século das Luces: O Século das Luces caracterizouse por unha intensa actividade científica que xiraba arredor dos salóns científicos, as academias e as universidades, onde se desenvolveu a reflexión científica mediante debates e publicacións. Así mesmo, en relación co traballo de sistematización do saber, salientaron dous proxectos: a Encyclopédie (1751-1772), na que participaron Diderot, D'Alambert, o barón de Holbach, Daubenton ou Volatire e que estaba destinada a recoller e divulgar todo o saber da época dende unha perspectiva materialista e científica; e a Encyclopaedia Britannica (1768-1771), que fronte ao carácter cientificamente revolucionario da Encyclopédie, era máis conservadora, aínda que destacaba pola precisión e concreción das definicións.

As ciencias naturais: No século XVIII as ciencias da vida e da terra coñeceron un notable avance grazas aos traballos de Carl von Linné (1707-1778), un naturalista sueco que sistematizou o saber biolóxico na obra Sistema naturae (1735), na que establece unha forma rigorosa e sistemática de descrición biolóxica e crea un sistema de clasificación binomial no que o primeiro nome pertence ao xénero e o segundo a especie (ex.: Homo sapiens), que aínda hoxe é usado, polo que se lle pode atribuír o calificativo de fundador da ciencia taxonómica moderna; e Georges Louis Leclerc (1707-1788), conde de Buffon, un naturalista francés que influíu decisivamente nas xeracións posteriores de científicos naturalistas, entre os que salientan Lamarck e Darwin.

A obra principal de Buffon, Historia natural (1749-1788), é un compendio dos coñecementos biolóxicos e xeolóxicos da súa época, aos que achega valiosas contribucións, entre as que cómpre salientar, no eido da bioloxía: a defensa da teoría epixenista fronte ao preformacionismo da súa época; o establecemento dunha escala natural de tipo funcional que lle levou a defender a existencia dun plan estrutural dos vertebrados; a definición de especie fundamentada na permanencia dos caracteres ao longo das xeracións; o rexeitamento do transformismo, aínda que por motivos racionais, non teolóxicos; o establecemento dos fundamentos da anatomía comparada. No eido da xeoloxía a obra de Buffon salienta por ser pioneira na defensa dunha idade da Terra moi superior á que proclamaba a Igrexa baseándose no ritmo de arrefriamento do ferro, polo que calculou que a idade da Terra sería de aproximadamente 50.000 anos (doce veces máis do que admitía a Igrexa -o 4004 a.C,-, polo que se tivo que retractar).

A química moderna:Malia os traballos de Robert Boyle, no proceso de conversión da química nunha ciencia moderna salienta a obra de Antoine de Lavoisier (1743-1794), considerado o pai desa ciencia pola súa contribución á sistematización científica da disciplina, pero que estivo continuamente asistido pola súa muller, Marie de Paulze, quen, alén dos seus traballos de tradución, participou activamente na realización das experiencias de laboratorio, na redacción dos cadernos de notas dos experimentos, na ilustración de aparellos e montaxes e na elaboración do Tratado elemental de química (1789), de Lavoisier, quen salientou no estudo da combustión e do proceso de oxidación dos corpos e no estudo das reaccións químicas en xeral, que lle levaron a formular a lei de conservación da masa.

As mulleres científicas

  • No Século das Luces as mulleres científicas loitaron por ter visibilidade nun espazo masculino. Neste sentido, cómpre salientar tres mecanismos complementarios de visibilización: o papel exercido polas mulleres nos salóns científicos, moitas veces promovidos por mulleres da aristocracia, como o dirixido pola marquesa de Lambert, do que se dicía que fabricaba académicos, ou por Julie Lespinasse, que foi "o laboratorio da Encyclopédie" Así mesmo, aínda que as mulleres foron sistematicamente excluídas das academias e das universidades, o certo o que ao abeiro desas institucións pódese recoñecer a presenza de arredor de cincuenta mulleres, entre as que salientaron a matemática Gaetana Agnesi (1718-1799), a matemática e física Sophie Germain (1776-1831), a química Marie-Anne Paulze (1758-1836), a química Elizabeth Fulhame, a paleontóloga Elizabeth Philpot (1780-1857), a física Laura Bassi (1711-1778), ou a botánica Sara Sofia Banks (1744-1818). Por último, as mulleres salientaron na tradución de obras científicas, como as realizadas por Claudine Picardet ou Gabrielle de Châtelet, tradutora do libro Principios matemáticos de filosofía natural de Newton, e autora do libro Institucións de física (1740), pensado como un libro de divulgación científica destinado á instrución do seu fillo.

Compartir el artículo

stats