Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio e medio ambiente

Protexer a paisaxe, protexernos a nós

As Cíes no Parque Natural das Illas Atlánticas. FOTO: R. Grobas

Vénse de aprobar o Plan Especial do Consorcio dos Peares, unha proposta novidosa na nosa terra que ten como obxectivo protexer os valores paisaxísticos e patrimoniais desta zona tan significativa dacabalo entre dúas provincias, catro concellos e punto de unión dos ríos Miño, Sil e Bubal. O proxecto responde á necesidade de ofrecer unha actuación respectuosa co medio ambiente, primando a rehabilitación do patrimonio construido, e contará con actuacións sobre o urbanismo, o viario, a creación de zonas verdes, etc.

Vivimos nunha sociedade de dicotomías. Dunha banda, o noso modo de vida lévanos á destrución masiva do planeta a un ritmo frenético e insostible. Mais, ao mesmo tempo, e probablemente de xeito irremediable xa que non nos queda outra, podemos afirmar que o ecolóxico está de moda. E non só no comer senón que, fundamentalmente, asistimos a un xurdimento imparable do que podemos chamar a conciencia ecolóxica. Queremos un móbil con cobertura total no noso peto, queremos amorodos en xaneiro-xa se empezan a ver- pero tamén queremos disfrutar dunha bela paisaxe e sentirnos integrados e conformados por ela.

Defínese patrimonio como "o conxunto de bens culturais que poden conservarse, potenciarse e disfrutarse". Cada sociedade, en cada momento histórico, decide que quere considerar patrimonio e, por ende, cales son aqueles elementos que pretende valorar, protexer e legar como imaxe do seu ser como entidade colectiva. E nestes tempos de respecto á Terra, a Natureza e á paisaxe, o patrimonio medioambiental convérterse nun valor en alza. Paralelamente, e de xeito paradoxal tamén, nunha época de fondo individualismo vanse consolidando con forza os chamados Dereitos Humanos de terceira xeración; isto é, aqueles que converten en dereito universal a dimensión supraindividual e colectiva da nosa vida, e aquí topámonos unha vez máis co Dereito de todo Ser humano a disfrutar da paisaxe e da natureza.

O que decidamos definir como patrimonio estará marcado pola nosa historia, por todo aquilo que nos fixo chegar ata aquí e sermos o que somos hoxe, e guiará entón o que queremos devir como sociedade, a maneira en que nos queremos presentar ante o mundo. É importante destacar a forza simbólica das nosas eleccións patrimoniais, e que o medio ambiente estea entre elas dános a esperanza de pensar que non todo está perdido. Cómpre subliñar, aínda que só sexa de xeito analítico, que esa paisax merecente da nosa protección é unha paisaxe cultural, o resultado indisociable da natureza e a actuación humana, cargada dos significados e valores da sociedade na que emerxe e se desenvolve.

E do plano simbólico ao plano legal. Nos países da nosa entorna a conexión medio ambiente-patrimonio histórico é unha constante reforzada nos textos legais máis importantes que garanten sen discusión a conservación e disfrute. Aquí, como noutras cousas, imos algún paso atrás pero desde hai xa certo tempo as leis protexen sen ambivalencias o pratrimonio histórico, material, inmaterial e medioambiental.

En Galicia contamos hoxe en día co Parque Nacional das Illas Atlánticas; seis Parques Naturais; seis Reservas da Biosfera; unha interesante escolma de Lugares de Importancia Comunitaria e Zonas de Especial Protección de Aves pertencentes á Rede Natura; está en marcha á campaña pola Declaración de Patrimonio da Humanidade para as Illas Cíes, algo que se solicita tamén para a Ribeira Sacra; hai numerosas iniciativas reivindicando a protección de lugares de interese ecolóxico e medioambiental, como as levadas a cabo na Serra do Galiñeiro? E alén de todo isto deberíamos falar tamén do traballo máis pequeno, de concellos e mesmo particulares por loitar contra o feísmo que asola moitas das nosas paisaxes, que preside moitas construccións ao longo do noso territorio. En definitiva, coidar a paisaxe para coidármonos a nós mesmos, para non esquecer quen somos nin de onde vimos e para abrírmonos o camiño cara o que queremos ser.

Compartir el artículo

stats