Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na procura da beleza

Relatos para alicerzar a esperanza

Na procura da beleza

Publicado por Ir Indo e con cuberta deseñada por Antón Pulido (cousas, ambas, de lóxica necesaria) chega a nós O tempo escuro, da pluma, exercício e enxeño de Modesto Hermida. Ten un interesante, como non, prólogo de Ramón Nicolás, ao que nos remitimos para mellor afondamento, ao tempo que, digámolo xa -senón, enriba, seriamos contraditorios-, recomendamos a lectura deste libro ameno e gratificante, ademais doutras moitas cousas, polo que logo diremos. Pero, adiantemos tamén, que imos atopar o Modesto Hermida puro (ou o puro que se poida ser nunha obra deste tipo), tanto en canto á procura da beleza narrativo-descritiva como, sen poder evitalo, mostrar a súa personalidade puntillosa e mesmo retranqueira, e iso co valor de que a literaturiedade se manteña brillante. Así o podemos comprobar de contino, e, a modo de exemplo, ao comezo de "Esencias que perviven" podemos ler cousas como: [?] se cadra por abril, xa ben esfarnado o viño, ou vides esfarnadas que, en realidade, o que esfarnan son as vides, ou cepas, da mesma maneira que florecen as mazairas, que non son as mazás as que florecen [?]".

Trátase dun libro de relatos estruturado en tres tramos ou grupos ben diferenciados, "Relatos de Valdelama" (8), "Relatos urbanos" (3) e "Referencias" (5), que veñen ser tres núcleos vitais: a infancia, que se corresponde co tempo máis escuro, os relatos da Galicia interior entre Faro e o Farelo, entre as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, con referencias á emigración americana, nos tempos da posguerra, o que nos lembra a Balbino, Neira Vilas e o neno labrego, e que vén sendo un exercicio máis de memoria que de memorias, de regreso, de rememoración, de nostalxia, de morriña e aloumiño. "Mi infancia son recuerdos de un patio de Sevilla, y un huerto claro donde madura el limonero", que dixo Machado, ou "Ven, Anisia, imos percorrer, collidos pola man, os lugares da miña nenez" (a cerdeira florida, a figueira ramosa, a fonte cantareira?), como dixo Neira Vilas en Lar, porque o certo é que, como acertadamente apuntou Rainer Maria Rilke, a infancia é a verdadeira patria do home (da persoa, quería dicir), e as lembranzas desa época non só forman parte intrínseca da nosa vida, senón que ademais estructuran a base da nosa personalidade e devir vital. Tamén por veces un refuxio da idade máis adulta. Dedícalle esta parte aos seus pais, "que combateron pola subsistencia digna naqueles tempos escuros".

Nos "Relatos urbanos" segue a vida na idade adulta, mentres as "Referencias" xorden dedicadas aos fillos, na esperanza de que nunca carezan del tal. Fagan o favor de lelas, non se arrepentirán.

HERMIDA, Modesto, O tempo escuro, Ed. Ir Indo, Vigo, 2018, PVP.14, 90 ?

Compartir el artículo

stats