Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na casa do Nobel

FDC Casa Museo Egas Moniz (Avanca, Estarreja)

Retrato do Premio Nobel portugués.

A vinte quilómetros de Aveiro atópase Estarreja, unha cidade recortada por liñas de auga (canles, estuarios, ría?) que forman unha sorprendente paisaxe. Á súa historia e aos seus moitos encantos suma o feito de ser o berce do premio Nobel portugués -ademais de político e diplomático- António Caetano de Abreu Freire Egas Moniz, nacido o 29 de novembro de 1874 e que en 1949 recibiu o galardón no apartado de Fisioloxía e Medicina xunto co neurólogo suízo Walter Rudolf Hess. O palacete onde viviu o neurocirurxián luso, na súa vila natal de Avanca, é a Casa do Marinheiro, ambientada cos gustos do médico e onde pasaba longas tempadas. Levantado no século XVIII, o edificio está catalogado como Imóvel de Interesse Público e nas súas salas alberga desde importantes coleccións de porcelana a pinturas ou gravados, ademais de obxectos referentes aos descubrimentos do científico no campo da anxiografía e da leucotomía prefrontal.

Hai noticias da Quinta do Marinheiro desde finais do século XVIII, aínda que a casa actual é un proxecto do arquitecto suízo Ernesto Korrodi, executado entre 1915 e 1918 a petición do propio Egas Moniz, nacido no palacete no referido 1874. A edificación caracterízase por unha arquitectura de volumes claros que se inspira nos valores estruturais do estilo renacentista de tradición solarega. Diante da fachada atópase un muro con portón que se abre a un patio, onde poden verse os escudos de Resendes, Abreus, Freires e Pereiras. O alzado posterior ten tras de si un xardín de grandes dimensións con numerosas especies vexetais. Obsérvase no conxunto unha gran unidade, alcanzada a través do detalle do tratamento dos elementos decorativos e arquitectónicos.

No interior hai división entre as que eran zonas públicas e privadas, con especial relevo dalgunhas dependencias que conservan os teitos de madeira e as pinturas das paredes, ademais da grande escalinata de acceso e de comunicación entre os pisos e unha estancia que faría de oratorio, onde se atopa un retablo de gusto neoclásico.

A casa museo mostra non só ao médico -falecido o 13 de decembro de 1955- coa exposición dos seus descubrimentos científicos, senón tamén ao home de gusto refinado a través dos obxectos de arte (pintura, cerámica, mobiliario, prata...) que reuniu neste edificio e noutro que posuía en Lisboa.

Nesta casa naceran os seus devanceiros e nela tamén naceu o científico, que non tivo descendentes do seu matrimonio con Elvira de Macedo. A transformación en espazo museístico supuxo culminar o desexo expreso do neurocirurxián e da súa esposa, denominándoo primeiro Museu Rexional para converterse, o 14 de xullo de 1968, en casa Museu Egas Moniz.

Como consumado coleccionista que era, dotado de bo gusto e perspicacia, Egas Moniz reuniu ao longo da súa vida fermosas pezas, raras e únicas, que se poden ver na súa morada natal, desde porcelana da Compañía de Indias a Sevres ou pezas antigas da tradición portuguesa. En pintura hai obra de artistas como Carlos Reis, Eduarda Lapa, Abel Salazar ou Henrique Medina, entre outros. Hai gravados, esculturas, debuxos, vidros de Vista Alegre e de Marinha Grande ou de Baccarat. Tamén ourivaría, tapicería e outros elementos que mostran á persoa no seu ambiente familiar.

Ademais da sección artística, a Casa Museu Egas Moniz posúe o importante apartado científico que presenta os obxectos referentes aos seus descubrimentos da anxiografía, cunha exposición gráfica das etapas sucesivas das investigacións que conduciron á primeira visualización radiolóxica das arterias cerebrais dun home vivo. Tamén da leucotomía prefrontal, no xénero de exposición que foi presentada polos seus colaboradores do hospital de Santa Maria e do centro hospitalario Júlio de Matogueiras.

A quinta ao natural

  • Á beira da museo Egas Moniz atópase o amplo xardín e o parque, coñecido como Quinta do Marinheiro, por onde pasa o río Gonde. O neno António Caetano e os seus amigos suspiraban -como el mesmo conta- por nadar nas súas augas, desatendendo a prohibición paterna. Neste espazo o Nobel xogou e medrou. Hoxe é un atractivo traxecto de natureza que mostra os percorridos do médico nesta contorna privilexiada. Neste marco da quinta tamén se atopa o Moinho de Meias, un enxeño hidráulico recuperado e integrado no Plano de Valorização do Património Arquitetónico e Paisagístico da Casa-museu Egas Moniz. No interior a estrutura mantense como outrora, conservando os mesmos espazos e moendo como daquela. Na vella cociña hai un forno con lareira igual que sempre. O curral onde antes estaba a mula foi transformado nun espazo amplo onde se poden organizar actividades lúdicas e pedagóxicas. En Estarreja hai moitos outros motivos de visita. Ademais da súa natureza, arquitectura e monumentos conta con outro museo, o Solheiro Madureira, en honra ao insigne veterinario, colaborador con Egas Moniz en converter a Quinta do Marinheiro nunha vaquería modelo. Rodeouse de homes de gran cultura como o propio neurocirurxián, que lle aconsellaron na selección e recuperación de obras de arte que foi adquirindo.

Compartir el artículo

stats