Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"A sociedade rural é, neste momento, a máis rica en valores"

Ana Cabaleiro - escritora e xornalista

A escritora Ana Cabaleiro, nada en Saídres, Silleda. FOTO: alba sotelo

-De onde lle vén a paixón por escribir, por contar historias?

-De tanto ler, como a don Quixote, só que as miñas andanzas van polos camiños da tecla e a pantalla do ordenador. De tanto ler e de tanto soñar a partir daquilo que leo. E tamén de tanto escoitar historias ben botadas na miña infancia, saídas da boca das e dos maiores da miña aldea. Agora xa se perdeu esa habilidade para a narración oral, pero hai corenta anos era unha arte cotiá.

-Ademais de ser a autora, hai algún fío que una os relatos de Sapos e Sereas , o seu primeiro libro, coas historia que conta en As Ramonas ?

-Aparentemente, non. Sapos e Sereas está conformado por relatos pechados, que funcionan como unidades independentes, se ben todas teñen un fío común que é o xogo e a satirización do estereotipo de xénero a través dos contos infantís e da idea do amor romántico. Mentres As Ramonas ten unha estrutura moito máis parecida a unha road movie, é unha fuxida cara adiante cun fío condutor personificado na protagonista da historia, nas súas circunstancias e, no que poderiamos denominar, a súa loita vital por triunfar como artista.

-Por que o título de As Ramonas ?

-Dunha banda, porque neste momento en que se están a recuperar moitos dos nomes tradicionais como Manuela ou Pepa, ninguén aposta pola recuperación de Ramona. Neste sentido, é como unha especie de rebelión ante o esquecemento deste nome que, ademais, foi o nome de moitas de nosas avoas e bisavoas. Doutra, porque ao nomear a todas as personaxes significativas da novela co mesmo nome, quería poñer en evidencia a singularidade que temos cada unha de nós dentro dun colectivo. Agora que está tan de moda falar da 'muller' e dos problemas e reivindicacións da 'muller', non debemos esquecer que 'a muller' non somos un colectivo homoxéneo. Por iso as Ramonas que aparecen na novela, a pesar de chamárense todas igual, son todas diferentes e ademais correspóndense cos roles comúns que as mulleres temos na sociedade: avoa, nai, amante, esposa,, muller traballadora, muller en paro ?

-"A poesía é unha arma cargada de futuro" dicía Gabriel Celaya. Cre que a literatura pode servir tamén como motor de cambio nas conciencias, no xeito de pensar?

-Eu estou absolutamente convencida de que todas as artes, e polo tanto a literatura tamén, nacen da necesidade de aprehender o mundo, o tempo que nos toca vivir, con todo o que iso implica: tanto o pasado herdado como as loitas coas que queremos avanzar cara a unha sociedade mellor. Para min, se un libro non me deixa pouso na conciencia, é un libro prescindible.

-En As Ramonas fai Vde. un retrato da sociedade rural, algo que era moi común na literatura galega de hai trinta ou corenta anos, pero que semella esquecido agora mesmo. Ten futuro a sociedade rural ou camiña inexorable cara á súa extinción?

-É obvio que o rural actual non ten nada que ver co de hai trinta ou corenta anos. Nin sequera se pode falar xa da situación do rural como algo uniforme. Hai rural en zonas de Galiza que está quedando abandonado e hai outras zonas, como o Deza que aparece retratado en As Ramonas, que permanece perfectamente habitado. Na miña aldea apenas hai casas abandonadas, ou cando menos non hai moitas máis casas abandonadas que cando eu era cativa. O que si cambiou é a forma de vida. Xa practicamente ninguén gaña o sustento ao pé da casa, o común é desprazarse, a dependencia absoluta do coche, a importancia que adquiren as comunicacións e o problema que supón a ausencia de políticas axeitadas que afronten esta circunstancia. Esta parte é a que aparece con máis forza na novela, porque a protagonista perde o carné de conducir e ten que procurar quen a leve e a traia para traballar e visitar a familia. De feito, a singularidade do libro é que toda a trama vai acontecendo no interior de sucesivos coches.

-Se hai alguén que pode salvar a sociedade rural e os seus valores, teñen as mulleres todos os números para ser quen de facelo?

-A nivel de valores, a sociedade rural é a mellor situada neste momento. Mantén a equidistancia entre a tradición, a riqueza da terra e da natureza,e as posibilidades das novas tecnoloxías, de internet, das redes sociais e das comunicacións móbiles. Non creo que haxa que salvar a sociedade rural, o que hai é que valorala como o que é, a sociedade máis rica en valores do momento, e isto é tarefa de todos e de todas.

-A protagonista desta novela chámase Mona. En que semellan Mona Otero e Ana Cabaleiro?

-En absolutamente nada (afortunadamente). De todos os xeitos, calquera de nós pode ser unha das Ramonas da novela nun momento determinado da vida, porque As Ramonas son mulleres moi reais, do noso día a día, cos nosos defectos, cos nosos medos e coas nosas covardías, pero tamén coas nosas aspiracións e cos nosos soños.

-Ademais de escritora, é Vde. xornalista. Hai na súa escrita literaria pegadas das formas narrativas do xornalismo ou ten moi claro que hai que separar unha cousa (o xornalismo) de outra (a literatura)?

-É como ter dúas casas, e gústame vivir nas dúas. Creo que son complementarias pero non análogas, non se debe confundir xornalismo con literatura. Eu sepároas moito, por respecto, para non faltarlle a ningunha.

-Tamén ten Vde. traballado no ámbito da discapacidade intelectual e no da cooperación no desenvolvemento. Podería falarme destas experiencias?

-Son experiencias dun valor incalculable na miña formación como persoa. Non coñecín persoas máis loitadoras nin historias de superación máis grandes que as que coñecín nestes dous ámbitos. Tamén me fixeron crer na parte boa do ser humano ao coñecer a todas as persoas que, desinteresadamente, empregan o seu tempo e o seu esforzo en loitar por un mundo más xusto e menos deshumanizado.

-Síntese parte dunha xeración de escritoras galegas que están a achegar un novo xeito de entender a creación literaria?

-Síntome herdeira de varias xeracións de escritoras que foron abrindo camiño na literatura galega con moito esforzo, con tesón e con firmeza e, por suposto, con moitísimo talento -Xela Arias, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Anxos Sumai, por citar algunhas- . Oxalá as autoras que comezamos agora sexamos quen de facer xustiza ao seu legado.

-Que supón para Vde. gañar o Premio García Barros e, ademais, facelo cunha novela coma esta, retrato dun mundo que coñece moi ben?

-A obra de Manuel García Barros estivo moi vinculada á súa terra estradense e á súa procedencia labrega. Neste sentido, para min é unha feliz circunstancia que As Ramonas queden para sempre vinculadas ao seu nome, porque é un libro que ten as súas raíces no rural. Certo é que o rural non é o tema central da novela pero, á súa maneira, mantén e actualiza a vixencia dun dos sinais de identidade fundamentais da nosa cultura.

Compartir el artículo

stats