Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Co ornamento preciso

Barahúnda: Por Onde vai o mar

Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro: Barahúnda, dous de Madrid que xa son de Rianxo, por Onde vai o mar.

Ben sabemos que o mundo está cheo de músicas fermosas, cargadas ata as canizas de vida, enerxía, cores e fantasía e que case sempre latexan ben lonxe dese ruído mediático que, por costume, adoita mirar para outro lado sen demasiada sensibilidade por cousas ben boas e interesantes. Tamén sabemos que ese mesmo mundo do que falamos está cheo de historias tan engaiolantes como esas súas músicas e que incluso moitas veces unhas e outras se retroalimentan e se dan luz e solaz, acadando universos que fascinan pola súa particularidade e beleza.

Hoxe falamos dun proxecto musical que habita nesas vizosas terras das que tratamos. Chámanse Barahúnda e os seus responsables son Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro. Dous de Abuín, aló por Rianxo, chegados de Madrid. Alí naceron e alí cruzaron os seus camiños musicais e vitais. José era guitarrista dunha banda de rock chamada La Mala Hora e ela, que seica tiña amizade co baterista da formación, foi convidada para unha colaboración con eles. Ela formaba parte de Trasgo, unha banda folk, e era clienta da Taberna de Elisa, local mítico do folk madrileño onde contan que as foliadas eran das de auténtico luxo. Recunchos de música celta en Madrid que amosan ás claras que a música nin ten cancelas nin ninguén debe poñerllas. El comezou a frecuentar o local e o resto da historia xa a podedes imaxinar. Unha relación persoal que, ao pouco e loxicamente, recuncou nun fecundo dúo musical. Barahúnda, que en castelán vén ser ese balbordo ruidoso provocado pola desorde e que neste caso nada aparenta ter que ver co concepto músical dun proxecto que zumega xeito, moito poder evocador e solidez lírica a esgalla. Comezaron a súa andaina no outono do 1998 e a súa historia discográfica no 2002 cun traballo titulado Al sol de la hierba no que xa asentaban moitas das liñas argumentais que o proxecto ía percorrer até o seu recente Onde vai o mar: un traballo que, segundo eles contan, é froito deses vinte anos de experiencias e músicas e co galego como pedra angular, arredor da que se constrúe todo o seu universo. Letras propias en varias cancións e tamén achegas de poetas como Xosé Iglesias e Teresa Moure ou incluso viaxes no tempo até o século XII con cantigas galego-portuguesas, e todo enchoupado da musicalidade e o traballo compositivo de Barahúnda. Tamén un tema de Narf musicando a Lorca nun dos seus Seis poemas galegos. Tremendamente máxica, evocadora e recomendable esa conexión Lorca-Narf-Barahunda. Tamén hai sitio para Zeca Afonso e mesmo para un alalá rianxeiro.

Onde vai o mar é un deses discos que presta escoitar do tirón mentres te deixas levar polos vieiros que che propón, sen rutas moi predeterminadas nin demasiados plans na cabeza. Un traballo para navegar no ronsel das mareas e empuxados con toda a forza por ventos caprichosos que te arrastran de illa en illa nun camiño de ida no que a volta aínda é unha quimera. Un disco no que a voz de Helena arrola, goberna e alimenta con forza, versatilidade e luminosidade. Folk de suave tacto, directo e honesto. Co ornamento preciso e sen aditivos que agochen a que ole cada canción nun exercicio no que chama a atención a dificultade para poñerlle etiqueta. Dous de Madrid que xa son rianxeiros, e de Abuín, dende hai unha década onde o mar, o aire, o verde, a cultura e o noso idioma os conquistou. O dito: historias fermosas que detrás traen músicas tamén ben fermosas, ou viceversa se preferides. A premisa agora é clara: a viaxar con eles por onde vai o mar.

Compartir el artículo

stats