Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ricardo Grobas: "Fotografar o mar de Galicia reláxame e faime sentir pleno"

Ricardo Grobas, xefe de fotografía de FARO. FOTO: ALBA VILLAR

-Ademais de exposicións, o mar protagoniza tamén varios dos seus libros xa publicados. De onde lle vén esa paixón e de cando esa tendencia a fotografar o mundo mariño?

-Eu nacín en Chapela e, aínda que na miña familia non había mariñeiros -meu avó procedía da zona de Tui-, tanto meu pai como meu avó sempre viviron mirando o mar. O meu avó tiña a súa típica chalana coa que saía pescar, e a min encantábame ir con el. De cativo xa intentei construír un barco cunhas táboas dunha obra que, nada máis botalo, afundiu e xa dende moi novo comecei a mergullar e a navegar. É certo que tamén me iniciei axiña coa fotografía, pero durante toda a miña mocidade foron dous universos diferentes: fixen da fotografía o meu medio de vida e tiña o mar como espazo ao que escapar e desafogar. Co tempo mudei o chip e tiven a necesidade de atrapar coa cámara todo o que me daba o mar, e descubrín que fotografar o mar me producía sensacións pracenteiras, que me relaxaba e me facíame sentir pleno.

-Que criterios seguiu para seleccionar as cincuenta fotografías que componen esta exposición, Ondas do mar de Galicia ?

-Por un lado, procurei que todos os tramos da costa galega estivesen representados nesta mostra. E, por outro, seleccionei aquelas fotografías que máis traballo me custaron e que aportan visións diferentes dos lugares fotografados. Quero dicir, que moitas destas imaxes foron buscadas, tiven que facer moitas visitas aos lugares ata atopalas.

-E cales son esas que máis traballo lle custou conseguir e por que?

-Como che comento, moitas destas fotografías non son froito dun momento, senón que requeriron certa planificación. É dicir, que eu estudo os lugares, teño en conta non só a perspectiva dende onde vou tomar a foto, senón o efecto que desexo, e vexo a imaxe na miña mente. Para iso teñen que darse determinadas circunstancias, como che dicía: sei a que hora se pon o sol nese lugar, como bate o mar, como é con marea baixa, como cambia se a marea é alta? polo que volvo ao lugar moitas veces, tentando conseguir a fotografía máis plástica posible. Algunhas destas fotos custáronme anos facelas. E, aínda e todo, sei que volverei aos mesmos sitios porque sempre atoparei algo novidoso neles.

-Vostede compaxina a fotografía xornalística coa fotografía artística. Esta mostra dende que punto de vista está concibida?

-Eu diría que non é nin unha cousa nin a outra, aínda que no fondo as miñas imaxes se deban á miña forma de "contar" ou de "retratar" as cousas e ao meu propio gusto estético. Eu son fotógrafo, a secas, e en cada traballo adopto a actitude que require. Nesta mostra recréome na beleza da natureza, nas formas da nosa costa, no encanto da arquitectura dos faros ou das vilas mariñeiras e procuro realzalos ao máximo coa elección do momento, da luz, do estado do mar?

-Dentro da exposición hai imaxes de temporais. Como se fotografía un temporal sen caer no "amarelismo"?

-Se entendemos "amarelismo" como a realidade máis descarnada, un temporal é xa de seu descarnado. E, dende logo, para fotografalo, o que hai que ter é sentidiño. Nestes casos, podo asegurarche que a mellor foto é a que queda por facer. A xente vólvese moi tola agora coas fotos e os vídeos para colgar nas redes sociais, e cómpre concienciarse sobre o perigo das ondas nos paseos, os peiraos ou os cantís, e non confiarse, porque non coñecemos como vai comportarse a seguinte onda.

-Ao longo da historia da fotografía, moitas das fotos máis famosas débense á casualidade ou, se o prefire, a estar no lugar axeitado no momento oportuno. Algunha destas fotos da mostra é produto, efectivamente, de "estar no lugar axeitado no momento oportuno"?

-Como dis, hai fotos que son únicas, por iso fan historia. O momento pode ser casual ou podes agardalo, pero a clave é sempre o momento, e iso ten que ver ás veces co azar e, outras, coa capacidade do fotógrafo de anticipalo.

-Cos avances tecnolóxicos, hai moitos fotógrafos que non poden resistir a tentación de facer algunha que outra corrección dixital ás súas fotos. Recorreu vostede a esta ferramenta nalgunhas das imaxes que podemos ver expostas no Museo do Mar?

-Claro que si. Podo modificar o encadre e axustar certos niveis de contraste, cousas que tamén se facían cando non existía a tecnoloxía dixital. Isto é o normal porque a tecnoloxía está para usala. Agora ben, eu son fiel ao que entra na cámara, polo que non utilizo o photoshop máis que para o substancial. Eu gusto de xogar coa luz e busco a luz que poida engrandecer a imaxe. Agardo a que desapareza unha nube ou a que a tormenta se coloque onde a min me interesa, por exemplo. Ás veces ocorre e ás veces non, como che dicía antes, pero todo ese xogo que permite a luz natural combinada coa técnica fotográfica dá lugar a imaxes sorprendentes. Para min ese é o encanto da fotografía como técnica. Non me gusta alterar as imaxes con certos efectos que non son reais. Pero, como che digo, non teño nada en contra desas ferramentas que, polo demais, substitúen o uso de filtros, por exemplo, ou certos retoques que antes se facían no laboratorio.

-Nas fotos desta mostra non hai "elemento humano", algo que é case obrigado na fotografía xornalística. Por que decidiu que non apareceran persoas en Ondas do mar de Galicia ?

-Non é algo premeditado, senón intrínseco á motivación destas fotografías, que non é outra que captar a beleza da paisaxe. Lembro que Estro Montaña escribiu neste mesmo suplemento que no meu libro Galicia, todo un mundo,do que salientaba precisamente a ausencia do "elemento humano", eu viña "dignificar un país con Historia". Iso gustoume moito, porque vén reflictir o sentimento de orgullo por Galicia que me impulsa a proxectala. O que non quere dicir que me esqueza das súas xentes, ao contrario: agora mesmo traballo noutro proxecto no que a paisaxe humana ten moito protagonismo.

Compartir el artículo

stats