Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da Terra ao Ceo

Lembrando a Samuel Eiján

Samuel Eiján (1876-1945).

A figura de Samuel Eiján ten permanecido semiesquecida durante décadas. Ben poucos ?aínda que escolleitos? teñen sido os que se ocuparon da súa escrita nos tempos recentes. Porén, a súa obra amosa un interese histórico-documental innegable, pois representa un dos fitos da poesía relixiosa galega.

Galeguismo e espiritualidade, idioma de noso e transcendencia constitúen binomios que acompañan a historia de Galicia dende os inicios. Entre outros motivos porque, durante moito tempo, foi a ámbito relixioso un dous poucos espazos alfabetizados con capacidade para xerar escrita na nosa lingua e porque a súa importancia social espertou, de sempre, reaccións a favor e en contra. E isto foi así igual na Idade Media ca no Galego Medio ou no Rexurdimento, pois non é preciso máis que recordar as Cantigas de Santa María, as obras de Martín Torrado ou Diego Antonio Zernadas e Castro, o labor das escolas santiaguesa e mindoniense de cantores do Nadal, a escrita de (pre)rexurdimentistas como Vicente Turnes, Alberto Camino, Francisco María de la Iglesia e Marcial Valladares ou a relixiosidade popular de Pondal, a indagatoria filosófica do transcendente de Rosalía e a rexa crítica anticlerical de Curros Enríquez.

Esta tradición é a que herdou Samuel Eiján (Leiro, 1876-Compostela, 1945), quen axudou a afirmala e engrandecela coa súa poesía relixiosa, recollida, fundamentalmente, nos libros Mágoas (publicado en 1902 e reeditado en 1913), D'a-y-alma (1915) e Froliñas de San Francisco (1926) e mais nunha sección do bilingüe Aleteos (1926).

A teopoética de Eiján converteuno no escritor confesional galego máis recoñecido do seu tempo, o que fixo que fose nomeado correspondente da Real Academia en 1915, pasándoo a ser de número en 1941; que ingresase tamén en 1915 no prestixioso Instituto Histórico do Minho; ou que pasase a formar parte en 1926 do Seminario de Estudos Galegos.

De por parte, Eiján foi un dos persoeiros máis relevantes da igrexa católica galega da primeira metade do XX. Neste sentido, cómpre lembrar que, na orde franciscana á que pertenceu, non houbo cargo que non ostentase: superior da Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén, discreto da Terra Santa, secretario da Procura Xeral, guía de Peregrinacións, superior de Ribadavia, comisario provincial da VOT, ministro da Provincia Seráfica de Santiago ou custodio provincial e comisario de Terra Santa.

A poesía de Eiján asenta nunha visión radicada do transcendente; é dicir, que o camiño que conduce a Deus ten unha orixe, un lugar do canto que é, ao tempo, nacenza e espello de todo: Galicia e, dentro desta, o seu Ribeiro natal, da Terra ao Ceo.

A partir desta idea central, nos seus versos van comparecendo outras temáticas complementarias, como a saudade da infancia, o laio pola dureza da emigración, a loa de Deus, a contraposición materialismo/espiritualidade, a atención á institución e culto relixiosos, a contemplación melancólica da paisaxe ou a percepción da vida como un val de bágoas, tránsito fatigoso cara á eterna felicidade do Alén no Señor.

Todo este territorio teopoético concrétase en cada un dos seus tres poemarios galegos nunha estrutura distinta, mais cunha retórica e estética semellantes, un universo de influencias común e coincidentes conexións cos seus libros de versos en castelán.

Toda esta intensa e extensa peripecia vital e autorial é a que centrou a xornada "Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega", coorganizada pola Provincia Franciscana de Santiago, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, que tivo lugar onte no Convento de San Francisco en Compostela. Neste simposio trazouse unha completa radiografía do tempo do autor, do seu pensamento, da súa poesía e da relación do clero católico e o galeguismo.

Ogallá iniciativas como esta sirvan non só para volver traer á primeira liña figuras de relevo como a do poeta franciscano Samuel Eiján, senón tamén para afondar nas raíces do transcendente literario galego, un eido no que cómpre seguir a laborar.

Poesía reunida

  • No marco da xornada "Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega" deuse a coñecer a Poesía reunida do escritor, un volume de máis de medio milleiro de páxinas no que se recolle a súa produción poética galega publicada en libro: as dúas edicións de Mágoas, o poemario D'a-y-alma, o romanceiro Froliñas de San Francisco e parte de Aleteos. A obra, que aparece baixo o selo conxunto da Provincia Franciscana de Santiago, a Xunta de Galicia e mais a Real Academia Galega, incorpora material gráfico ata o de agora inédito e ten o valor de facilitar ao lectorado dos nosos días a consulta de libros case inaccesibles dende hai un século, ao tempo que engade a esta recuperación un amplo estudo introdutorio que ofrece todas as claves biográficas, epocais e literarias para mellor comprender o notable legado que nos feu deixar Samuel Eiján.

Compartir el artículo

stats