Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bágoas que espetan na retina

Para unha grata competencia

Bágoas que espetan na retina

Chega ás miñas mans un libro primeirizo, Alá onde nos leve o vento, de Miguel Ledo Roca (As Pontes, 1999) e de Carmela Franco Caaveiro (As Pontes, 1999) e, tamén, colaborativo. Os dous xovencísimos autores distribúen as súas tarefas na súa edición. Miguel Ledo foi o encargado das ilustracións (debuxos e material fotográfico creativamente alterado), mentres que Carmela Franco foi a responsábel dos textos. Antes de os reseñar, gustaría comentar algo tan obvio como necesario: iniciativas como as da Editora Toxosoutos (publicar autores que comezan a despuntar na república das letras) son sempre de agradecer, máxime cando as limitacións editoriais no ámbito da poesía, por mor da consabida crise, mermaron e atenazaron voces que puideron abrollar, mais que ficaron nun ominoso silencio. Por iso, debemos parabenizar ditas iniciativas.

O poemario que agora comento inclúe un emocionado prólogo de Yago Rodríguez Yáñez, onde podemos ler: "As sombras non son eliminadas desta obra senón que respiran tenuemente, de esguello, agardando indecisas no instante do coñecemento". Creo moi feliz esta declaración pois aclara os ás veces turbulentos vieiros polos que transita a poesía da nosa autora. Esta desazón interior adquire case sempre unha dicción de delicada sutileza expresiva, como na peza que abre o volume e cuxo final transcribo: "Marchamos./Crono non fixo amasios do amor,/desandou o camiño da lúa./Sen." Esa preposición final, sabiamente deixada sen acompañamento, deixa na intemperie o corazón da poeta, que expresa unha soidade tan profunda que nengún vocábulo (substantivo, adverbio ou indefinido) poderá facerlle compaña na dura vida do vivir.

Por estas páxinas circulan bágoas, indagacións dolorosas que se espetan na retina do lector: "O porqué de irmos lonxe/diste mar,/de sermos ceibes./se fóra deiquí,/non somos". Unha observación. Cada un dos vinte poemas (homenaxe a Neruda?) vai acompañado, como antes indicamos, polas ilustracións de Miguel Ledo, por un símbolo de orixe celta e por unha citación literaria. A través das lecturas que se citan descóbrense os intereses da nosa escritora: vinte referencias que nos levan desde grupos de música pop até a autores comprometidos co social (Blas de Otero, Manuel María), desde as intimidades magoadas de estupor (Ferrín) até á poesía da experiencia (Gil de Biedma), desde a voz alucinada (Pizarnik) ao abismo iniciático (Díaz Castro). E algo disto hai en moitos versos: feridas, desencontros, medos interiores. Polo proceloso existir atoparemos moi fermosos achados: "Ós que hoxe escribo,/bagoando distante ese mundo de cor/que hoxe,/anega a miña lembranza;/a irrealidade". É unha grata competencia do lector atopalos nestas follas.

LEDO ROCA, M./FRANCO CAAVEIRO, C., Alá onde nos leve o vento, Ed. Toxosoutos, Noa, 2018, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats