Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un relato apaixonante

Tan lonxe e tan preto de nós

Un relato apaixonante

Novamente temos a ledicia de poder ler en galego un libro universal, dun clásico moderno, da man de Rinoceronte Editora, a través do seu selo Sushi books, en tradución do español de Moisés Barcia. Trátase de Un puñado de estrelas, do sirio Rafik Schami (nome real Suheil Fadél, Damasco, 1946), que foi químico ata que nos anos sesenta comezou a súa andaina como escritor e editor, se ben nos anos setenta se trasladou a Alemaña para continuar estudando química en Heidelberg e doutorarse, país no que se asentou e do que obtivo a dobre nacionalidade, integrándose tamén na súa cultura literaria. O seu último libro, O lado escuro do amor (unha historia de amor ambientada no Damasco dos 60 protagonizada por familias cristiás enfrontadas por cuestión relixiosas), de 827 páxinas, é tamén a súa obra mestra, escrita ao longo de trinta anos.

Precisamente Un puñado de estrelas (1987) é o xerme de O lado escuro do amor, cousa bastante frecuente entre grandes autores que reescriben obras iniciais ata conseguir textos inesquecibles. E é que en efecto, na primeira obra, que estrutura como o diario dun rapaz no que se recolle, con grande mestría, toda a diversidade social da capital siria. Ao longo de tres anos o rapaz recolle as vivencias propias, persoais pero paradigmáticas, da transición adolescente, e tamén a vida da cidade, multicultural e multirelixiosa, as desigualdades e as inxustizas sociais. Vese obrigado a deixar a escola e pórse a traballar, pero o seu espírito rebelde lévao a fundar con outros coma el un xornal clandestino onde poder denunciar as desigualdades e inxustizas da época (anos oitenta).

É así unha narración de tintes políticos, transcendidos dos valores universais, na que abrollan e se condensan as obsesións persoais de carácter universal do autor, contrapoñéndose a amizade e a traición, a acción política e o escepticismo, a corrupción e o falso patriotismo, os dereitos humanos e a censura, o conflicto social e a solidaridade, a moral e os instintos, o valor e o medo, o amor entre os seres humanos e o odio tribal e irracional? Un retrato apaixonante dunha sociedade antiga e atávica e as aspiracións de cambio social e modernidade, con todos os conflictos e enfrontamentos imaxinables.

Tan lonxe e tan preto de nós, pero só posible de ser escritos e descritos fora do país, para expresarse en liberdade e mesmo para poder ser lido e escoitado.

Nin que dicir ten que se trata dunha lectura máis que recomendable, non só literaria, senón tamén social, política e culturalmente, en sentido ben amplo.

SCHAMI, Rafik, Un puñado de estrelas, Ed. Sushibooks, Cangas, 2018, PVP. 15, 20 ?

Compartir el artículo

stats