Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pondal e as táboas

Fillos do sol: a grande aposta de Cándido Pazó

César Cambeiro e Alba Bermúdez nun momento da representación da peza.

A temporada teatral galega dos dous últimos anos, 2017 e 2018, leva aportados moi bos espectáculos. Deixando á parte a obra Elisa e Marcela, da Compañía "A Panadaría", e o Divinas Palabras-Revolution do CDG, queremos fixarnos nunha peza magnífica: Fillos do sol. Elucubración teatral nun acto e un epílogo, escrita e dirixida por Cándido Pazó, unha produción de "Contraproducións" e do FIOT de Carballo.

Non son frecuentes as obras de teatro que tomen como personaxes a escritores galegos: un exemplo sobranceiro é a Rosalía de Otero Pedrayo. Tendo en conta que no ano 2017 se cumpriu o centenario da morte de Eduardo Pondal, é moi interesante esta aproximación de Pazó, quen o presenta na dimensión case mítica que tomou a súa figura. Por unha banda, a imaxe de "O Bardo", voz e cantor de todo un pobo; por outra banda, o esteta enfermizo, elaborador e re-elaborador continuo dun grande poema épico, Os Eoas, que quedaría inédito. Tamén o personaxe entolecido, cheo de dúbidas e pantasmas, enfrontado co seu pasado e dividido nunha esquizofrenia case patolóxica. Pode verse o libro de Manuel Ferreiro, Pondal. Do dandysmo á loucura. Cándido Pazó consegue, cunha dramaturxia sabia e contida, presentar no limitado espazo do cuarto en que vivía e escribía o vello Eduardo Pondal toda un drama sobre a creatividade e a loucura, sobre a imaxe pública e privada do poeta e do escritor, en xeral, e sobre a viviencia que o pobo e o público lector galego ten dos seus autores clásicos.

Hai que destacar a exquisita fidelidade á iconografía pondalía que temos, ás vellas fotografías do s. XIX e principios do XX onde aparece a imaxe do poeta. A transformación dun grande actor como César Cambeiro no vello Pondal é asombrosa: a representación que fai Adrián Ríos do Pondal da súa xuventude, unha xeira de dandy romántico, é tamén moi boa. Mención á parte merece o papel de "Rosa", representado pola actriz Alba Bermúdez: todo un acerto que vai desde a súa xestualidade á fonética, prosodia e entoación, uns aspectos non sempre ben traballados.

Citaremos só algúns detalles que demostran a sabiduría e a exactitude histórica, literaria e filolóxica do texto de Pazó. Deixando á parte a presenza da famosa "maleta de Pondal", ou a semellanza asombrosa da cámara do hostal coruñés con algunha foto que se conserva de algunha visita ao poeta, a caracterización de maquillaxe e vestiario do Pondal xove e ancián son magníficas. Os momentos en que o Bardo está a contar sílabas das súas estrofas e a corrixir os seus versos están cheas de enerxía e dunha peculiar ironía. A escena en que Pondal ameaza con queimar os seus Eoas remite á figura clásica de Virxilio mandando aos seus amigos queimar a Eneida, cando está no leito de morte, e reproduce un modelo que ben coñecía o propio Pondal. A inserción de anacos de poemas do noso autor, e de textos das súas cartas, e recensións de prensa, prodúcese de modo moi coherente e integrado na trama. As referencias ao enterro de Curros dan un aviso do propio enterro de Pondal, que abrirá o magnífico "Epílogo" da obra, onde se recollen os fíos anteriores e onde nunha conversación entre vivos e mortos (que recolle o imaxinario galego desde Risco e Castelao a Cunqueiro) reproduce a identificación entre pobo e poeta, coa referencia á emigración como elo que une a temática dos Eoas e a experiencia do pobo galego.

Sería de desexar que se publicase o texto da peza, que actualiza e pon ante nós a figura de Pondal de modo moi vivo e nada arqueolóxico, malia o seu respecto aos datos históricos. Pero o que máis sorprende é o xeito clásico de presentar a trama: sen elementos distanciadores, sen xogos metateatrais, sen ter que recorrer á mestura de xéneros (non hai nin cruce co xénero musical, nin números circenses, nin rupturas da 'cuarta parede'..). Este "clasiscismo" da montaxe de Pazó é moito máis difícil de facer hoxe do que outras máis experimentais.

Esta obra non conseguiu pasar de finalista dos últimos premios "María Casares"-2018 (a competición con Elisa e Marcela foi moi dura, certamente), pero, dende o punto de vista de que isto escribe, merecíao tanto como a obra que o mereceu.

No circuíto

  • Fillos do sol está xa a presentarse no circuíto teatral das vilas galegas. O 17de novembro moitos espectadores, algúns chegados de Vigo, puidemos vela en Goián. Gustaríamos de contemplala asemade nos grandes teatros de Vigo, Santiago ou Ourense. Finalmente, queremos destacar o agarimo da actriz e dos actores polo texto recitado. Un coidado extremo polas inflexións e pola fonética, un recitado coidado dos treitos poéticos, que presenta unha obra da que disfroitará o público amante da Literatura. Agora que xa temos o texto dos Eoas, publicado en 2002, esta achega de Candido Pazó permite manter vivo o interese polo noso poeta, e faino sen obviar ningún dos aspectos máis discutibles do autor. Así, a famosa visión patriarcal (ou "machista") de Pondal aparece como transfondo da súa relación coa criada Rosa; a espectadora ou espectador que coñeza os reproches feitos a Pondal polo seu tratamento das figura femininas disfroitarán moito co contraste entre o Bardo e esta muller independente, moderna, autoconsciente que aparece no "Epílogo" e que constitúe un dos logros maiores do teatro galego actual, e mesmo diriamos da actual Literatura. Beizóns a Cándido, e gustaríamos de ver este texto publicado en libro, e poder disfroitalo unha e outra vez.

Compartir el artículo

stats