Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A imaxe na parede

Ollada, relato e tensión

Unha das salas do novo espazo cultural en Vigo, Espazo Cubo. // FOTOS: ELI REGUEIRA

Un novo espazo cultural nace en Vigo con dúas mostras simulatáneas, unha video instalación de David Fidalgo Omil -que acaba de ser gañador do I Certame PLASTIKA17 co vídeo Artista de la pista- e unha exposición que leva por título de A imaxe na parede, conformada polos traballos de fotografía, pintura e gravado de creadoras moi singulares como son Iria Vázquez, Pilar Alonso e Yolanda Carbajales.

No seu vídeo Siglo XXI David Fidalgo Omil (Lugo, 1989) mergúllase en espazos de análise crítica e irónica sobre o mundo actual, en concreto afronta reflexións sobre o machismo que podemos enxergar en diversos contextos como o que subxace na relixión, na televisión e o absurdo que ateiga as redes sociais. O seu traballo realízase desde o mundo da animación cun debuxo de aparente sinxeleza mais intensamente expresivo e con boas doses de fresca e lúdica ironía.

De por parte, o groso do espazo expositivo está ocupado por unha mostra que agrupa tres artistas que traballan en diferentes medios e soportes como son Iria Vázquez, Pilar Alonso e Yolanda Carbajales. Vistas as súas obras en conxunto permiten unha pautada introspección nun universo que nos leva desde a análise da imaxe á percepción das máis fondas tensións pasando pola construción narrativa do relato, permitindo enxergar en conxunto un auténtico abano dunha parte das preocupacións estéticas da arte contemporánea.

Iria Vázquez, na súa fotografía, centra a súa atención no ollar, sitúanos fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de análise da realidade visual e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Trátase dunha obra que mestura o pulo vital e a realidade física da imaxe, o intuitivo e o conceptual, cun marcado interese polo proceso, pola fluidez, todo realizado deste a acción da mirada que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a análise. No seu labor achamos unha reflexión sobre un concepto que poderiamos denominar momento suspendido, favorecendo a captación do temporal e a súa visualización no ámbito plástico, un terreo de enormes suxestións ao longo da historia da arte e nas expresións artísticas contemporáneas, que nos transporta a sensacións como fugacidade, emocións intensas ou circunstancias vitais.

Emocións e circunstancias vitais tamén agroman na pintura de Pilar Alonso que se propón crear relatos, encadeados nun bucle de enmascaramentos, co desencanto como sentimento ben patente mais non como un sentimento necesariamente sempre negativo, porque tamén debemos entendelo como requento, lévedo que posibilita a vida.

A artista propón ao espectador penetrar neste universo plástico e faino creando un ambiente que facilita que sintamos unha identificación intuitiva con ese universo, que percibamos un xénero de simpatía -no sentido etimolóxico- intelectual por medio da que nos colocamos no interior do mundo por ela elaborado, de modo a coincidir con aquilo que é único no mesmo e, consecuentemente, non se pode espremer. Sigo aquí os conceptos metafísicos de Henri Bergson porque acho na obra de Pilar Alonso esa vontade de resaltar a centralidade da consciencia da que falaba o filósofo francés, compartindo neste sentido preocupacións co pensador alemán Edmund Husserl.

Mais as imaxes son para Pilar Alonso, sobre todo, lugares do tempo-agora (o Jetztzeit de Walter Benjamin), lugares do acontecemento. Acontecementos abertos e fragmentados, mais non por iso menos intensos, en que o espectador debe mergullarse para unha fluída percepción.

Título: A imaxe na parede e Siglo XXI. Artistas: Iria Vázquez, Pilar Alonso, Yolanda Carbajales e David Fidalgo Omil. Local: Espazo Cubo, Doutor Cadaval, 17 B, Vigo. Desde o 23 de novembro.

Carga expresiva

  • Intensa é tamén a forza que preside a obra de Yolanda Carbajales. Os seus "Puntos de tensión" son parte dun proxecto introspectivo en que a exploración de aspectos da condición humana ocupa un papel sobranceiro, como se pode observar nos propios títulos: "Puntos de agarre" e "Puntos de abrazo", de forte carga expresiva. Os gravados -mezzotintas de enorme calidade formal- seriados son postos en común conformando un mundo emotivo, desde un tipo de elementalidade que xorde do refinamento obxectual, unha elementalidade que é a que transmite cada unha das pezas e que permite que agrome a súa potencia comunicativa. O sentido, ao tempo, obxectual e expresivo destas obras pode evocarnos e trasladarnos ao alegórico como punto de partida, mais este referente non é máis un simple esteo no camiño, non unha etiqueta estática, da que as obras están ben lonxe. A fotografía de Iria Vázquez, a pintura de Pilar Alonso e o gravado de Yolanda Carbajales permiten un tránsito: imaxe, relato e tensión. Un tránsito que, con naturalidade, posibilita un horizonte de lecturas abertas que estimulan a nosa percepción do momento actual da nosa realidade estética e a nosa visión da mundo que en estamos inseridos.

Compartir el artículo

stats