Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Amable crónica costumista

Con fórmulas clásicas

Amable crónica costumista

Con indisimulado manierismo romántico, esta voluminosa novela tece un amable relato costumista da incipiente burguesía da vila da Guarda a principios do século XIX, a coincidir co cambio de réxime e as guerras napoleónicas. As peripecias dos personaxes, nun lugar e tempo tan oprtunamente fronteirizos, transcorren parellas e motivadas polo devir da Historia, cunha mestura de ficción e realidade que lle dá pé á autora para ofrecer interpretacións e matices fóra dos rexistros oficiais (velaí, por exemplo, o papel dos Borbóns ou de sir John Moore), de xeito que, mentres asistimos á construción do sentimento amoroso entre unha rapaza orfa e un rico propietario -que nunca imaxinamos sen final feliz-, se nos presenta tamén un plano xeral do contexto sociopolítico, cuxos vicios, virtudes e contradicións se atopan encarnados no amplo -e funcional- abano de personaxes.

A orfa Rosiña, recreación canónica dunha heroína de Austen, retrátase 'fermosa, cariñosa, alegre, intelixente, forte e valente" -o dos seus poderes máxicos semella irrelevante-, capaz de aprender soa por observación e reflexión, e disposta a aproveitar todas as oportunidades. Pola súa especial situación doméstica, participa e relaciónase co mundo dos amos e mais dos serventes, aínda que sen pertencer claramente a ningún deles. Carece, evidentemente, da educación dunha señorita, mais o feito crucial de saber ler, a súa sensibilidade innata e o seu sentido moral e humanitario permítenlle trascender o destino que o seu status parecía depararlle. O seu ascenso por méritos propios reflicte os novos ideais da Ilustración en canto a figura da muller solteira e mais da esposa, que pasa de ser humilde e sumisa, sen posibilidade de elixir o futuro, entregada polo pai ao matrimonio como única garantía de posición social e seguridade económica (e a este respecto cabe confrontar as actitudes e aspiracións da rival Leonor), a procurar nesa unión felicidade, igualdade e respecto. Non quere ser posuída, senón amada. Don Leandro, pola súa parte, tamén exemplifica un cambio social, pois non se amosa xa feudal e paternalista, senón que conta cunha educación liberal, auropea e artística, que o fai aprezar as persoas independentemente da orixe, e lévao, por exemplo, a recoñecer a dura situación dos labregos e a súa capacidade de autoxestión. O resto dos personaxes, como máis arriba se comentaba, representan estereotipos sociais máis que individuos memorables, entre os que cabe destacar o médico afrancesado defensor das vacinas, a brillante e mundana Leonor, xa citada, e nomeadamente as dúas figuras protectoras de Rosiña, unha luar (tía Ermelinda) e outra solar (James Grey), cada unha delas, ao seu xeito, transgresoras e fóra das convencións.

Dividida en tres tempos, determinados estes pola chegada de novidades á vila (o final, coa guerra, é máis animado), a novela repite fórmulas clásicas, e a súbita -e ben tardía- irrupción do narrador coma personaxe semella a única sorpresa estilística. Xunto á mencionada aparición estelar da realidade da época, nesta rendida homenaxe á narrativa decimonónica non faltan as características historias internas, os silencios decorosos e os malentendidos, e mesmo o humor e as chiscadelas tanto metaliterarias (míster Darcy, o asasinato de Napoleón) como á actualidade (ai, eses tratos "co xénero masculino"!). Iso si: os amantes da acción e da emoción botarán en falta un pouco de suspense, ou de perigo, ou ata de crueldade entre tanta cotidianeidade e tanta -e sensata- defensa da orde e o progreso.

AMEIXIDE, Puri, Claro de lúa, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats