Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un pobo entre dous mundos

Os galaicos toman o MAN (Madrid)

Unha das vitrinas presentes na mostra.

O Museo Arqueológico Nacional (MAN), con sede na madrileña rúa Serrano, acolle desde o pasado 1 de novembro e deica o 3 de febreiro a exposición Galaicos, un pueblo entre dos mundos. Promovida pola Deputación de Pontevedra, a mostra leva á capital do estado, por vez primeira, unha síntese trilingüe da cultura que se asentou no noroeste da península Ibérica entre o final da Idade do Bronce (1.300-900 a.C), a Idade do Ferro (800 a.C-ano 0), e a romanización (s. V-VI d.C).

Inaugurada, entre outros, polo ministro de Cultura, José Guirao e a presidenta provincial, Carmela Silva, a mostra está comisariada polo museólogo Antoni Nicolau e o arqueólogo Rafael Rodríguez, que contaron coas achegas puntuais dun amplo abano de especialistas, nomeadamente do doutor en arqueoloxía Xurxo Ayán.

Os castros son os poboados fortificados propios da Europa occidental nos que asentaban os indíxenas galaicos (derivado do latín gallaeci ou callaeci), nome que recibiron dos romanos e que designa un conxunto de pobos que habitaron o noroeste da península ibérica antes e durante o proceso de romanización. As súas tribos situábanse a catro días de navegación, tanto de Cádiz como de Cardiff, de aí que a Galicia actual se atopase no medio de dúas rutas comerciais estratéxicas: a mediterránea e a atlántica. O noso país participaba da primeira delas desde a Idade do Bronce, cando os metais (cobre, bronce, estaño) copan o interese dos navegantes. Coa consolidación das rutas comerciais de orixe mediterránea e a fundación de colonias en Cartago e Cádiz, os comercios fenicio e púnico traerán ás costas da Gallaecia viño, cerámica, abelorios ou armas, o que acaba facendo de nós, non un finisterrae, senón un nodo cultural e comercial, un punto de encontro entre dous mundos.

A exposición, situada na meirande das salas dedicadas a eventos temporais do MAN, aparece articulada en sete bloques. No primeiro deles, a modo de introito, catro especialistas na Idade do Ferro sintetizan nun vídeo a singularidade da cultura galaica prerromana.

O segundo bloque entra xa en fariña, situando a acción nos antecedentes: a Idade do Bronce, ese momento no que ten lugar o tránsito entre as aldeas abertas e as fortificadas en altura, un momento histórico caracterizado polas innovacións agrícolas, a incipiente xerarquización social e o gravado de centos de petróglifos, pero sobre todo polo desenvolvemento da metalurxia. Neste sentido, depósitos de machados como os de Saiáns ou Samieira, presente na mostra, dan testemuño do patrón de poder dunha sociedade de campesiños e de incipientes guerreiros.

O terceiro momento da exposición céntrase nos primeiros poboados fortificados da Idade do Ferro (800-400 a.C) e no proceso de monumentalización en pedra que experimentan as aldeas fortificadas nos outeiros. Para ilustrar esta etapa, os promotores centran a súa atención, fundamentalmente, nos castros escavados na provincia de Pontevedra, quizais a única tacha de Galaicos. Aldeas agrícolas como Castrolandín (Cuntis) ou Monte do Castro (Ribadumia), de mariscadores como Alobre (Vilagarcía), cidades fortificadas como Santa Tegra (A Guarda), ou factorías de salgadura como a da Lanzada (Sanxenxo), fían o relato expositivo botando man, para iso, dos resultados dos traballos arqueolóxicos desenvolvidos nos últimos anos.

A cuarta parada aborda a chegada do mar Mediterráneo a Galicia. Referímonos ao desembarco nas costas galegas das mercadorías procedentes de Cartago e Cádiz, dous dos emporiae máis importantes da península Ibérica. Este proceso histórico, que ten lugar na segunda metade da Idade do Ferro (400-19 a.C), fai máis complexo o panorama económico e cultural do territorio galaico, que alcanza a madurez como sociedade diferenciada. Os torques de ouro do Museo Arqueolóxico de Lugo ilustran, como poucos obxectos poden facelo, o pleno desenvolvemento desta cultura.

O quinto escenario da exposición sitúanos na Gallaecia, nos galaicos en proceso de romanización. A peza estrela deste espazo é a Tessera hospitalis de Carbedo do Caurel (Lugo) do ano 28 d.C, que dá fe dun pacto entre indíxenas e romanos. O acontecer galaico ao longo dos séculos I e III d.C asume o discurso deste bloque, que discorre entre as unidades domésticas, a explotación mineira no ríos e montañas, o control e articulación do territorio, a explotación do mar e a progresiva integración dos indíxenas nun novo paradigma cultural.

O proceso de conversión da provincia de Gallaecia no primeiro reino de Europa, entre o século IV e VI d.C, encadra o último bloque cronolóxico da exposición. Os suevos crean no noroeste peninsular un estado que dá pulo á cultura, á teoloxía e mesmo á historiografía. As cultas elites galaico-romanas explican a aparición de personaxes como Prisciliano, Hidacio ou Paulo Orosio, intimamente ligados ao fenómeno da cristianización, unha xeira relixiosa e cultural que se ilustra con pezas excepcionais como o Crismón de Quiroga, e se contextualiza en escenarios como Adro Vello (O Grove).

Pasado con futuro

  • Galaicos é a demostración práctica de que o pasado de Galicia ten moito que aportar, sobre todo ao futuro. Esta exposición, que tamén abrirá as súas portas en Valencia e Pontevedra en 2019, demostra que o noso pasado, contado coas ferramentas adecuadas, é un produto atractivo e exportable. Ao igual que outras mostras recentes ( In tempore suevorum ou Alba de Gloria, por exemplo) Galaicos é un produto cultural de alto nivel -que non elitista- capaz de espertar interese e atención entre públicos moi diferentes. Demostra, en definitiva, que a nosa historia pode ter un oco en calquera grande museo do mundo e que unicamente precisa dun bo embaixador, dun comercial que crea nela e que, con intelixencia, saiba como exportala (a Londres, París ou Buenos Aires) cunha dobre pretensión: a promoción turística e a divulgación cultural.

Compartir el artículo

stats