Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dominados e dominantes

A esperanza posible

Dominados e dominantes

Nas eleccións presidencias que se celebraron en Brasil o pasado 28 de outubro resultou elixido Jair Bolsonaro, un ex capitán do exército cun discurso neoliberal fascistoide fronte a un candidato socialdemócrata, Fernando Haddad, ex alcalde de Sao Paulo e ex ministro de Educación nos gobernos traballistas. O antedito proceso electoral pon fin a unha fase da loita polo control do poder político entre dúas faccións da burguesía brasileira: a facción nacionalista e desenvolvementista, disposta a pactar coa clase traballadora determinadas concesións en materia laboral e social -incluíndo o acceso á saúde e á educación das clases populares e da poboación afrobrasileira-; e a facción transnacional e financeira, que leva dinamitando o proceso de conciliación nacional entre a burguesía nacionalista e as clases populares que dende o ano 2003 viña liderando o Partido dos Traballadores (PT) de Lula e Dilma Rousseff, dende o verán do ano 2013. Unha das primeiras expresións desa confrontación antitraballista xirou arredor dunha campaña, na que Flávio Bolsonaro, fillo do presidente electo, participou activamente, na que se denunciaba a escola politizada dos gobernos petistas, reclamando -e ese era o lema da campaña-, unha 'escola sem partido'.

Que sosteñen aqueles que se manifestaron en defensa da 'escola sem partido'? Resumindo moito, sostiñan a necesidade de establecer unha escola politicamente neutra, xa que -dicían-, a escola en mans do PT estaba politizada en extremo. Ora ben, en que consistía esa politización? De acordo con todas as evidencias obxectivas e os indicadores en materia educativa alcanzados no Brasil baixo gobernos do PT, precisamente nos que Haddad foi ministro de Educación (2005-2012), a 'escola politizada', serviu para alfabetizar adultos, universalizar a educación, facilitar o acceso á educación universitaria a sectores da poboación (afroamericanos, clases populares...), que até ese momento só pisaban a universidade como persoa subalterno. En definitiva, o que significou a escola politizada dos gobernos petistas foi a concreción da 'pedagoxía do oprimido' de Paulo Freire (1921-1997), o educador brasileiro que sostivo, precisamente nunha das súas obras cimeiras, Pedagoxía do oprimido (Kalandraka, 2018), que a educación non pode ser neutral porque iso significaría traballar a prol dos intereses das clases dominantes, por iso a escola para acadar o seu fin último, a formación de persoas libres, ten que tomar partido fronte a opresión, ten que educar para que o oprimido e a oprimida tomen consciencia da súa opresión, para que dese xeito poidan ser libres, ten que ensinar a ler o mundo, a comprender o mundo, cunha única fin: a súa transformación, que é a única condición posible para a liberdade.

A pedagoxía de Freire, construída en contacto coas xentes oprimidas do Brasil, de Chile e de América Latina e do mundo, xira arredor dos conceptos, perfectamente expostos na Pedagoxía do oprimido, de oposición entre opresores e oprimidos, entre clases dominadas e clases dominantes, de concienciación da opresión e de concepción bancaria da educación, á que Freire contrapón a concepción transformadora, liberalizadora, partidaria da horizontalidade, da formación permanente a través do diálogo, xa que, educar 'non é só transmitir coñecementos'.

Por que ler a P edagoxía do oprimido hoxe e aquí? Porque fronte ao incremento das desigualdades, a proposta de Freire mostra o camiño da loita pola igualdade e da esperanza noutro mundo posible... e necesario.

FREIRE, Paulo, Pedagoxía do oprimido (trad. R. Nicolás), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2018, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats