Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carpinteiros de ribeira

Pola preservación dun oficio de noso

Obradoiro dunha carpintaría de ribeira (Rianxo).

Vénse de clausurar no Museo do Mar de Vigo a exposición fotográfica A carpintaría de ribeira. A fráxil beleza dun oficio, un conxunto de instantáneas procedentes do I Concurso de fotografía convocado polo Museo Massó de Bueu e completado cunha colección de embarcacións tradicionais en miniatura onde se puido disfrutar da arte que rodea este ámbito de arquitectura popular mariñeira das nosas costas. Chalanas, dornas, gamelas, botes, galeóns, traíñas?todo un saber adicado á pesca que nos revela o que fomos e o que nos trouxo ata aquí e que non queremos perder, aínda que novos tempos traían novas necesidades e camiños.

Co termo carpintaría de ribeira faise referencia a todo un complexo proceso de deseño e construción, reparación e mantemento dunha embarcación de madeira. Nin que dicir ten que nunha terra con máis de 1000 km de costa, este oficio tiña por forza que ser un dos traballos que máis constrúan a identidade cultural dun pobo mariñeiro. Oficio gremial, cun saber transmitido no tempo de xeración en xeración, de pais a fillos, de oficiais a aprendices, con certo secretismo ás veces na elaboración dos labores, a carpintaría de ribeira acolle no seu facer a outros quefaceres relacionados: velaí os serradores na preparación da madeira; os calafates na impermeabilización do buque; os ferreiros na preparación de pernos, cravos e parafusos; os veleiros no corte e elaboración das velas; os mecánicos no funcionamento das máquinas?

É doado imaxinar nun recuncho da praia o carpinteiro recibindo un encargo, as máis das veces unha pequena embarcación para a pesca de baixura, no galpón que ten como taller cheo de ferramentas de traballo. É este mesmo carpinteiro o que nun principio se encargaría de todo o proceso: facer os planos, seleccionar os troncos que lle gustaban -preferiblemente de madeira de carballo aínda que se podían utilizar outras coma o eucalipto, o piñeiro, castiñeira, nogueira?-, buscar o momento óptimo para o serrado da madeira e, a partir de aí, ir creando as diversas pezas de xeito manual: a quilla, a roda, o codaste, as cuadernas?e, xa que logo, as división internas, as casetas sobre cuberta, a pintura... ata chegarmos ao momento do botadura. Co paso do tempo, os traballos foron adaptándose ás novidades. Chegou o vapor, que obrigou a introducir importantes cambios no deseño das embarcacións. Era agora necesario facer sitio a toda a maquinaria que este impoñía: precisábase dun lugar para o carbón, a caldeira, a cheminea?O mesmo sucedeu coa aparición do motor diésel. E a cada novidade, puidéronse crear embarcacións maiores, rumbo a novos caladorios de pesca máis afastados. Precisáronse tamén barcos de cabotaxe e, xa que logo, embarcacións de recreo.

Mais se os avances tecnolóxicos destruíron as máis das veces as estruturas das sociedades tradicionais, non aconteceu outra cousa no caso que nos ocupa. A construción naval en madeira é hoxe, na nosa Galicia mariñeira, algo apenas residual. Se no 2007 había unas trinta carpintarías en activo, hoxe en día contamos con pouco máis da metade e, delas, son escasas as que se adican con exclusividade. Hoxe, as resinas con fibras de vidro e outros materiais sintéticos gañan a batalla, e a demanda de embarcacións en madeira é algo escaso, practicamente reducida ao mercado mexilloeiro.

En maio de 2017 o DOG publicou o procedemento para declarar as técnicas construtivas da carpintqría de ribeira como Ben de Interese Cultural, recoñecendo así a necesidade de preservalas como riqueza etnolóxica e cultural que son. O museo Massó co que comezamos estas liñas expón a única lancha xeiteira que se conserva, testemuña viva dunha época para a pesca da sardiña ao xeito. Dornas, chalanas, gamelas e traíñas fálannos da pesca do polbo, a sepia, o xurelo ou actividades de marisqueo; o galeón, de maior tamaño, condúcenos ao transporte de mercadorías entre distintos portos galegos; o racú, a buceta, o bote e tantos outros que se resisten á súa desaparición e que non gostarían tampouco de se verens relegados a meras pezas de museo.

Compartir el artículo

stats