Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Polos roteiros do inframundo

Divertido, simpático, engaiolante

Polos roteiros do inframundo

Ás portas da celebración do Samaín, Todos os Santos ou Halloween, Kalandraka Editora publica na colección "Tras os montes" Os esqueletos divertidos, un volume que escriben e ilustran os ingleses Janet Hall e Allan Ahlberg e que tendo como destinatarios os primeiros lectores fará pasar un bo anaco a quen se achegue ao libro coa intención de trasladarse ao inframundo e gozar dos personaxes que alí se manifestan.

Un universo de misterio e terror agocha nun escuro, escurísimo soto e tres criaturas: un esqueleto grande, un esqueleto pequeno e un esqueleto de can son os protagonistas que guiarán o lector polas páxinas dun dos clásicos británicos máis populares e que agora temos na nosa lingua da man de Óscar e Sandra Senra Gómez.

Un adulto, un neno e un can, convertidos en esqueletos, deciden pola noite abandonar o seu hábitat habitual e saír a dar un paseo. Comezan a súa andaina e detéñense no parque onde deben reconstruír os ósos de can, tarefa que lles permite entoar unha animada canción e comprobar que se algo non encaixa han de comezar de novo. Ao final xogan a asustarse e o efecto que produce neles non pode ser máis pracenteiro.

O conto, divertido, simpático e engaiolante máis ca infundir ou inspirar medo, como correspondería a criaturas do máis alá, achegan alegría e rexouba porque inclúen o humor como elemento de distensión que atenúa a dureza da situación na que se atopan as caveiras, de modo que neste caso o humor convértese nun recurso potente e persistente que contribúe ao logro da harmonía, da consonancia e ata da coordinación na esfera dos sentimentos no que o indubidable enfoque afectivo, vinculado á alegría, diversión e, como consecuencia, á boa disposición de ánimo, xera situacións cómicas e graciosas capaces de favorecer un clima ideal que rompe coa solemnidade da morte.

Tres son os protagonistas e outros tantos os personaxes que asustan e cos que tentan xogar: uns peixes, un cocho, unha serpe ou un elefante provistos só das súas osamentas animan o percorrido de volta á casa e introducen diversidade e anécdotas do máis alá que se parece moito ao mundo real, porque senten, padecen e se divirten practicamente da mesma maneira.

Logo, desde o punto de vista expresivo non veñen ser tan só as palabras e mais as repeticións de fórmulas narrativas -escollidas á mantenta para crear un clima tenebroso- senón tamén as imaxes, que ou ben ocupan toda a páxina ou ben están dispostas en forma de viñeta coma nun cómic e con cores rechamantes que destacan sobre un fondo negro, as que contribúen a crear un ambiente moi suxestivo e moi animado capaz de transportar o lector a un escenario que invita á dramatización da historia.

AHLERG, Janet e Allan, Os esqueletos divertidos, Ed. Kalandraka, Pontevedra 2018, PVP. -

Compartir el artículo

stats