Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Martí a Neira Vilas

Memorias das dúas beiras

Imaxe de arquivo de Neira Vilas na sía casa/museo // FOTO: E.R.

O amigo Luís Rei, morto en hora nunca acabada de maldicer, dicía que había dous Cabanillas: un era a imaxe máis coñecida do poeta, con boina do país e o rostro marcado como regos na terra. Mais esta era a excepción, porque a imaxe real máis habitual era a do Cabanillas con borsalino ou trilby, chapeu de sir.

A anécdota veu a min cando pensei no Xosé Neira Vilas. Van tres outonos desque marchou de entre nós. Moitos lembrarán un patrucio sostido sobre caxato, con lentes que facían dos seus ollos rostros dos óleos de Díaz Pardo (amigo sempre) e un sorriso xuvenil. Velaí, entón, a face máis divulgada que coincide coa percepción do escritor pai do Balbino, o autor de relatos de vida agraria e saudades da emigración. Esta é a obra máis propagada nas escolas. Estes libros son os máis frecuentes nas bibliotecas.

Pola contra, teño outra percepción del que coincide cunha imaxe de mocidade. Se pecho os ollos, aparece un rapaz que sostén os papeis nunha man mentres a outra esténdese ao horizonte, cos dedos como raiolas peninsulares, tendo no medio o micro clásico de corte elegante e volume denso. En pé, dirixe verbas patrióticas a exiliados que celebran o Congreso da Emigración de 1956. A arela non acadada en vida por Castelao.

Neira era membro das Mocidades Galeguistas. Eles estudaban, capítulo a capítulo, o Sempre en Galiza, ou boicoteaban os espectáculos de aldraxe á muller galega. Fundou, con Anisia Miranda (a súa dona), a distribuidora de libro galego "Follas Novas".Era, pois, un activista da nosa terra. Mais tamén fillo de campesiños sabedores da miseria. Conxugaba o verbo galego coa conciencia social, sentía o país nas arterias como as inxustizas contra o xénero humano.

En 1961 marcha a Cuba para contribuír á revolución de Fidel, a quen lle dedicara poemas en Arxentina. Contábao de vello polas escolas, que el marchara para axudar a unha causa necesaria. Durante trinta anos traballou para institucións do estado (incluso sob as ordes do Che Guevara) e creou o maior fondo galego de América. A inxente obra ensaística sobre a emigración en Cuba certifica un titánico esforzo a prol do país. A memoria dos vellos, a clasificación dos fondos do Centro Galego da Habana, a recuperación das revistas e xornais do XIX... Todo para poñelo ao servizo público.Ademais, Neira enviaba, de maneira clandestina, libros marxistas. Uns chegaban de polisóns nos barcos e outros pola valixa do Consulado de Cuba en Vigo. Libros de formación para militantes antifeixistas.

José Martí, apóstolo da liberdade, foi home influínte en Neira. A lectura dos seus escritos para América ou os artigos arredor da emancipación de Cuba foron vitaminas para o corpo. Martí, quen leu Rosalía de Castro, dedicou horas para escribir ás crianzas. O maior legado foi A idade de ouro, primeiro revista e logo libro que Neira Vilas traduciu ao galego. Publicouse en Editorial José Martí de linguas estranxeiras na Habana onde o noso idioma ten lugar propio grazas ao de Gres.

Neira dirixiu Zunzún (paxariño miúdo e rebuldeiro), revista infantil de enorme popularidade a finais dos 80. Nesas páxinas están as biografías adaptadas para crianzas sobre Fidel, Che e Martí. Porque Neira e Martí compartían a mesma inquedanza de ilustrar e formar dende idades temperás.

Nun libro de homenaxe a Martí (da Asociación Villamil), Neira retoma unha fermosa frase do libertador: "sermos cultos, para sermos ceibes". O pensamento común que precisamos exercer: educación e cultura fronte ao feixismo e a mentira. Esta é a imaxe que gardo de Neira Vilas. E lembro arestora un día que conversamos arredor de Luís Soto (bolxevique ourensán) cando a homenaxe a Fernando Pereira, en Arcade.

Non remato sen mencionar o triste estado en que se atopa a estatua de Martí nas Avenidas de Vigo. A pedra comida pola terra. O monumento que o Concello ergueu, agora está abandonado, deslucido. A escultura, obra do René Negrín, chama por un coidado urxente. Vigo debe preocuparse por manter brillante o recordo de figuras universais. Neira Vilas fíxonolo saber en moitas ocasións.

Compartir el artículo

stats