Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha escolma pictórica

Antón Goyanes no Museo do Mar

Unha das obras expostas no Museo do Mar.

Goyanes. Unha escolma pictórica é o título co que o artista Antón Goyanes (Monforte de Lemos, 1934) presenta case corenta anos de produción artística, desde a obra realizada en Vigo para a Estación Marítima de Ría en 1968 até traballos asinados o ano pasado, comprendendo series como a de "Toledo" dos anos 80, a de "Roma" da pasada década ou as máis recentes "Arlequín" e "Sombras", esta última de 2016. A montaxe, de enorme limpeza e que resalta as cualidades da obra, permite un achegamento moi completo á intensa e rica traxectoria artística do pintor -incluíndo a muralística-, permitindo enxergar como en todas as etapas do seu labor está a tensión creativa, da que vai xurdir a súa orixinalidade como froito dun proceso notoriamente reflexivo que parte dunha asimiliación de influencias para culminar nunha síntese iluminadora, síntese en que a pulsión evocativa vai xogar un papel de senlleira importancia.

O que nos ofrece a visión de conxunto da obra de Antón Goyanes é unha ollada e unha intervención dirixida sobre os camiños abertos que a pintura posibilitaba -e posibilita- desde o herdanza das vangardas históricas e da nova figuración e o informalismo, correntes dominantes na pintura cando o noso pintor dá os primeiros pasos.

A obra de Antón Goyanes, a finais dos sesenta, punto de partida da escolma, situábase no horizonte cultural da pintura galega desa altura, un ambiente que destacou -nos artistas máis inquietos- por unha esforzada vontade de modernización, por unha maior liberdade expresiva respecto do inmediato pasado e pola multiplicidade de liñas, conceptos e linguaxes. En Goyanes apreciamos a pegada da nova figuración, cunha clara vontade de romper con modelos ancorados en certo tradicionalismo e provincialismo que aínda luxaban o mundo artístico galego dos sesenta e setenta.

Na súa evolución, entre a figuración e a abstracción, o pintor primará sempre a cor, que vai adoptar un protagonismo central. Goyanes, influído desde os seus comezos pola herdanza fauvista e a nova figuración dos sesenta, é un mestre da liña curva, da cor brillante que constrúe o espazo e afirma as calidades vivaces e vitalistas por medio de amplas extensións de cores planas ou veladas que serven para unha simplificación dos motivos representados. A estes presupostos mantense fiel na súa produción ao longo das últimas décadas, realizando en certo sentido unha arte que se afasta de modas conxunturais. O mundo que representa é o dunha delicada e matizada poeticidade, nunca excesiva nin rechamante, senón pautada e meditada.

Desde o inicio do desenvolvemento da súa particular interpretación da paisaxe e da abstracción, percíbese que Antón Goyanes aspira a plasmar unha realidade plástica que o leva na dirección non puramente da abstracción senón dunha ordenación estética de enorme depuración. O pintor compón unha imaxe total a partir de aspectos parciais, produto da captación directa, e deixa que o espectador volva a integrar por si mesmo o conxunto mediante unha síntese visual-intelectual. Para esta realización Goyanes sérvese predominantemente da paisaxe, xénero por medio do que consegue unha condensación ao tempo colorista e austera, mais sempre allea a calquera sombra de vacuo decorativismo.

Nas obras máis recentes, as captación paisaxísticas están fortemente definidas por planos, mantendo o artista unha enorme preocupación pola luz nas camadas e zonas transparentes, superpostas enriba unhas das outras segundo diferentes ángulos.

Título: Goyanes. Unha escolma pictórica

Autor: Antón Goyanes

Local: Museo do Mar de Galicia, Vigo

Até o 25 de novembro

Orde e paixón

  • A linguaxe de Goyanes é resultado dunha experiencia poética, medida e comedida, de ritmos sutís e pautados, ofrecéndonos creacións que producen un efecto envolvente que crea un espazo que é definido pola propia pintura. Estamos, xa que logo, perante unha pintura que é sobre todo unha espacialidade expansiva e dominatemente cromática que se converte nun ambiente e procura espontaneamente envolvernos, mergullando a espectador no seu mundo e abrindo o espazo para a súa imaxinación. Hai tamén nas súas obras un espazo en expansión sen que isto implique que desapareza todo trazo de figuración ou de imaxe, aínda que o signo propende a ser absorbido pola tranquila calma da cor, de fino empaste. O artista desenvolve unha pintura fluída e poética, que poderiamos ligar máis aos silencios que ao ruído, cun certo ar matissiano, síntese da visión paisaxística e abstracción, semellando produto dunha investigación que ten a súa orixe en momentos das vangardas históricas e que se conforma nunha vibrante e intensa lectura na obra de Goyanes, unha lectura como moito de reflexión e introversión. Velaí como o pintor se alía cunha estética que reformula a tradición e en que podemos sentir vivamente presente o escintilar dunha modernidade atemporal, paralela ao aceno xerado polo obxecto da razón que o poeta Paul Eluard identificaba coa pintura, un mundo creativo que se sitúa entre a orde e a paixón

Compartir el artículo

stats