Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Saberes da Grecia clásica

Historia da ciencia (II)

Restos do anfiteatro de Mileto.

Platón, no Teeteto, recolle varias anécdotas referentes a Tales de Mileto; así, grazas a Platón sabemos que Tales deseñou enxeños hidráulicos para desviar as augas dun río, que tiña coñecementos meteorolóxicos e astronómicos profundos?, que puña ao servizo da súa cidade, polo que era moi respectado polos seus paisanos. Porén, un día, mentres ía distraído, Tales caeu nun pozo: en poucos días corrérase a nova de que Tales andaba tan absorto en 'pensamentos inútiles' que xa non sabía nin por onde pisaba. Ora ben, cales eran eses 'pensamentos inútiles' que tanto lle preocupaban a Tales? A resposta é sinxela: Tales estaba interrogándose pola verdade.

Así, á marxe do que realmente ocorrese no pozo, un grupo de pensadores da cidade de Mileto, unha cidade xonia, comercial e cosmopolita, que entre os séculos VII e VI a. C. estaba en pleno apoxeo económico, entre os que se atopaban Tales, Anaximandro e Anaxímenes, sentaron as bases dun pensamento que se caracterizaba por ofrecer unha explicación do mundo axustada a causas naturais, sen recorrer aos deuses ou a forzas sobrenaturais. Así, aínda que cada un deles interpretou o mundo de xeito diferente, nos tres casos compartían un elemento común: a busca da verdade mediante o razoamento e a observación, sentando as bases dun pensamento liberado da tutela dos deuses, quere dicir, acababan de fundar a filosofía e a ciencia.

Fronte a esa vía aberta polos milesios, no outro extremo do mundo grego, concretamente en Crotona, Pitágoras fundaba unha irmandade mística preocupada polos números, que consideraban que constituían a esencia da realidade, polo que determinan a orde do mundo. Porén, en tanto que vinculan todas as súas reflexións ao pensamento máxico, os pitagóricos, malia as súas contribucións ao pensamento matemático e xeométrico, non poden considerarse propiamente protagonistas da herexía científica. Porén, malia esa desviación pitagórica, a vía milesia terá continuidade no futuro.

Efectivamente, a cuestión do cambio e da permanencia das cousas, central no pensamento grego, seguirá a ser explorada por Parménides, Heráclito, Empédocles e Anaxágoras, que elaboraron propostas que serían precursoras da escola atomista de Abdera, da que o principal representante é Demócrito, quen establece que todo está constituído por partículas invisibles (átomos), sinalando que no principio de todas as cousas estaba os átomos e o baleiro. O materialismo, así se denomina esa forma de explicar o mundo, foi combatido polos sofistas, un grupo de pensadores que dubidaban de que a verdade puidese ser coñecida e que defendían un perigoso relativismo moral. Precisamente fronte aos sofistas Sócrates desenvolveu un pensamento humanista que pretendía situar ao ser humano no centro da reflexión moral. Neste contexto, Platón sentou as bases do dualismo filosófico, que facilitará a coexistencia da práctica científica e a existencia dos deuses.

Aristóteles, o principal discípulo de Platón, herdou o dualismo do seu mestre, que apenas modificou, e estableceu as bases para o progreso científico do seu tempo, sendo nese momento cando se producen os principais avances en matemáticas, medicina e historia natural. Velaí están, como proba, a obra matemática de Euclides e astronómica de Ptolomeo, que foron de referencia obrigada durante séculos; os coñecementos médicos de Hipócrates, que estableceron a necesidade da observación da enfermidade como fundamento do coñecemento médico, un principio seguido posteriormente polo médico romano Galeno; o saber zoolóxico de Aristóteles, que tamén foi de gran influencia posterior, ao que se sumaron os estudos botánicos de Teofastro, e que tivo continuidade na época romana da man de Lucrecio e Plinio.

O universo de Platón

  • Platón, discípulo de Sócrates, herdou do seu mestre a preocupación polo 'home' e polo Estado e apenas dedicou tempo á reflexión científica, aínda que temos un texto, o Timeo, no que reflexiona sobre a Natureza e o mundo. Ora ben, a reflexión científica de Platón estaba subordinada ao seu pensamento e aos seus intereses de clase e, lembremos, Platón non parece que defendese un modelo de polis ao servizo do pobo. Nese sentido, en tanto que a filosofía natural e a práctica científica materialista cuestionaba a existencia dos deuses e, considerando que o Estado aristocrático precisaba da relixión politeísta, da relixión recollida nos textos de Homero, sobre a que xiraban moitas das prácticas sociais, Platón puxo todo o seu esforzo intelectual na modernización do pensamento mítico, elaborando unha explicación da Natureza e do mundo reducida a unha proxección dun mundo ideal, un mundo eterno. En consecuencia, o Universo é creado polo Demiúrgo, un artesán supremo, que o creou segundo un modelo ideal. A intención política deste discurso é evidente: se o mundo segue un plan divino, que papel lle queda ao individuo? A partir dese momento a ciencia quedará sometida a tutela dos deuses de novo, abrindo camiño ao dualismo, que determinará o desenvolvemento científico durante os séculos posteriores.

Compartir el artículo

stats