Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Saco y Arce, 1868

Arredor da primeira gramática galega

Juan Antonio Saco y Arce (1835-1881), autor da primeira Gramática galega.

A gramática compoñía, na antiga ensinanza medieval, unha das materias da t rivium. As outras dúas eran a retórica e a dialéctica. Estas tres disciplinas, máis as incluídas no quadrivium, conformaban as chamadas sete artes liberais que se precisaban aprender para integrarse na clerecía.

O idioma usado era o latín. Porén, a emerxencia das linguas romances (aquelas que proveñen do latín) reclamaba un novo status. A vella forma imperial continuaba a ser o idioma do poder (sobre todo, eclesiástico), mais as falas romances viñan, devagariño, ocupar novos usos.

Precisamente esta expansión na literatura ou na xudicatura derivou no seu estudo gramatical como amosan pequenos tratados e disertacións. En 1492 Antonio de Nebrija publica a considerada primeira gramática do castelán. Desta época tamén son as pioneiras gramáticas do italiano, da autoría de Giovanni Francesco Fortunio con data de 1516, ou do portugués, publicada por Fernão de Oliveira en 1536.A aparición das gramáticas contribúe, daquela, á fixación dunha norma á hora de escribir esa lingua. A de Nebrija foi usada por moitas xeracións. Véñenme á cabeza os versos de Pondal, incluídos no poema "O dolmen de Dombate" que din: "cando ía para Nemiña, a estudiar a arte / do erudito Nebrija, e do bo Villafañe".

En todo caso, o que pretendemos explicar é que linguas como o castelán, o portugués ou o italiano contaron con gramáticas dende o século XV-XVI. E destes traballos derivaron outros estudos relacionados cos dicionarios ou coas normas ortográficas que uniformizaron o idioma nun proceso de moitos anos. Mentres, a lingua galega non foi contar cunha gramática de seu até 1868. Con certeza, os traballos do Paere Sarmiento ofrecen moito material arredor do estudo lingüístico e isto retrotráenos até mediados do século XVIII. Pero non podemos falar estritamente de gramática. Entón, o feliz acontecemento chegou da man dun crego de Alongos, Toén (Ourense) chamado Juan Antonio Saco y Arce e da imprenta de Soto Freire, o mesmo que imprimira o primeiro tomo da Historia de Galicia de Manuel Murguía. Estes nomes son ben relevantes para o Rexurdimento e dentro deste movemento debemos entender as razóns do traballo de Saco y Arce.

Entre os propósito do Rexurdimento está a dignificación da lingua a partir do seu cultivo literario, o seu estudo ou o desmantelamento dos tópicos negacionistas. A obra de Saco y Arce reúne os tres: deixounos un feixe de cantares recollidos sob o título "Literatura popular de Galicia", publicou a citada gramática e no prólogo da mesma láiase de que "los hijos de Galicia, haciéndose eco de extrañas preocupaciones, aceptando el estigma de menosprecio con que los demás quieren marcarlos, tienen a gala renegar de su lenguaje nativo, y se juzgan cultos extendiendo sobre éste el ignominioso desdén que pesa sobre su hermosa región".

O libro escribiuno en castelá porque o obxectivo, como el mesmo explica, é que os de dentro e fóra de Galiza coñecesen a lingua galega para aprendela ou, canto menos, non vilipendiala. Un honrado fin non acadado no presente, á vista das diatribas asnais dos últimos días. Devén, pois, moi inxusto non lembrar a efeméride do sesquicentenario da gramática: unha obra meritoria, traballada dende métodos comparativistas, e que desembocou nun libro de referencia até o franquismo.

Precisamente, durante as tebras feixistas, Carvalho Calero publicou a Gramática elemental del gallego común (1966), un novo paso adiante no eido filolóxico. Concluída a Ditadura, dentro do Instituto da Lingua Galega (ILG) apareceron os traballos de promocións novas como é o caso da gramática de Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, de 1986. Hoxe en día, nas facultades, estúdanse as gramáticas de Rosario Álvarez e Xosé Xove (2002) e a de Xosé Ramón Freixeiro Mato (2003). Infelizmente, a Real Academia Galega non publicou aínda unha gramática propia.

A obra de Mirás

  • Denantes de Saco escribiuse o Compendio de gramatica gallega-castellana (1864), asinada por Francisco Mirás, que incluia un vocabulario resultado dun meritorio esforzo pero de pouco valor estritamente gramatical. Carvalho definiuna como "curioso adefesio". Os estudos filolóxicos galegos son moi recentes, á vista do escrito. É resultado dun clima hostil ao idioma (como denunciaba Saco y Arce) e mais da carencia de recursos durante varios séculos. No presente, as tres universidades teñen abertas liñas de investigación sobre esta materia que, como hai 150 anos, precisan desmantelar tópicos, prexuízos e aldraxes sobre a nosa lingua. Porque na difamación contra o galego tamén vai unha difamación ao que somos como pobo.

Compartir el artículo

stats