Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Todo o que toca a alma

Cando Eros devén a escrita

Todo o que toca a alma

Se literatura é todo o que toca a alma (Gonçalo Tavares dixit), o libro que agora comento, Dialética, de Daniel Barral (Vigo, 1997), o primeiro que publica o seu xovencísimo autor, é unha moi boa literatura. Podemos comprobalo ao longo dos seus versos, que falan da experiencia amorosa, onde os corpos rozan a eternidade do efémero mentres que, mediante a palabra, o poeta trata de recuperar ese fulgor paradisíaco e fugaz que dura para sempre. De aí emana o movemento da melancolía, nese xogo dialéctico de ausencias (a soidade prístina) e presenzas (o caír insondábel nun non-ser, nun espazo moribundo e extasiante). Podémolo confirmar desde o primeiro poema, que finaliza deste modo deslumbrante: "A poesia é magia porque joga a construir um cosmos:/febre, instável, breve e sempre incompleto./Mas, sobretudo,/a poesia é carinho".

Cando Eros se apodera da escrita asistimos a unha revolución do corpo, a unha desobediencia das células. Trátase dun impulso morfolóxico que é, a un tempo, unha paixón náufraga porque participa dunha ausencia (a do outro corpo que xa non está no momento da escrita) e unha pulsión transcendente, como o hálito que impregna de vida e de sentido os actos humanos máis pródigos e íntimos, isto é, unha desposesión que nos posúe: "Como rosa de fumo, inspiro-che o beijo:/também Deus soprou na argila/para criar o homem". No encontro erótico achamos o misterio tantas veces expresado da carne que anhela ser espírito e da alma que desexa se encarnar. Ser carne que se entrega e alma que se recibe ou se confunde conduce á queimación, como observamos desde a tradición sufí e que nestas páxinas atopa o seu claro correlato: "Respirar é morrer-se,/queimar o dentro aos poucos,/apetite pelo nada".

Todo o poemario está sulcado deses felices achados expresivos, onde non falta o delirio verbal provocado pola impetuosa exaltación do namoramento: "Eno sagrado, febre, corpo velido que nunc'houver'amigo,/e fazeres de mim Ganimedes, seres raio que me rapta e iça". Tampouco sería descabelado mencionar a coincidencia da pincelada epicúrea tan semellante (no esencial e no sensual) ao grande Eugénio de Andrade no seguinte fragmento: "Enunciar o prodígio: tu e mais eu/naquelas horas quentes da madrugada".

Poesía que deseña un lugar que simultaneamente é interior e exterior, ao igual que postula a alianza do ti e do eu nun mesmo ser que se afirma na disolución. Así de misterioso é o amor e as súas máscaras verbais. Facelo nítido, comunicalo coa nudez dos grandes acontecementos, é labor de todo poeta. Daniel Barral, con xuvenil sinceridade, con refinada ironía, ("No heterónimo da tua carne encarnar-me-ei possível,/desnegando-me ortónimo do corpo através"), así o fixo.

BARRAL, Daniel, Dialéctica, Ed. Medulia, A Coruña, 2018, PVP. 12, 48 ?

Compartir el artículo

stats