Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pura poesía

Coa forza da memoria

Pura poesía

Da man da editorial Galaxia e de Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago e editora do volume, ve a luz D e Gres a Cádiz, especie de serie de estampas morriñentas, no mellor sentido das palabras, nas que Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) quixo recoller, ou mellor apreixar e reter, nun exercicio de deber co seu ser e coa súa esencia, de unión coa súa orixe e circunstancias, coma querendo non distanciarse no esquecemento a pesar da enorme distancia física inevitable. Esa serie de lembranzas e nostalxias veñen ser como o inicio ou a primeira parte das súas memorias, porque, en efecto, comezan en 1928 e acaban en 1949, e, ao longo de 91 escritos ao estilo de foto fixa, recolle diferentes e senlleiras lembranzas e vivencias acontecidas entre o seu nacemento e o ano en que embarcou en Cádiz cara ás Américas, onde pasaría gran parte da súa vida.

Son pura literatura e poesía (o propio autor definiunas como "memorias literarias"), sen dúbida para os máis sensibles, que permaneceu inexplicablemente inédita ata o de agora, a pesar de que comezou a escribilas en 1996. Veñen tamén así a completar ou complementar outros volumes en que o autor de Memorias dun neno labrego (tal vez o seu libro máis coñecido e o libro da literatura galega con máis edicións enriba, e mesmo a máis traducida) deixa testemuña doutros períodos da súa vida: Neira Vilas. Os anos da Arxentina. 1949-1961 (Galaxia, 2008), Días de Cuba (Galaxia, 2014), Vinte anos retornando (Xerais, 2006) e Penúltimo dietario (Xerais, 2011).

E non son só literatura poética, senón que sobre todo son reflexo de moitos galegos, do sentir de moitos galegos, ou dun amplo sentimento común, porque a súa experiencia persoal foi tamén identificada como colectiva, e as súas vivencias como as vivencias de varias xeracións de galegos e galegas, intimamente vencellados á emigración, que marcou e identificou unha longa e triste época, ainda que non por iso sempre negativa.

Nestes 91 retratos vemos pasar persoas máis ou menos entrañables, lugares, sucesos, historias, sentimentos?: Gres, A casa do romano, Tía Mercedes, O monte, O Medo, A Guerra?, e, como o propio Neira Vilas sinala no Epílogo, escribiu "estas viñetas así, no mesmo ton lírico de Lar, Nai e Pan", e efectivamente así é, e quen gustase desesperadamente libros non debería deixar de ler estas novas, aínda que vellas, prosas, nas que a infancia, a adolescencia e a primeira mocidade do autor, quedan sentimentalmente ben reflectidas como arquetipos galegos da época. Na introdución de Dolores Vilavedra, da que sen dúbida han gustar tamén os lectores, dáse boa conta da xénese da súa escrita, que, como ben sinala a autora, "na súa extensa produción case nada é alleo á memoria", e aquí tamén esa memoria nostálxica impregna o libro, a forza da memoria, que, se non se escribe, pérdese para sempre.

NEIRA VILAS, X., De Gres a Cádiz, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 17, 70 ?

Compartir el artículo

stats