Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un poema gamela

Lírica para o compromiso

Un poema gamela

Se vivir é padecer, lembrar é unha tortura. Este aforismo resume o sentimento dorido da vida, tan extraordinariamente expresado por Rosalía de Castro, e traspasa as nosas letras desde o Rexurdimento até hoxe. Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966) non é allea a este designio e o seu último poemario, Labirinto ou memoria, adéntrase neste dédalo doloroso que é o lembrar. Por iso o título transpira unha clara ambigüidade. A conxunción ou parece propórmonos dous termos excluíntes: ou lembramos (memoria) ou vivimos nun labirinto (no perpetuo cárcere da confusión). Repare o lector que o título tamén nos pode suxerir outra lectura: labirinto, ou sexa, memoria. Recordamos fragmentos, secuencias, despoxos do existir, non unha minuciosa e completa sucesión de aconteceres. A lembranza será sempre fragmentaria; o que sentimos no pasado, non. Eis o verdadeiro cerne da cuestión.

Marta Dacosta explora estas circunstancias. Diría máis, a visita ao pretérito constitúe tamén unha reconstrución interior: "reflexo que chega do pasado/barro co que nos construímos". No vasto territorio do recordar, a escritora advírtenos: "Non penses (...)/que os versos/son mapas exactos". Neste magma sen límites precisos non hai un manual de instrucións que sirva para se orientar. A poesía non persegue ese fin, como observamos en moitas das composicións iniciais: "un poema gamela, despintado e tan vello/como a fame de afectos". De aí que cando o suxeito lírico se interne na selva da memoria, atopará que o Minotauro vai con ela: "este tempo en que reside/o meu propio monstro/a devorarme". Porque o acto da recordación, cando é continuo, cando o pasado é máis numeroso que o futuro, pode devorarnos. Como a vida que se vai sen darnos conta: "Nunca son quen de parar/(...) porque entre o silencio e o galope/os seus pasos ocupan a existencia".

Ao longo do volume confirmamos que o corpo é unha casa e que a súa arquitectura constrúe unha memoria. Memoria dunha nena habitada de medos e cansazo, de historias moi tristes que se van espallando polas páxinas, tráxicas: "nese camiñar lento entre os cuartos da casa/nesa indefinición ante a roupa no armario/nese mirarse a si propia ante o espello"; onde vislumbramos a guerra, o escenario violento do fascismo, a represión. Notamos nestes casos como o lirismo de Marta Dacosta se vai tornando nítido ao mostrar con maior transparencia o seu compromiso persoal e social: "e constrúes un muro que ás veces se derruba/deixa pasar o frío e nunca é tan grande/que a sombra do covarde non poida superalo". Onde tamén apreciamos, nunha ascese case sufí, algunha revelación: "Non hai como ser monte e arder/para saber/da devastación". A poesía sería, daquela, ese incendio común.

DACOSTA, Marta, Labirinto ou memoria, Ed. Caldeirón, Malpica, 2018, PVP. 10 e

Compartir el artículo

stats