Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LIX e feminismos

Ler para aprender e ensinar

LIX e feminismos

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, ademais dunha lectura para todos os públicos, é unha obra para aprender e ensinar. Podemos cualificar o volume como un ensaio fundamental que debería ser de obrigada lectura para todo o profesorado de lingua e literatura, sexa esta a que for, e para todas as persoas integrantes dos equipos das bibliotecas, porque nos fai conscientes das implicacións que as nosas escollas nas seleccións de lecturas recomendadas van ter no desenvolvemento educativo da sociedade.

Os tres obxectivos que a sadense sinala son: establecer un corpus teórico que permita pór de manifesto a vinculación entre o feminismo e os estudos de LIX no contexto galego; visibilizar o papel que os grupos feministas e de mestras tiveron na procura dunha educación igualitaria a través da análise de manuais escolares e contos; e, por último, analizar os textos literarios infantoxuvenís do ámbito galego e ver en que medida estes se viron influenciados polo movemento feminista.

A obra artellouse en dúas partes. A primeira, "Movemento feminista, coeducación e crítica de literatura infantil en Galicia", achégase ás conexións entre literatura infantil, movemento feminista e educación. Nela, ademais de nos fornecer dun coñecemento específico no corpus teórico, realízase tamén un tributo a xeracións de ensinantes que traballaron pola coeducación e a igualdade.

A segunda parte, "O impacto dos feminismos na literatura infantil galega", analiza a influencia do feminismo na LIX a través dos textos. Resulta moi interesante a clasificación da nosa LIX en catro etapas atendendo a como o feminismo e os valores da igualdade se foron manifestando nos textos literarios: a etapa inicial (1927-1980) coa publicación de obras illadas cunha concepción androcéntrica do mundo; a etapa militante (1981-1989) na que comeza a se desenvolver o campo literario infantoxuvenil; a etapa de xeneralización de modelos de protagonistas nenas e mulleres (1990-2005) capitaneada por Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre; e, finalmente, a etapa actual (2006-hoxe) onde se produce a confluencia dos feminismos con outras subxectividades nas marxes. Finalmente a autora tamén sinala unha boa listaxe de vías de traballo de interese para realizar no futuro, entre elas podemos salientar a elaboración de propostas didácticas específicas para diferentes niveis educativos que partan de obras coeducativas para promover a igualdade entre os sexos relacionando distintas áreas de coñecemento e a realización de estudos sobre a recepción das obras coeducativas, en diferentes niveis do ensino.

Como nos indica a propia estudosa, o volume é un convite a ler e a axudar a ler criticamente. E, máis aló da formación para lectores especializados, un valor fundamental deste libro é o paseo para todos os públicos que nos ofrece obras fundamentais da literatura infantil e xuvenil galega. Monste Pena Presas achégase aos textos na medida xusta para tentarnos coa lectura dos diferentes títulos que para uns será unha estrea e para outros suporá un reencontro con textos que permanecían no noso imaxinario.

PENA PRESAS, Montse: Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia. Ed. Laiovento. A Coruña. 2018. PVP. 15, 80 e

Compartir el artículo

stats