Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trasfondo altruísta

Con enxeño e habilidade

Trasfondo altruísta

Personaxes convencionais para un conto, O ladrón de soños, que amosa un trasfondo altruísta no que se serve construtivamente ao outro, nunha sorte de experiencia de empatía que non se adiviña nas primeiras liñas do relato, pero que se intúe cando vemos actuar os protagonistas.

O nome da cidade onde transcorre a historia resulta máis ca suxerente: Soñovai acolle no seu seo a nenos e nenas de todas as clases e condicións sen distincións e de entre eles destaca Uxío o Mago, capaz de crear e recrear cada noite escenas marabillosas, fantásticas e abraiantes e que farán que os soños sexan extra ordinarios: voar en unicornio, viaxar á lúa ou andar sobre as nubes son só algúns dos movementos dos cativos que, pola mañá, se senten radiantes para brillar todo o día.

E como adoita suceder en todo conto clásico hai sempre ou case sempre un antagonista, un contrario que engade emoción ou músculo á trama para que o heroe luza o seu mellor traxe e aquí temos o ladrón de soños. Del descoñecemos case todo, mesmo o nome, pero si sabemos que ten estudada a situación que lle interesa para que a súa actuación sexa o máis frutífera posible. Así vemos, ao final, que o mago non é tan mago, porque o seu ilusionismo non chega a todos os recunchos e o ladrón non se apropia do alleo para o seu propio beneficio senón para tornar os pesadelos en soños.

Xogar coa imaxinación, crear enigmas estéticos onde se presentan asimetrías, deseñar uns personaxes, a miúdo, desdebuxados ou brincar con sentimentos contraditorios convértese para a autora, Sabela Fernández Trelles, en constantes neste volume e noutros como "Augusta e os seus medos", "O dragón Pepón" ou "As aventuras de Mariña e Lucas". De modo que aquí o texto convértese nun espectáculo de habilidade e enxeño no que se producen artificialmente efectos en apariencia marabillosos e inexplicables que fan parecer realidade o imposible: velaí a maxia dos feitos narrados, o poder das palabras, o valor da ficción. Ademais o xiro aparentemente inesperado da historia fai que determinados acontecementos e movementos cobren forza causando unha certa empatía co personaxe considerado, a priori, negativo e provocando unha corrente de afectos por aqueles que sofren e espertan a gritos na súa xeada casa ou que son perseguidos por lobos feroces ou gatos peludos.

E para que o contexto e a historia lles sexan atractivos aos primeiros lectores, as ilustracións que realiza Alicia Suárez, baseadas no trazo fino, na cor suave, no xesto amable e no detalle das escenas, permiten unha lectura que afonda na mensaxe, proxecta valores e insire pingas de humor e tenrura que atraparán a atención dos destinatarios dende as primeiras liñas.

FERNÁNDEZ TRELLES, S. (Ils. Alicia Suárez), O ladrón de soños, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 15, 50 ?

Compartir el artículo

stats