Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

The Brosas: enerxía pura

O rock'n'roll de A Terra nos Olhos

Os membros do grupo Bule en acción.

Préstanme os The Brosas. Préstame ese rock que asoballa de enerxía doente e sen moitos miramentos. Eles son de Burela e ben sabemos todas a estas alturas da película que Burela constitúe un universo no que a multicultura derrubou portas a golpe de Cantábrico, humanidade e vida a cachón. Non podía ser doutro xeito: xusto alí,nesa mariña máxica e magnética, naceron os Brosas con esa necesidade vital do rock humano, adoecido e existencialista. Guitarras que fenden en dous a quen se poña diante e ritmos trepidantes de baterías marteladas como se non houbese un mañá. The Brosas bouran na senda sónica de bandas coma Supersuckers ou Motorhead pero eles á súa maneira,que diría o vello Frank. Galegos, enxebres no máis fermoso sentido do termo e, sobre todo, teimudos. A Terra nos Olhos vén ser o seu recentísimo novo disco,editado en vinilo pola disqueira de Compostela Lixo Urbano e nel apuntalan de novo todo aquelo que xa nos deixaran ver no seu primeiro traballo homónimo editado xa hai cinco anos, como corre o tempo! Cancións directas que che botan a corda ao pescozo para arrastrarte atado a un cabalo desbocado polas pedregosas corredoiras dalgunha aldea perdida da salvaxe e fascinante Gz. Cancións berradas até a afonía e co metrónomo botando fume e labaradas. Palabras quentes a cara de can. Alguén me dicía o outro día nun concerto deles: "como toquen perto dun cemiterio imos ter un problema de superavit poboacional." E é que os Brosas son enerxía pura capaz de levantar un morto asemade de desprender doses de autencicismo a granel. Honestidade pura dunha banda que,moi lonxe de pasar por ningún aro,moitas veces quedan fóra de entrar en moitos festivais onde o que se leva é outra cousa de cara a certas galerías. Mágoa. Rock´n ´roll de tres acordes, si pero no senso máis amplo da súa xénese , demostrando que a eterna etiqueta nunca chegará á súa fin nin ten data de caducidade. Eles soan diferentes e contan cousas diferentes: as decepcións da vida, "debémosche unha vida, non o merecías" cantan en "Crass", o colonialismo cultural, o latexo doente da vida, "nacín coa fame do inverno", ou o sentimento fondo de quen se sente aborixe e orgulloso a pesares de todo. Os Brosas prestan a esgalla e merecen que os escoites canto antes e con moita atención. Se pensabas que o rock é cousa de xente que naceu nalgún lugar ben lonxe de nós, entón é que non tes perdón dos deuses nin dos demos. Rezarlle ao deus Lemmy sempre está moi ben pero hai outros mundos e algúns están tan perto que un día igual choras de mágoa por non telos disfrutado no escenario do garito da esquina de abaixo.

Os Brosas son de Burela e alí, ao igual que no resto do noso querido país, para algunhas cousas sempre escampa mal. Así soa a súa música: música ppeedica, retranqueira, latexante, poética, enxebre e sobrada de actitude vital e musical. Cancións cuspidas, berradas e bouradas coa intensidade de quen sabe que cabe a posibilidade de que igual ninguén escoite. e que máis ten? A santa Trinidade do rock and roll máis auténtico, mordaz e delicioso.

Despido esta nota e doulle máis volumen ao aparato. Efectivamente o camión da historia vén cara nós acelerando e de novo teño a sensación de estar bailando ao final dunha corda. Encántanme os The Brosas e ben sei que a vós tamén vos encantan ou vos encantarán. Non pode ser doutra maneira.

Desde Pontedeume, Bule

  • Pasaron moitas cousas no mundo desde o 77 pero na música moito do que aconteceu despois garda relación directa con todo aquel movemento xurdido da contracultura punk. Do "faino, faino xa" e "faino ti mesmo." Visceralidade e discursos moi intelixentes que rachaban de cheo con aquela prexuizosa e vella idea da sordidez clasista das glamourosas e,moitas veces,ridículas estrelas do rock. O punk do 77 era da rúa, de xente normal que subía a tocar ao escenario coa mesma roupa que tiña posta na tarde do concerto e cos mesmos problemas que calquera dos veciños do barrio. Nesas andan os Bule, un grupo de Pontedeume que boura a súa música influenciado polo espírito do 77. Manexándose entre o punk, o power pop e con certa carga "old school",achegáronnos unha primeira gravación en vinilo hai uns meses baixo o título de Aquelas cancións. Catro pezas: "Marylin", "O son da cidade", "Saír" e "Amor Terminal" coas que presentan cartas. Intensidade, actitude e melodías que se pegan como chicles na primeira escoita poñendote a corear e a mover o esquelete desde o primeiro compás. Aloumiñándonos as orellas con ecos dos Undertones, dos vellos Buzzcocks e incluso daqueles inesquecibles e tan molóns Caimán do Río Tea e levándonos de viaxe con evocadores riffs de guitarra que,por sinxeleza fermosa e puntería certeira,acaban por facerche premer nun bucle infinito no play do reprodutor. Escoitos e éntranme ansias tolas de entrar unha tarde/oite no Bar Varadoiro de Pontedeume e atopalos alí,tocando no fondo da barra cun feixe de colegas tomándolle unhas, berrando unhas pezas con eles e esquecendo o mal que foi hoxe o maldito día. Diso se trata,non? Os Bule teñen algo que evoca ganas xenerosas de compartir o solaz que algunhas veces regala a realidade e mergullarse ate o máis profundo nun mar de enerxía positiva. Podes atopar o seu primeiro videoclip que podedes polos mundos de internet desde xa. Ansias de velos en directo e de disfrutalos tal e como se merecen.

Compartir el artículo

stats