Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria do 25 de xullo de 1968

"Arredor da bandeira azul e branca"

Fotografía do 25 de xullo de 1968 (a autora da mesma pode ser María Xosé Queizán)

O Apóstolo Santiago determina un anaco do país. Faino atraveso das lendas populares. Tamén nas esculturas que dominan as congostras e farallóns. Acaso na onomástica, de Iria a Compostela, ou nas imaxinacións que fan das laxes marítimas a quilla, vela e leme do barco chegado dende Palestina a Muxía. Galiza cruzada polos antergos camiños vidos do corazón da vella Europa e dos mares do norte e os vieiros do sur que fixeron de nós un crisol cultural malia as adversidades dos tempos, sexan de orixe natural ou de orixe humana, que son as máis.

O 25 de xullo de 1764 celebrouse na capela de San Felipe (Madrid) un acto relixioso polo Apóstolo. Mais tamén tiña un aquel de acento galego pois o promotor era a Real Congregación de Naturales y Originales del Reino de Galicia. Seguramente a primeira sociedade (de clara elite social) de emigrantes galegos.

Ante nós temos un exemplar da constitución desta entidade. Un dos propósitos enunciados era a promoción do noso valeroso clan e o coñecemento dos seus méritos, fundamentalmente relixiosos. Fálase en todo intre do Reino de Galicia, que existiu como tal até 1834.

O Día de Galicia (ou da Patria ou Matria) colleu dimensión popular coa Segunda República. Houbo actos en vilas e cidades, parroquias e aldeas. En Compostela, o Mitin das Arengas. Pero os máuseres feixistas impuxeron a pólvora á liberdade.

Sob a bota militar de Franco os galeguistas do interior mantiveron a data. Agora non foi o Apóstolo senón Rosalía quen serviu para arrexuntalos na misa de San Domingos de Bonaval. Era o reencontro dos vellos amigos que permitía soster o valor daquel día para unha nación sometida.

A mocidade que viña tras eles, moitos de extracción popular, quixeron aproveitar o contexto relixioso para alzar a voz contra a ditadura. A policía axiña reprimiu, empurrando a Otero Pedrayo (con caxato en alto para se defender) e enganchando polo brazo a Xaime Isla Couto e Carlos Guitián, que remataron presos. Reparen nos nomes: egrexio catedrático e patriarca da cultura galega; catedrático en Peritos e asesor da Caixa de Aforros de Vigo; e recoñecido urólogo e xefe de servizo no Hospital de Ourense. Tamén foi detido un rapaz vinculado á UPG que sufriu unha malleira por parte da brigadilla.

A UPG aínda tiña a casca no corpo. Formouse en 1964 na Rocha (Compostela) con Luís Soto á cabeza. Devagar no campo da resistencia antifranquista gañou un espazo propio: o do nacionalismo de esquerda. E á vez acadaba avances como o uso da lingua galega nas asembleas obreiras e estudantís que era entón motivo de discusión, ataque e mesmo desprezo. Un síntoma da anormalidade do país e da esquerda antifranquista.

O ano 1968 foi data célebre en Europa e tamén na universidade compostelá. Pero tamén é de memoria nosa porque nese 25 de xullo a UPG se concentrous na Alameda para intentar unha manifestación e ergueu unha pancarta nas pólas arbóreas co lema "Viva Galiza ceibe e socialista". Durou no alto os minutos suficientes para termos hoxe unha fotografía, din que sacada por María Xosé Queizán. A loxística daquela acción foi rudimentaria e pouca épica (con licenza) pero efectiva e transcendente. Xa non era a misa de Rosalía nin o día do Apóstolo. Xa non era un acto protagonizado polo PCE, hexemónico no campo da resistencia. Xa non era protagonista a xeración galeguista de preguerra.

Aquel desafío ten moito valor no simbólico. Resultou unha declaración de intencións da nacente Unión do Pobo Galego que, nos seguintes anos, espreguizouse para ser quen de crear estruturas de masas. E foi nese ano de 1968 cando a UPG foi recoñecida polo Consello de Galiza como o seu representante no interior e Ferrín nomeado o seu delegado.

Ás veces os pequenos actos supoñen no decorrer do tempo sucesos destacados. E estamos precisados deles pois Galeano ben o dixo: "ucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, pueden cambiar el mundo" Fagámolo.

O Mariscal

  • O Día Nacional de Galicia (dío DOG no decreto 86/2017 asinado por Núñez Feijóo) celébrase de forma cáseque oficial no citado 25 de Santiago dende hai case un século. A fixación foi un dos acordos da asemblea das Irmandades da Fala acontecida en 1919. A candidatura do 25 venceu á candidatura do 17 (de Nadal), data da morte do Mariscal Pardo de Cela. Leo na prensa que no vindeiro 16 de setembro haberá un concerto de "Vivid Consort" aló na Frouxeira, outeiro onde o castelo do Mariscal resistiu as tropas de Isabel La Católica. Tamén leo que Anselmo López Carreira guiará polas Terras de Miranda, de Valadouro a San Martiño de Mondoñedo (vella catedral seica de pegada sueva) e coido entón que é unha actividade de grande interese polo que ten de recuperación e dignificación da nosa historia. Álvaro Cunqueiro, exdirector de FARO DE VIGO, lembraba que cada 17 de Nadal un crego tanguía as campás da Catedral de Mondoñedo mentres farfallaba: "recemos pola alma do noso Mariscal".

Compartir el artículo

stats