Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Isabel Blanco: "María Vinyals cría que a Educación era básica para conseguir a igualdade "

Para contar a vida desta pioneira feminista, unha das máis egrexias propietarias do castelo de Soutomaior, Isabel Blanco recorreu á voz dunha pantasma inventada pola propia Marquesa de Ayerbe: Edmundo "O Alemanote", alma errante das estancias do castelo, quen narra as andanzas desta valerosa muller no libro patrocinado pola Deputación de Pontevedra María Vinyals. Un talento rebelde (Belagua Edicións).

Isabel Blanco, en Vigo. FOTO: ELI REGUEIRA

-Cal foi a primeira noticia que tivo de María Vinyals e que razóns a animaon a escribir un libro sobre ela?

-Coñecín a María Vinyals por medio da deputada delegada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas. Dende o Servizo de Igualdade da Deputación, no que se creou, no ano 2016, a Escola de Igualdade " María VinyalS", propuxéronme primeiro, e encargárome en canto aceptei, o labor de escribir o libro. A idea era achegar e dar a coñecer a figura e a obra de María Vinyals ás mozas e mozos dos institutos da provincia e ao público en xeral. O fin primeiro é, pois, didáctico e divulgativo.

-Estamos diante dunha biografía ao uso ou, máis ben, dunha biogafía novelada (e, por certo, tamén ilustrada, por Luz Beloso)?

-Estamos ante una recreación literaria da vida e da obra de María Vinyals, recreación literaria fermosísimamente ilustrada por Luz Beloso e dirixida a un público xuvenil, aínda que o resultado final sexa para todos os públicos. No proceso de creación, o texto e a ilustración camiñaron xuntos. Na parte histórica tiven o apoio da revisión, realizada pola historiadora Silvia Cernadas.

-Cando comezan as inquedanzas feministas de María Vinyals?

-Comezaron dende a súa mocidade. Para ela, que recibiu unha exquisita educación - sobre todo pola banda dos seus tíos ( o Marqués de Mos e a súa dona Zenobia Vinyals )-, a base da igualdade entre homes e mulleres comezaba pola educación destas últimas e niso empeñou, nos primeiros tempos de activismo, os seus esforzos. Co tempo, xa na madurez, estendeu o seu pensamento feminista sen abandonar nunca a idea da base da formación e a educación das mulleres como eixo fundamental para a igualdade, que revindicou ao longo da súa vida.

-O alcume de "marquesa roja" viulle por ser feminista ou por casar co seu marido, Enrique Lliria, que era moi achegado ao PSOE?

-O alcume de "marquesa roja" viu tanto polo seu activismo feminista como polos seus ideais e compromiso socialista. Ela tamén pertenceu ao Partido Socialista, ao tempo que o seu segundo esposo, Enrique Lluria.

-Hai versións da súa vida que din que o castelo de Soutomaior, cando residían alí ela e mais o seu segundo marido, era un niño de conspiracións pouco menos que xudeomasónicas. Era iso certo?

-De toda a documentación que coñecemos, non hai testemuño ningún de que no castelo de Soutomaior se fixeran reunións xudeomasónicas, aínda que si é certo que moitos rumores malintencionados ían nesa dirección. O certo é que no castelo de Soutomaior, durante a estadía de María Vinyals e Enrique Lluria, sucedéronse as reunións con grandes e recoñecidos artistas como Benlliure e Sorolla, escritores e escritoras como Emilia Pardo Bazán e Castelao, políticos e músicos, xornalistas e membros destacados da sociedade da época. Esa foi a realidade.

-Por que decidiron abandonar o castelo e vendelo: por razóns económicas ou porque vivían moi presionados pola, daquela, sociedade galega conservadora?

-A razón da marcha do castelo de Soutomaior foi económica. Foi embargado e vendido en poxa. A presión da sociedade galega conservadora non axudou a que medrara o gran proxecto do Hotel Sanatorio Lluria, construído nun edificio anexo ao Castelo e, polo tanto, contribuíu a que a economía da familia non lograse as expectativas necesarias para manter a propiedade e pagar as débedas, mais non foi a causa directa da marcha da fortaleza.

-Como se explica que, ata hai moi poucos anos, apenas se soubera nada da existencia desta muller e si, en cambio, de outras figuras feministas e progresistas da sua época?

-O esquecemento de María Vinyals na historia pode ter que ver, ademais de polo innegable feito de ser muller, pola súa marcha de España a Cuba e a caída no infortunio , a pobreza e a soidade, así como a falta total de noticias dos derradeiros anos da súa vida.

-Sobre a súaa morte hai varias versións: unhas din que morreu en París en 1940 (na Segunda Guerra Mundial, durante un bombardeo) , outras que en México anos despois. Cal é a súa?

-A miña versión sobre a morte de María Vinyals é a que escribo no libro. Invento un final poético co que intento devolverlle á protagonista parte do que perdeu en vida.

-Confirma Vde. que morreu, tal como adoita dicirse, arruinada e na miseria?

-Si. Das súas derradeiras cartas, documentos e testemuñas de terceiras persoas que a coñeceron conclúese que morreu na miseria, na que viviu os derradeiros tempos antes do seu pasamento.

-De María Vinyals cóntanse varias anécdotas, entre elas que confeccionou a pantasma do castelo de Soutomaior. Podería falarmos dela, seica un alemán que inventara unha arma poderosísima?

-En efecto, nalgúns dos seus escritos María Vinyals fala dunha pantasma que habita no castelo de Soutomaior, pantasma á que se lle coñece polo alcume de " O Alemanote ", por ser de orixe alemá. Conta a lenda que chegara ao castelo hai séculos e que descubrira unha arma moi poderosa. No libro, eu recorro a esa pantasma para contar novelada a historia de María Vinyals. Chámolle Edmundo e convértoo no seu amigo e aliado, no narrador da historia.

Compartir el artículo

stats