Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espazos do "novo" MARCO

Contra unha acumulación naif

Espazos do "novo" MARCO

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo presenta novamente os seus espazos abertos e cubertos de obxectos con catro mostras situadas lonxe da traxectoria do centro de arte contemporánea que teoricamente segue a ser e que confirma unha radical ruptura co anterior. Esta situación evidencia, desde o noso punto de vista, o doado que é destruír un ámbito expositivo cando se traballa desde coordenadas alleas a criterios minimamente reflexivos e/ou técnicos, neste caso a pesar de contar co que fica dun eficiente equipo profesional que debe lidar con "proxectos" ben afastados do seu nivel de competencia. Chegados a este punto, o espectador pode pasar dunha montaxe de parque temático sobre Jules Verne -producida por Telefónica-, a unha exposición de microscopios; e dun espazo que seica quere homenaxear o Vigo art déco, a unha mostra dun escultor que afirma que non lle interesan os museos de arte contemporánea, ambos unidos, sen moito sentido, so o título de Metrópole. Perspectiva urbana da arte galega.

Este tipo de actuacións e comentarios nacen dunha fonda incompresión sobre a función da arte na nosa sociedade e sobre os seus presupostos, no que respecta aos procesos históricos e tamén ao noso presente.

Todo o que se pode enxergar nos distintos espazos do "novo" MARCO carece dun mínimo rigor. Ignórase que calquera discurso sobre a arte no ámbito do espazo expositivo debe partir da reflexión sobre a posición da mostra, do feito expositivo, como lugar e como manifestación. Non se entende que os espazos museísticos deben propiciar pensamento e análise sobre o papel da arte na vida pública, un debate que, infelizmente, en xeral, está dominado, no noso presente, pola linguaxe de cálculo de custes, aspecto central neste tipo de argumentos supostamente populares.

Cómpre insistirmos en que as exposicións non poden ser simples acumulacións de obras referenciadas como "artísticas", ben pola contra, deben ter como finalidade que estes traballos constrúan unha relación que produza significados. Dentro destes, permitir un abano ben amplo, desde a evocación das intencións críticas e a atmosfera dunha época até a irrupción desa época no noso presente, coas súas transformacións sociais, culturais e xeracionais. Levadas ao noso mundo máis próximo poden dar conta das máis diversas realidades, dos problemas que inciden na análise dos procesos sociais que afectan a nocións como lugar, posición, poder e política. A mostra pode e debe ser un lugar de produción de sentido e facilitar que a obra incorpore os valores de apertura e conexión temporal, que permita que o sentido dos diferentes traballos artísticos opere co espectador no lugar de encontro.

Desgrazadamente, a perda dunha fronte común permitiu nas últimas décadas que as posicións sociais máis reaccionarias e dominantes abriran unha fenda para afrontar o asalto á cultura, utilizando diversas lóxicas que inclúen a omnipresente voz do utilitarismo populista mais tamén o esteticismo que toma posicións defendendo a opción de ver a arte como unha entidade transcendente, formalista e sen calquera función social que cumprir, o que é xa, de seu, unha poderosa función ideolóxica. A desolada sensación que produce entrar no que fica do MARCO fai que nos reafirmemos nun posicionamenteo totalmente oposto ao puro formalismo e ao vulgar dominio do que se di que lle gusta á maioría da xente. Ben pola contra, reafirmamos a necesidade de opcións rigorosas, críticas e actuantes de xeito sólido nos contextos espaciais e temporais.

Fronte a unha acumulación naif ou simplente irrelevante, debemos apostar por espazos que definan proxectos que cando se acheguen ao pasado máis recente permitan, por exemplo, a reconstrución de xeito visual e documental do proceso seguido para incorporar os artistas contemporáneos a escena ligada á nosa modernidade ou que se sitúen como indicadores do camiño da arte máis recente desde un duplo ollar, cara ao pasado e cara ao futuro, ou que sirvan para balizar un pensamento crítico, fundamental para que a arte teña algún sentido no noso presente.

Obxectos inertes

  • Como toda actividade humana a arte non é un simple asunto do pasado nin unha simple decoración no presente. É espello dunha realidade complexa que dialoga connosco e maniféstase como unha interpelación, que se dirixe ao espectador de calquera tempo, e que este pode percibir nese instante sorprendido que é unha boa obra de arte como quen percibe algo de nós mesmos. Impedir este tipo de proxectos é empobrecer a experiencia de ollar aquí e agora. Sen esta experiencia as obras perden a súa temporalidade e a súa vida, transfórmanse en obxectos inertes. Os nosos contedores non só se converten en espazos mortos cando están sen utilizar, tamén se poden ateigar de obxectos inertes se non se fai deles espazos de vida, transformándoos en lugares produtores de sentido. Dicia Baudrillard (Simulacros e Simulación) que é perigoso desenmarcarar as imaxes, xa que disimulan o feito de que non hai nada detrás delas. Neste caso non disimulan en exceso porque as salas do MARCO seguen totalmente baleiras.

Compartir el artículo

stats