Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O novo escintilar do Pórtido da Gloria

Esplendores do Mestre Mateo

Diferentes aspectos do Pórtico da Gloria (catedral de Santiago de Compostela) logo da recente restauración. // FOTOS: XOÁN ÁLVAREZ

O remate das obras de restauración do Pórtico da Gloria devolve o esplendor ao labor do Mestre Mateo, mesmo recuperando parcialmente tres niveis de policromía, entre elas parte da orixinal da obra de finais do século XII.

Como é ben coñecido, o Mestre Mateo é unha das personalidades artísticas máis importantes da Idade Media europea. Documentado de xeito relevante, sabemos que o rei Fernando II lle concede en 1168 unha pensión anual pola súa dedicación ás obras da catedral. Mateo, alén diso, asinará nos linteis do Pórtico da Gloria en 1188, aínda que a súa obra continuaría nos seguintes anos. Estes datos ofrecen un exemplo senlleiro do xurdimento da consciencia do artista, que vai desempeñar un papel cada vez máis importante e que na Europa dos séculos XIII e XIV vai ir consolidándose.

Con Mateo estamos perante un artista excepcional, que introduce innovadoras concepcións arquitectónicas e escultóricas, no contexto do que se denominou protogótico, a transición das formas do románico ao gótico.

A súa escultura é excepcional na súa concepción da figura e extraordinariamente avanzada, caracterizándose por un marcado naturalismo nas estatuas-columna, un camiño en boa medida non seguido na arte europea inmediatamente posterior, xa que o gótico francés tenderá a unha representación máis idealizada. Tamén sobresaen as figuras polo tratamento do movemento e pola reprodución precisa de pregues e panos. O Pórtico da Gloria supón unha obra prima da arte occidental, que terá continuidade en calidade e complexidade estrutural nos grandes pórticos do gótico francés, Reims, Chartres e París.

O pórtico articúlase en tres grandes arcadas que coinciden coas naves. Crea unha nova percepción da catedral, co coro, as naves e o altar e repite a escultura de Santiago do pórtico establecendo unha ligazón visual e conceptual. É dicir, o labor de Mateo concibe a totalidade da catedral como unha experiencia visual.

O programa recolle a visión do Apocalipse de San Xoán e é de grande complexidade iconográfica. Nel culmina a historia da humanidade, tal como era entendida polo pensamento medieval: unha historia que fora iniciada na fachada norte, co Antigo Testamento; continuada nas Pratarías, co Novo Testamento e completada agora coa Gloria e o Xuízo Final. O desenvolvemento do pórtico permite unha lectura horizontal, en sentido de esquerda a dereita, en que se explica a historia da humanidade desde Adán e Eva, e outra lectura en vertical, co inferno abaixo, o mundo terreal en medio (profetas, evanxelistas, vicios e virtudes) e o mundo celestial no alto (a gloria).

Os monstros infernais ocupan os baseamentos, sobre eles estatuas-columna de profetas e apóstolos, entre os que sobrancea Daniel, co seu sorriso tantas veces gabado. Aínda que non todos os personaxes son de igual calidade, o que sinala a inevitábel presenza de axudantes, hai obras que manifestan o talento excepcional de Mateo, como os evanxelistas de trazos delicados e idealizados, ou as figuras de Daniel, Moisés e Pedro, de intensa personalidade individual. A escultura do pórtico realízase con figuras en altorrelevo, como procurando a liberación da arquitectura, pasando dunha concepción de figuras xustapostas, características do pleno románico, a outras que abandonan o seu illamento, buscando unha relación, un diálogo. No tímpano Cristo na Gloria aparece enmarcado polos vinte e catro anciáns do Apocalipse, a tocaren instrumentos musicais auténticos da época.

Serafín Moralejo propuxo unha interpretación do conxunto sinalando que as estatuas-columna están inspiradas nun ritual que se representaba o día de Nadal, o Ordo Prophetarum, a procesión dos profetas ou a lectura do sermón dos profetas, que se podía interpretar como drama litúrxico ou como sermón cantado e recitado a distintas voces.

Este teatro condicionaría a visión do pórtico, nel Moises, Isaías, Daniel e Xeremías anuncian a súa profecía do nacemento do Salvador. Aparecen tamén san Xoán Bautista, Virxilio, Nabucodonosor, a Sibila Eritrea, que anuncia o xuízo final ou a Raíña de Saba, identificada coa Sibila Tiburtina, personaxe que canta logo da derrota do Anticristo.

Policromías

  • O Pórtico estaba totalmente policromado, pintura orixinal da que se conserva parcialmente bastantes vestigios -logo da recente restauración- como se pode apreciar no anxo que porta a columna ou os que portan a cruz e que conservan por completo a primeira policromía (azul lapislázuli). Esta situación mantívose basicamente até comezos do século XVI cando o cabido da catedral decidiu, en 1519, facer unhas portas no Obradoiro -antes a catedral estaba sempre aberta- o que supuxo desmontar esculturas e relevos que o Mestre Mateo e o seu obradoiro colocaran no pórtico, entre eles algunhas estatuas-columna. Este sería, ademais, o momento da segunda policromía detectada no portal. A singularidade máis destacábel desta segunda intervención é a decoración de mantos e túnicas con brocados aplicados, técnica de orixe flamenga que consiste en imitar en relevo os ricos tecidos bordados con ouro da época. A terceira policromía, a que se encontra máis visíbel na actualidade, realízase no século XVII. A paleta cromática utilizada é moi semellante á renacentista. Sobrancea unha maior presenza da lámina de ouro, achegando un carácter barroquizante ao pórtico. A nova imaxe do pórtico, froito dun exemplar traballo de estudo e restauracion, devólvenos, xa que logo, o escintilar da visión orixinal dunha obra chave da cultura universal.

Compartir el artículo

stats