Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Museo Xeolóxico de Quiroga

Historias da Terra

Sala de minerais.

Abriu en decembro de 2011, único en Galicia no seu xénero. O Museo Xeolóxico de Quiroga (Lugo) ofrece un auténtico percorrido polo planeta Terra, desde a formación do territorio á evolución da vida -entre outros aspectos- a través de cinco salas temáticas con fósiles auténticos e réplicas como a do oso das cavernas, unha das pezas que máis chama a atención e do que hai constancia da súa convivencia co oso pardo: unha viaxe pola transformación do planeta de forma amena e didáctica.

Todo comezou coa declaración de Monumento Natural do pregamento xeolóxico de Campodola- Leixazós, un espazo singular con interese científico que se conserva practicamente intacto desde o Carbonífero inferior. Neste prego, grazas á erosión e mais ao encaixamento do río Ferreiriño, apréciase con total nitidez este proceso da cortiza terrestre, deixando ao descuberto a súa estrutura interna nun gran corte transversal. En conxunto forma un espectáculo natural con poucos puntos de comparación no continente europeo.

A partir de aí naceu o proxecto museístico no concello onde se atopa a pegada de unión das dúas masas continentais que deron lugar ao nacemento do territorio de Galicia hai millóns de anos, o sinclinal da Serra do Courel, entre as aldeas de Campodola e Leixazós. Nun espazo duns 120m2 repártense cinco salas que achegan ao visitante á xeoloxía, paleontoloxía e minería da comarca e, por extensión, de toda a xeografía galaica.

A sala 1 está dedicada precisamente á formación do territorio de noso, cunha análise pormenorizada do sinclinal do Courel, un dos principais acontecementos xeolóxicos que definen a xeografía galega tal e como a coñecemos. O contido desta área complétase cunha colección de trinta e dous minerais e dezasete rochas procedentes da comarca de Quiroga e da súa contorna próxima. Unha lupa permite ver os minerais con máis detalle na pantalla dun computador.

Penetrar na segunda estancia é profundar na historia paleontolóxica de Galicia, xa que a comarca quiroguesa constitúe un enclave excepcional para o estudo e a observación das distintas formas de vida desde finais do Precámbrico deica a actualidade, durante un intervalo de tempo que abarca máis de 650 millóns de anos. As especies presentes nas distintas épocas do pasado son as protagonistas. Aquí é onde destaca unha reprodución do esqueleto dun oso das cavernas. Nesta zona luguesa atópanse formas de vida fosilizada de todos os períodos do Paleozoico definidos ata agora en Galicia: Cámbrico, Ordovícico, Silúrico, Devónico e Carbonífero.

Baixo o epígrafe "A idade dos xeos. O pleistoceno" maniféstase a acción dos glaciares. Neste apartado pode verse a pegada dun proceso xeolóxico que comezou hai 2,58 millóns de anos e que foi rematar hai uns dez mil. A través dunha maqueta, paneis e fotografías compréndese a intervención do xeo na paisaxe.

Outro dos espazos temáticos está dedicado ás iniciais ocupacións humanas, o uso da pedra polos primeiros poboadores e a súa produción material no Paleolítico. A quinta sala, por último, mostra como se realizaba a explotación mineira do ferro, lousa, calcaria, antimonita e, sobre todo, do ouro. A serra do Courel foi punto de importantes achados, como o cranio dunha muller prehistórica cuxos restos apareceron na Cova do Uro ou de Chan de Lindeiro, no límite dos municipios de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Chamóuselle Elba, e ao longo dos anos foron aparecendo ósos doutras partes do corpo. As datacións determinaron unha antigüidade de 9.300 anos. Xunto aos restos humanos, apareceron ósos de uro, unha especie extinta de touro salvaxe.

Desde a súa apertura, o centro foi recibindo cada ano un maior número de visitantes. Forma parte tamén do chamado Proxectoterra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Un xeoparque para tres concellos

  • Os concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil teñen en marcha o que será o primeiro parque xeolóxico de Galicia, un territorio único que explica como se formou e evolucionou esta xeografía do noroeste. A superficie conxunta ocupa 577,85 quilómetros cadrados nos que se manifesta a relación da xeoloxía coa fauna, a flora e o desenvolvemento humano. Os lugares de interese son numerosos, como mostra o propio museo, aínda que hai moito máis que ver "in situ". A lagoa de Lucenza e as morrenas do val da Seara figuran entre as principais pegadas que deixaron os antigos glaciares no territorio. A cova kárstica da Buraca das Choias é outro dos atractivos, situada preto da aldea de Visuña, pertencente ao municipio de Folgoso do Courel, e na que aflora un arroio cun caudal duns 25 litros por segundo. Hai outras xoias como a Devesa da Rogueira, unha fraga antiga con tres quilómetros cadrados de bosque primario e unha gran diversidade arbórea. Sempre que o tempo acompañe, calquera momento é bo para coñecer este bosque. Nesta zona xeolóxica hai igualmente pegadas de vella minería como o túnel de Montefurado, Pena Furada e a mina da Toca. A iso súmanse os miradoiros que permiten observar a inmensidade destas paraxes como o que está situado fronte ao pregamento de Campodola ou o da mina da Toca.

Compartir el artículo

stats