Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Maximino Queizán: "Aplaudir unha peza que non o merece, non é bo para o teatro"

Maximino Fernández Queizán.

- Comeza Vde. estas Lembranzas confesando que, de rapaz, nas súas primeiras funcións teatrais escolares, o público aplaudía ben porque estaba "comprado", por "cariño" ou mesmo por "hipocrisía". Non lle parece unha maneira moi dura de dar inicio ao volume?

-Non, en absoluto. Paréceme, simplemente, un xeito sincero de comezar. Eu son dos que penso que soamente a partir do recoñecemento da verdade, poderemos mellorar. De feito, esa foi unha das primeiras reflexións que fixen respecto do comportamento do público.

- A día de hoxe, e incluso en espectáculos interpretados por compañías profesionais, tamén hai aplausos "hipócritas" e incluso aplausos "ignorantes"?

-Hai de todo, naturalmente. O importante é distinguir, e iso require formación e sensibilidade. Peor é o caso da obra artística de valor non recoñecida.

- De onde lle vén a autoesixencia cada vez que lidera ou forma parte dun proxecto teatral?

-Do desexo de dar o mellor. Do meu afán de perfección. Da procura da calidade...E do amor.

- Valle-Inclán é un dos seus autores de cabeceira. Que o teatro de Valle sexa difícil de levar a escena é un tópico ou, certamente, ten unhas complicacións engadidas con respecto aos textos teatrais doutros autores?

-Valle-Inclán era un xenio, coma Shakespeare ou Calderón, e, polo tanto, difícil. É necesario moito talento e coñecementos para poder analizalo e interpretalo co nivel que se merece, sen traicionar os seus plantexamentos e intencións. E hai que facelo cunha proposta estética adecuada. Non é doado, non.

- Semella (e esta é unha impresión personal) que, fronte aos plantexamentos e posicionamentos críticos diante do poder, que dende hai anos manteñen a meirande parte das compañías galegas, Vde., sen deixar por iso de dicir sempre aquilo que lle peta e considera necesario, se mantivo sempre "ao seu aire", sen mesturarse co resto. Acerto con esta observación? Vén ser ese o seu xeito de sentirse libre, de exercer a independencia artística e persoal?

-Obviamente, un artista só pode traballar "ao seu aire" , como di vostede. A creación é un acto único ou non é arte. Por outra banda, eu sempre estiven aberto a colaborar, e así o fixen, con moitos artistas interesantes. O teatro é un traballo colectivo no que interveñen varios artistas, aportando os seus labores para lograr un todo que ten a necesidade da coherencia. Moitas artes participan nunha posta en escena e, polo tanto, é unha actividade moi complexa. Non hai máis que ler o libro para comprendelo.

- Como home algunha vez relacionado co Centro Dramático Galego: O CDG é fiel hoxe en día á función e razóns pola que foi creado?

-Eu dirixin no CDG, en 1991, a obra de Pirandello Así é (se vos parece). A nosa situación actual non é a de 1984, data da creación do Centro. A sociedade cambiou moito nestes trinta e catro anos e o teatro ten que ir cos cambios sociais. Polo tanto, o Centro Dramático Galego necesita unha renovación constante. Debe ter uns plantexamentos cara á sociedade na que se desenvolve. Cales deben ser na actualidade? Tamén hai que pensar que o funcionamento da administración e o da produción teatral son case incompatibles. Ese é un problema grave.

- É posible hoxe en día, en Galicia, facer un teatro de calidade, que se autofinancie, e que non teña necesidade de subvencións públicas?

-Posible si, pero difícil. Eu fíxeno varias veces, pois non disfrutei desa clase de axudas. Hoxendía o teatro de bo nivel artístico no mundo occidental precisa de apoios económicos. Todos os países europeos fomentan e protexen o seu teatro. O tema é: de que maneira cómpre levalo a cabo?; con cales criterios de valoración? Eu non son partidario das subvencións, creo que resulta moito mellor facer convenios de coprodución e analizar logo os resultados obtidos.

- Volvería Vde. aceptar a dirección dunha Escola Municipal de Teatro en Vigo, de darse o caso. Se llo chegasen a ofrecer, poñería outra volta en marcha aquel proxecto que tiña previsto para a EMT viguesa?

-Non, non. Ademais, a situación é outra. Polo tanto, o proxecto de 1999 debe ser reformado, mantendo as propostas válidas para actualidade xunto a outras novas.

- A ver se me pode ser sincero: non cre que, baixo o paraugas de "profesionais", se está a escudar agora mesmo unha alta porcentaxe de grupos de teatro en Galicia que, de profesionais, apenas teñen nada?

-Sempre son sincero, aínda que poida estar equivocado. No teatro, igual que nas outras artes, hai varios niveis. Sempre haberá calidades diferentes. A excelencia é moi difícil. Mais, penso que colocar unha obra nun lugar que non lle corresponde, crea confusionismo. Mesmo aplaudir un traballo que non o merece, non é bo para o teatro. E así non avanzamos. Pero hai traballadores do teatro en Galicia con moito talento, e que eu admiro.

- Despois de cincuenta anos no eido do teatro, preguntouse algunha vez que tería sido de Vde. de non se dedicar ás artes escénicas?

-Claro que mo preguntei. Tamén fun profesor. O ensino foi outra das miñas tarefas. Non sirvo para moito, asi que tería que traballar nalgunha actividade para a que estivese capacitado. Eu que sei!

- A estas alturas, que é o que máis lle gusta do teatro: actuar, dirixir, escribir...?

-Gústanme todas as facetas do teatro: interpretar, dirixir, escribir, deseñar, ensinar? Mais, a pregunta é:para cal labor teño suficiente talento? Onde podo facer un bo traballo? Esa é a reflexión. Neste momento ofrezo este libro no que non se fala de sexo, nin de política, nin de diñeiro...

Compartir el artículo

stats