Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vestir a Hércules

Fútbol e moda en Florencia

David Beckham

Son moitos os deseñadores que se inspiran no fútbol para faceren as súas coleccións e non son poucos os xogadores que aparecen retratados nos medios de comunicación como auténticos fanáticos da moda. Estes e outros extremos recóllense nunha exposición que se está a celebrar agora en Florencia.

Fanatic Feelings Fashion Plays Footbal celébrase coincidindo co salón Pitti Uomo, que é unha grande feira dedicada á moda na que miles de empresas de todo o mundo veñen amosando as súas coleccións dende hai 94 edicións e onde se celebran desfiles, roldas de prensa e conferencias arredor da moda e os seus ámbitos. Trátase dunha gran cita comercial que ten aumentado a súa influencia, abranguendo o eido cultural dun xeito manifesto. Daquela, atopamos en Florencia, cada tempada. destacadas novidades artísticas, musicais, literarias e de pensamento.

Este ano a mostra coincide, ademais, co Mundial de Fútbol en Rusia, así que a teima da moda e o sport está, se cabe, máis en primeira liña. A construción do imaxinario masculino atopa un espazo principal no deporte arredor do cal gravitan moitos dos caracteres que de xeito tópico procuran os varóns para a definición do seu aspecto e personalidade. Vigor, fortaleza, afán competitivo, fortuna... son algunhas das caras do heroe que triúnfa no fútbol, dando no devezo das hordas de afeccionados e seguidores dese espectáculo e dos seus protagonistas. Os novos Hércules coas súas doce probas: velai os futbolistas.

Os comisarios Markus Ebner, fundador en Alemaña das revistas Achtung Mode e Sepp Football Fashion, e mais o crítico de arte contemporánea Francesco Bonami, frecuente colaborador nas salas de exposición de Fortezza da Basso e recoñecido director de Flash Art Magazine,, teñen convocado a un heteroxéneo elenco de artistas, cineastas e deseñadores para argumentar a súa tese sobre a definición da moda masculina da man do deporte.

Os debuxos e fotografías de Karl Lagerfeld, director artístico de Chanel. creador interdisciplinar e artista todoterreo, presentan unha visión romántica e heterodoxa dos ídolos do deporte. Xunto eles, eis o desmitificador filme de Philippe Parreno e Douglas Gordon, A 21st Century Portrait, que recolle un partido de Zinédine Zidane filmando soamente, e totalmente, o xogo do deportista e recollendo moitos momentos de desánimo, fatiga e espera, dá unha visión fráxil dun heroe no campo de batalla.

Hai proxectos específicos feitos para a mostra que percorre a vida dalgúns dos meirandes xogadores europeos como George Best, Eric Cantona ou o campión do Torino, Gigi Meroni. Noutra sección faise un desenvolvemento da moda Street Wear, da man de moitos dos seus máis senlleiros representantes que, non se esqueza, son profesionais do fútbol. David Beckham, Neymar, Franck Ribéry resultan devir algúns dos deportistas convertidos en modelos.

A moda de home está a pasar por un momento onde se mestura a vixencia dunha nova xastrería xunto co auxe da roupa deportiva, da roupa informal e da roupa levada de xeito espontáneo ou de estilo na rúa. A exposición afondará sobre novas posibilidades para o armario dos homes como, por exemplo, a de levar a camiseta do noso equipo favorito debaixo dun abrigo ou dunha chaqueta de xeito informal.

Trátase, pois, dun proxecto expositivo que afunde a moda coa súa elegancia e beleza á canda da socioloxía da fama e da popularidade inherentes no fútbol, salientando a un tipo de home do século XXI ancorado na individualidade e o individualismo: un heroe postmoderno protagonista dun novo relato na sociedade que subliña o presente inmediato, o suceso do partido hoxe e agora, fronte a calquera pasado ou futuro. En fin, un relato onde non conta nin o país de orixe, nin a cor ou relixión do persoeiro senón que prima o seu éxito hedonista, no cal o idioma, xogo e mais a canle son os medios de comunicación. Estas e outras son características que corresponden de seu tanto a moda como ao deporte; os estadios son as novas catedrais, a moda é a súa aliada.

O estilo sport

  • Un dos deseñadores que máis emprega o universo do fútbol para recrear o seu propio é o belga Dirk Bikkembergs, quen vén deseñando zapatillas deportivas con forte carácter, inspiradas nas botas de cravos de xogo en herba, dende hai máis de vinte anos. Ademais, centra as súas coleccións na vestimenta deportiva ou de inspiración sport e mesmo ten convocado a atletas para seren a imaxe das súas campañas de publicidade. O xogador do Atletic de Bilbao, Aitor Ocio, foi retratado para a campaña de publicidade da firma, o mesmo que os membros do F.C. Fossombrone, o equipo da vila onde está localizada a empresa. Máis quizais a máis singular das colaboracións da firma co eido do fútbol aconteceu en 2009 cando crearon un apartamento para o defensa do Brera F.C., Andrea Vasa. A acción consistiu en converter un establecemento comercial nun escaparate ou sala de museo onde expuñan as creacións do deseñador convivindo co futbolista no cotián. O público podía visitar as habitacións e mesmo camiñar entre os obxectos de do xogador cando non atopar o mesmísimo futbolista saíndo da ducha! Semellantes á experiencia de Bikkembergs están a mostra de Raf Simons na Biennale de Florencia (1998), titulada 2001 minus 3, na que un grupo de adolescentes vivía nun apartamento instalado na Stazione Leopolda; a Smarter, Faster, Tougher, celebrada no Toronto Design Museum no ano 2015, e, coincidindo cos Xogos Olímpicos do 2012, o Design Museum de Londres presentou Design to Win e o Fashion Museum de Bath expuso Sport & Fashion.

Compartir el artículo

stats