Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura templaria

Polos roteiros da lendahistoria

A fascinación dos templarios: 900 anos entre o ensoño e mais os aconteceres da historia.

Poucos asuntos teñen suscitado tanta atención nas últimas décadas como o da historia e lenda da Orde do Temple, orixe dos moi célebres cabaleiros templarios, que este ano cumpre 900 anos. O fascinio que esta orde relixioso-militar ten espertado alcanzou a centos de escritores e millóns de lectores, mais tamén a directores de cinema, pintores, músicos e un auténtico exército de investigadores e divulgadores históricos.

Os templarios conseguiron en moi pouco tempo (apenas un par de séculos) erixirse nun grupo de poder decisivo na Europa medieval, non só grazas á súa forza militar, senón, sobre todo, mercé á súa intelixente política financeira, que os converteu na grande banca da época. Ese enorme poder fíxoos moi perigosos para a coroa de Filipe IV, que esixiu a súa disolución ao Papa Clemente V.

O que logo aconteceu forma parte xa da lendahistoria: persecucións e aforcamentos de moitos dos seus membros, acusacións por prácticas heréticas, sacrilexio á Cruz, sodomía, adoración de ídolos pagáns, cuspir sobre a Cruz, renegar de Cristo e adorar a Baphomet, en fin, o adoito cando a Igrexa medieval quería quitar alguén de circulación.

Mais a lenda, axigantada pola súa cruel e brutal extinción, traspasou os séculos e pronto comezaron a verse como unha orde aureolada por un destino superior, que emparentaba a súa misión terreal co custodio e salvagarda da herdanza da divindade, fose esta o famoso graal que contiña o sangue de Cristo vertido na Cruz, o sudario co que foi enterrado ou mesmo a súa suposta descendencia con María Magdalena.

O resultado é, en todos os casos, o mesmo: a sedución absoluta polo misterio que se agocha tras estes singulares cabaleiros relixiosos de hai novecentos anos, que practicaban un código de conduta peculiar e son os protagonistas dun tempo convulso, perdido entre as néboas do Oriente Próximo das Cruzadas e a Terra Santa.

Sería inútil pretender anotar aquí, sequera pola breve, unha escolma ampla dos inacabables títulos dos que os cabaleiros da Orde do Temple -tamén chamada Orde dos Pobres Compañeiros de Cristo e Orde do Templo de Salomón- acabaron por se protagonistas. Daquela, conformareime con sinalar aquelas novelas que me parecen máis destacables.

No contexto ibérico non pode esquecerse a referencia fundacional a O señor de Bembibre (1844) de Enrique Gil y Carrasco, novela histórica que recrea as vivencias templarias para reflexionar sobre as problemáticas sociais do seu presente.

Do mesmo xeito, na tradición europea temos outros casos de relevo, como o da escrita de Alexandre Dumas, a quen se lle apón Os cabaleiros templarios, e, antes del, do seu compatriota François Just Marie Raynouard, autor da traxedia Os templarios (1805).

Agora ben, deixando a un lado os antecedentes clásicos, non cabe dúbida de que é o noso tempo aquel no que con maior asiduidade viron luz narracións millenta de selo templario ou con este como fondo -pénsese nos afamados O péndulo de Foucault (1988) de Umberto Eco ou O código Da Vinci (2003) de Dan Brown-. Entre os múltiples títulos que poderían aducirse para exemplificalo, velaí a está a heptaloxía Os reis malditos (1955-1977), de Maurice Druon; a pentaloxía Os fillos do Graal (1991-2005), de Peter Berling; a "Triloxía das Cruzadas" (logo aumentada a tetraloxía) protagonizada polo cabaleiro templario Arn Magnusson, asinada polo sueco Jan Guillou entre 1998 e 2001; O último templario (2006), de Edward Burman; O derradeiro templario (2005) e a súa secuela A salvación templaria (2010), de Raymond Kohoury; ou a dobre entrega O templario (2007) e O mago templario (2009) de Paul Doherty.

Polas nosas latitudes, foron auténticos bestsellers o I acobus (2000) de Matilde Asensi ou a serie templaria asinada por Nicholas Wilcox, pseudónimo do escritor Juan Eslava Galán, quen entre 1996 e 2004 deu a coñecer A lápida templaria, Os falsos peregrinos, As trompetas de Xericó, O sangue de Deus e Os templarios e a mesa de Salomón.

Non quero rematar sen significar unha novela de especial interese para o lectorado galego: A elipse templaria (2002) de Abel Caballero, unha intriga ambientada na Galicia de comezos do XIV, cunha Europa que esfarela e na que os templarios son o baluarte para a salvación fronte á Apocalipse, pois gardan o segredo da reunificación da Cristiandade: Compostela debe pasar a ser a Cidade Eterna en substitución de Roma.

Templarios de noso

  • Tamén nas letras galegas o engado templario ten deixado pegada. Abondará con citar un único exemplo: o longo relato "O tesouro" co que remata Á lus do candil (1953) de Ánxel Fole, narración protagonizada por Henri de Folch, cabaleiro templario que chegou á Torre de Lonxío fuxindo da persecución que a Orde sufrira por mor do acordo entre o rei de Francia e o Papa. Os amores deste guerreiro con dona Violante son o eixo dun apaixonante relato con vellos manuscritos, lendas seculares e crimes pasionais por toda parte.

Compartir el artículo

stats