Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha narración amable

Na tradición dos "capitáns" de Moureira

Unha narración amable

Unha vez máis debuta na colección de Narrativa de Edicións Laiovento un autor serodio, o arquitecto e historiador Rafael Fontoira Surís; un escritor con non poucas achegas en estudos e pescudas históricas, relacionadas sobre todo con Pontevedra e co barrio de Moureira. Xan do Arrabaldo é a súa primeira obra de ficción, unha mestura de novela de aventuras e de aprendizaxe. A novela sitúanos ao comezo do último cuarto do século XV, tempos convulsos para o vello burgo de Pontevedra, a principal urbe de Galicia, cimentado o seu esplendor sobre os piares dos recursos pesqueiros e o comercio de longa distancia; mercadores e mareantes que, porén, vían alterada a súa vitalidade polas liortas que xurdiran debido á proclamación de dona Xoana, "A Beltranexa" como raíña de Castela, Galicia e Portugal.

Nesa Pontevedra aínda medieval sitúa o autor o protagonista da historia: Xanciño Neto, fillo dun atalieyro dun dos seis cercos reais para a pesca da sardiña, que soñaba por ser capitán dunha carabela, seguindo a tradición dos capitán da súa familia. Fará a súa aprendizaxe da carreira do mar (paxe, grumete, piloto e por fin capitán) nunha vella carraca ao mando dun seu tío, en viaxes a Londres, Bruxas, Anveres, a Bretaña con carga de viño do Ribeiro, salgadura e ferramentas de ferro. E a Lisboa e Sevilla coa mesma carga, saín da sardiña e sal e olas na viaxe de volta.Desde o Arrabaldo da Moureira, homenaxeado nesta novela, o mozo de dezasete anos aprende todos os saberes da vida do mar, mesmo os seus tópicos, xa que como bo mariñeiro bota unha moza en cada porto.

O autor acomoda o relato da historia ás características da novela de aventuras na que, polo xeral, hai unha viaxe. Unha viaxe externa ateigada de lances perigosos, navegacións entre brétemas e tempestades, con historias de pautos co demo e barcos pantasmas. Ambientes descoñecidos, encontro con amigos, amores incipientes que cómpre completar sen pausas. Novela de aventuras con lindes ambiguos xa que alberga no seu interior outros subxéneros: o da novela histórica e o da novela costumista, xa que a narración nos amosa as loitas entre as tropas portuguesas ao mando de Pedro Madruga e as dos Reis Católicos comandadas polo arcebispo Fonseca e por Juan Arias del Río, corrixidor maior de Galicia. E tamén a vida cotiá de Pontevedra, nomeadamente a industria da sardiña. Á par da viaxe exterior, a viaxe interior do protagonista que o fará medrar, aprender e acadar as súas metas.

Xan do Arrabaldo é unha novela amable, exenta de complicacións para o lector. Narrativa lineal na que un narrador omnisciente relata os acontecementos en orde cronolóxica, desde un punto de vista dirixido ao enaltecemento do protagonista que, en dúas viaxes e con apenas vinte anos, acada o título de capitán. Un non disimulado "boismo" -agás un curto período de cárcere, todo sucede de forma compracente para Xanciño Neto- é a principal tinguidura do relato dos feitos que lle dan contido e forma á historia. Salientable a boa documentación na que se alicerza a narración, así como o amplo dominio do vocabulario mariñeiro, especialmente o da pesca das sardiñas e o das mercadorías coas que se comerciaba na Boa Vila. Erros reiterados na colocación dos pronómes átonos así como certos cheísmos e teísmos deslustran o "humilde galego" desta peza narrativa, mais sen botala a perder.

FONTOIRA SURÍS, R., Xan do Arrabaldo, Laiovento, Santiago de Compostela, 2018, 16 ?

Compartir el artículo

stats