Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rivas na gran pantalla

Con rigor e sobriedade

Rivas na gran pantalla

Hai catro anos que a Fundación Wenceslao Fernández Flórez dei inicio a unha colección de "Cadernos de cine e cultura española do século XX" coa idea de publicar traballos de investigación no eido do xornalismo, o cine e mais a literatura. A súa última publicación trátase, como ben explica o título, dun primoroso estudo da autoría do profesor Salvador Castro Otero sobre os achegamentos da obra literaria de Manuel Rivas á gran pantalla.

Que irá topar o lector entre as páxinas deste libro? En primeiro lugar, rigor. Trátase dunha obra cimentada sobre os alicerces dunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo, e, polo tanto, a sobriedade académica está garantida. En segundo lugar, e como consecuencia do punto anterior, asistimos a unha exposición documentada e a unhas conclusións acertadamente razonadas que desvelan aspectos do estilo e da semántica da obra de Manuel Rivas e que, abofé, han de marcar o camiño de futuros investigadores que decidan achegarse á literatura do autor de Que me queres, amor? Con todo, e chegamos ao terceiro punto, a escritura fluída, acicalada e, incluso, pedagóxica supón un suxestivo aderezo para un texto que abre unha serie de reflexións narratolóxicas intensas, pero sen menoscabo dunha lectura amena e facilmente intelixible en todo momento.

Arredor de todo estudo de narrativa comparada -cine e literatura- gravita un diálogo entre o argumento, "que se conta", e o discurso, "como se conta". Un diálogo que non só afecta á propia obra -"que nos conta Manuel Rivas e como nolo conta?"-, senón, e principalmente, que atinxe ao procedemento de adaptación, aínda que cos factores cambiados: "como conta tal cineasta as historias de Manuel Rivas e como afecta ese modo de contala ao seu contido?". Baixo esta sorte de conversa, relatada con precisión e harmonía, discorre o discurso de Salvador Otero -as palabras "luz" e "reescrituras" do título, ademais de condensar este diálogo, supoñen un acerto meritorio-, capaz de profundar no microanálisis fílmico de secuencias e de imaxes concretas para, posteriormente, acadar unha conclusión xeral que permite definir con precisión a pegada do escritor de Monte Alto.

CASTRO OTERO, S., O lapis da luz: reescrituras de Manuel Rivas no cine, Ed. Via Láctea, A Coruña, 2018, PVP. 17, 87 ?

Compartir el artículo

stats