Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Nós estivemos alí"

Rostros de poder e propaganda da Guerra Civil

Imaxe tirada durante a visita de Franco a Sobrado dos Monxes (decembro de 1938).

Hai poucos días o xornal dixital Praza Pública informaba da recente dixitalización e publicación en internet por parte da Biblioteca Nacional de España de ao redor de 11.000 fotografías dos anos posteriores ao golpe militar de 1936, varios centos tiradas en Galicia.

Tamén nos informa de que en 1988 a xefa do servizo de Debuxos e Gravados da Biblioteca Nacional de España, Isabel Ortega, e mais o especialista en arquivos fotográficos Gerardo Kurtz comezaron un traballo inxente. Documentar e organizar os milleiros de fotografías que arquiva esta institución. Ao redor de 44.000 destas imaxes están vinculadas ao golpe de Estado de 1936 e á posterior Guerra Civil. Estas imaxes ficarían custodiadas desde mediados dos anos 60 na chamada "Sección de Estudios sobre la guerra de España", un departamento creado por orde de Manuel Fraga con finalidades propagandísticas. Concretamente, para tentar contrarrestar a difusión do libro The Spanish Republic and the Civil War, do historiador Gabriel Jackson.

Entre o interesantísimo material hai algunas fotografías especialmente iluminadoras, auténticas radiografías da realidade que o fascismo impuxo no noso país nos primeiros meses despois do golpe militar do xeneral Francisco Franco. Comentaremos tres delas realizadas durante a visita de Franco e Serrano Suñer á catedral de Santiago e ao mosteiro de Sobrado dos Monxes o 5 de decembro de 1938. As dúas primeiras presentan a veciños de Sobrado saudando a comitiva oficial; detrás do positivado da fotografía a información é clara "La Coruña 5-12-38 Visita de S. E. el Generalísimo al Monasterio de Sobrado de los Monjes. Vecinos saludando". A terceira tirada o mesmo día na Praza das Pratarías de Compostela por onde entraran e saían Franco e Serrano Suñer do acto nacional-católico de visita ao apóstolo Santiago, leva unha información algo diferente. "Santiago 5-12-38 Muchachas aclamando entusiasmadas al Caudillo". Leva tamén o carimbo do "Ministerio del Interior. Sección técnica". En poucas horas pasamos dun seco "vecinos saludando" a un festivo "muchachas aclamando entusiasmadas al Caudillo".

Se vemos estas fotografías -e outras accesíveis na web da BNE- unidas conforman un auténtico relato, que reflicte as fondas ligazóns que unen o documento e a propaganda mais tamén radiografan a represión, o terror imposto polos sublevados.

Nunha primeira fotografía de Sobrado dos Monxes vemos aldeáns: mulleres, nenos e homes de certa idade, non hai moitos mozos porque a maioría están no exercito na guerra. Todos realizan o saúdo fascista amosando escasa convicción, a inclinación do brazo indica a pouca familiaridade co saúdo con excepción dos cativos que xa levaban máis dun ano de probábel adoutrinamento escolar. Os rostros serios, nada entusiastas, que a documentación fascista capta no frío "vecinos saludando", son unánimes, incluídos os meniños. O punto de efecto, o punctum do que falaba Roland Barthes no famoso ensaio A cámara clara, sería o brazo en alto e a face seria do meniño máis pequeno que se pode ler como a interpolación do fascismo na comunidade humana sometida.

Na segunda fotografía de Sobrado dos Monxes ollamos sobre todo nenos, realizando o saúdo fascista con maior soltura que os adultos da fotografía anterior e mesmo ensaiando algún cántico. Van vestidos coa mellor roupa posíbel nun contexto labrego modesto, todo amosa un traballo, probelmente na escola, de preparación do acto. Ao fondo, a fotografía mostra as bandeiras dos sublevados mais nesta ocasión o punctum barthiano é o brazo do único adulto presente entre os nenos, un home de rostro triste e que realiza o saúdo como un preso nun campo de concentracion. O seu ollar lévanos directamente ao outro aspecto que "retratan" as fotografías de Sobrado que é o outro lado da cámara: Franco, Serrano Suñer, autoridades eclesiásticas, exército, escoltas, é dicir o efecto do poder que conxela a man e a face dos retratados.

Extraordinarios documentos

  • Como contraste podemos comentar unha das fotografías de Santiago de Compostela do mesmo día, a cámara capta un fato de mozas e mulleres novas perfectamente descritas no documento fotográfico. Efectivamente son "muchachas aclamando entusiasmadas al Caudillo" e a súa xestualidade e expresión non pode ofrecer maior contraste coas fotografías do mesmo día de Sobrado dos Monxes. A contemplación destes extraordinarios documentos reafirma que a imaxe non está só no pasado -e moito menos en contextos culturais conflitivos e complexos como o noso- é tamén un asunto do presente e o noso ollar establece con ela unha ligazón produtora de significados. O presente é o "momento de lectura" e "lugar" de produción de sentido, como a firma a teórica cultural Mieke Bal. A lectura no presente de documentos que protagonizaron os nosos avós e país, e que seguen a ter unha presenza na nosa vida social, implica que tamén é no "arestora" cando a obra acontece. Esta lectura impón un espectador presente a un traballo do pasado e fai que este traballo habite o momento presente, sendo a propia obra através da cita a que incorpora un sentido de apertura e concreción temporal. Os brazos e os rostros de 1938 seguen a lembrarnos que "nós estivemos alí".

Compartir el artículo

stats