Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Nicolás: "A ditadura arxentina ten na novela un peso preponderante"

Ramón Nieto, esta semana en Vigo. // FOTO: ELI REGUEIRA

-Esta novela toca unha temática que até o de agora non se viu apenas reflectida na literatura galega, aínda que si no xornalismo: o da represión da ditadura militar arxentina. Que o motivou a escribir sobre ela?

-Non é un asunto exclusivo en Lapis na noite pero si ten talvez un peso preponderante. A decisión desta escolla inspírase nunha idea que me formulei hai anos e que, con acontecementos que vivimos entre nós en tempos máis recentes como é a redución drástica dos dereitos e das liberdades individuais e colectivas, foi atopando acobillo na novela. O gromo nace dunha experiencia persoal que é o trato cotián, polo meu traballo como docente, con adolescentes e formúlase nunha pregunta sinxela como é o que ocorrería hoxe se parte dunha mocidade comprometida, crítica, combativa e rebelde, que acredita nun mundo máis xusto -existente contra o que se queira ver-, ficase atrapada nun contexto político e social tan cruel e desapiadado que non dubidase en aplicarlle as medidas represivas máis severas que se poidan concibir, e todo formando parte dos calculados primeiros pasos dunha estratexia perfectamente deseñada e destinada a dar exemplo e a infundir medo na sociedade. E teño a convicción de que a historia debe coñecerse para non repetila. Ese foi o punto de partida. Dun xeito casual souben que, en efecto, iso acontecera no ano 1976 nun dos capítulos máis tristes e dolorosos da historia da ditadura cívico-militar arxentina e que se deu en chamar "la noche de los lápices". En parte, só en parte, a novela recrea, sempre desde a ficción e co máximo respecto, vivencias e experiencias daquel grupo de mozas e mozas, mediante pasaxes que queren ser máis ou menos fieis ao que puido acontecer, a carón doutras que responden a unha intención diferente.

-En Lapis na noite e coma, chamémoslle "telón de fondo" , latexa a Guerra Civil española. Para contar esta historia, era necesario facer esta referencia dende o punto de vista histórico ou máis ben dende o punto de vista literario?

-Foi unha decisión que era precisa para dotar de verosimilitude histórica a proposta e que debía encaixar no desenvolvemento do que quería contar. O elo que se establece entre Galicia e a Arxentina vén da man dun personaxe que ten que optar polo exilio tras decatarse de que non hai outra solución para salvagardar, no franquismo, a súa integridade. En Buenos Aires atopa outra realidade que abraza e onde non é menor nin o feito de atopar a quen será a súa parella nin tampouco a presenza emigrante galega. Este personaxe vivirá, ademais desa experiencia do exilio, punxente e dolorosa, outro esgazamento, outro golpe vital e xenocida que é o que se vincula coa sorte da súa filla Iria. Malia isto, ou talvez por isto, na novela hai tamén unha procura da identidade dunha personaxe feminina que persegue descubrir o que lle foi oculto e ao que chega a través dun texto memorialístico e que lle axudará a coñecer e entender a sorte que correron algúns familiares directos seus, en parte tamén a súa propia historia que lle foi negada.

-Unha curiosidade: O lapis do título ten algo que ver co Lapis do carpinteiro de Manuel Rivas?

-Non, pero deixo constancia aquí da miña admiración pola obra de Rivas. No meu caso a escolla derívase, como che comentei antes, de que no "lapis" repousa o simbolismo dunha xeración constituída por estudantes que pretendían mellorar o mundo que lles tocou vivir con pequenos, pero importantes xestos. Nalgún sitio lin que eses lapis seguen a escribir, pasados tantos anos, as liñas do presente que agora vivimos por enfrontarse con valentía e dignidade ao que a fortuna, ou mellor dito a desgraza, lles deparou. Este "lapis" recolle esas ideas.

-Como se documentou para que a narración que conta fose coherente cos feitos históricos?

-Foi un proceso laborioso, como é natural nestes casos. Alén da consulta de fondos hemerográficos e documentos biobliográficos moi diversos non foi menor o visionado de numerosas películas sobre a ditadura, desde diversos puntos de vista. Lembro agora La historia oficial, de Luís Puenzo; a propia La noche de los lápices, de Héctor Olivera ou a magnífica Kamchatka, de Marcelo Piñeyro, con Ricardo Darín e Cecilia Roth como protagonistas. Ao tempo houbo moitos documentais que me impresionaron sobre as avoas da Praza de Maio, os xuízos ás Xuntas Militares e outro, como El robo, que relata a vida de Victoria Moyano, unha neta restituída que é un exemplo admirable de compromiso coa causa tanto dos netos e netas restituídas como das persoas desaparecidas, entre as que se atopan os seus propios pais.

-Coñece a alguén que sufrise, na súa familia, a represión da Guerra Civil ou da ditadura arxentina?

-Entre os meus, directamente, algún familiar nos días posteriores ao levantamento militar do ano 36. Da ditadura arxentina, non.

-O xornalista Juan Ramón Lucas afirmaba hai uns días nunha entrevista publicada en FARO que se "coñece mellor a condición humana coa literatura que coa historia". Está de acordo con esta opinión?

-Quixen pór unha cita no comezo da novela de Juan Gelman, polo propio Juan Gelman e polo que di arredor precisamente da memoria: "memoria é memoria se é presente". Entendo como unha verdadeira necesidade, para formar homes e mulleres libres pero igualmente para calquera persoa, o coñecemento do pasado, a restitución da memoria no caso en que esta fose borrada ou destruída. Se o abrazo coa memoria vén a través da literatura creo que tamén é importante.

-Vai xa pola súasegunda novela?Por que, ata O espello do mundo, non se animara a cultivar este xénero? Quizais pola súa propia autoexisencia como crítico literario?

-Non o sei. Certamente a realidade é que durante moitos anos estiven centrado noutro tipo de traballos vinculados coa crítica ou co ensaio e a investigación, pero eu sempre defendín que neses xéneros tamén latexa un espírito interpretativo e, ao tempo, creativo. A novela, xénero ao que me achego como aprendiz, require para min outras dinámicas e outros ritmos, tamén unha necesidade de dicir cousas doutra maneira, un tempo que talvez xa chegou.

Compartir el artículo

stats