Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cámara escura

Do sortilexio e da dor

Cámara escura

Baldo Ramos (Celanova, 1971) escribe en Cartas dende o esquenzo un libro absolutamente persoal e, por iso mesmo, que nos incumbe a todos. A obra constitúe un percurso que conduce ao esquecemento, á disolución, á inexistencia. Falamos do alzheimer, o deterioramento (para chegar, logo, ao desaparecemento) das recordacións. Se lembrar é existir, habitar ese vacío supón ir apagando as pegadas do que fomos como quen apaga a luz dunha habitación. Seguindo esta metáfora, podemos afirmar que, desde o inicio da súa lectura, penetramos nunha cámara escura. Lembremos que ese habitáculo deu nome ao instrumento óptico que permite obter unha proxección plana dunha imaxe externa sobre a zona interior da súa superficie. Un claro antecedente da fotografía, isto é, da capacidade de roubar a luz, de a capturar, de a moldear. Asombroso milagre que conseguiron realizar os pintores flamengos, especialmente o xenial Vermeer.

Deste xeito, o noso autor vai dispondo sobre a páxina dous textos que coexisten, contrastan ou se complementan: o poema propriamente dito e outro situado na súa base como unha glosa en prosa que, na realidade, mantén a súa intensidade poética (e mesmo nalgún caso a supera), de tal maneira que entre os dous se establece un vínculo frutífero, onde un deles cumpre a función de palimpsesto baixo (ou sobre) o outro. E o que contan estes versos é unha viaxe polo esquecer: "entre os camiños que me ofrece a memoria/escollo o de avanzar contra a corrente/ao percorrelo/nada doe máis que o tacto xeneroso". Ir perdendo as lembranzas vai minando o vivir: "saberías confiar no esquenzo?/é máis lenta a luz/que se disolve/na pregunta que carece de resposta?/saberías odiarme para non sufrir?"

Estas e outras lancinantes inquisicións perpasan o volume, interrogan sobre esa paulatina cegueira que ensombrece o cerebro e que desemboca na desmemoria: "e nunca soubo descifrar/a costra do destempo/nas feridas mal curadas". O violento perfume das flores, a dozura dos beixos, os pedazos dunha vida, todo desaparece nun espazo sen superficie revestido da infinita brancura das sombras: "non en todas as persoas do verbo/se conxuga o drama de esquecer".

Cada folla que pasamos vai instalándose na néboa. Cada vez vai doendo máis e máis que o pai vaia perdendo o seu lembrar, que a súa testa se vaia inundando de manchas que perderon calquera significado: "a este lado da inocencia, reparten a eternidade á porta do colexio./Se dormes ao meu carón, as gaivotas do crepúsculo virán gorecerse nas miñas palabras. E non para soñarte". Lemos isto e só podemos estremecer. Sentimos no corazón a incisión seca dos signos da demencia. Non podemos ser inmunes ao sortilexio e á dor que emanan destas liñas.

RAMOS, Baldo, Cartas dende o esquenzo, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 11, 80 ?

Compartir el artículo

stats