Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobre as morfoloxías urbanas

Conquistando o dereito, construíndo a cidade

Vivir e convivir na cidade: un dereito para todos.

A sociedade actual é unha sociedade urbana, non hai dúbida, pero non só porque dende o ano 2008 o 50% da humanidade viva en cidades, senón porque dende que xurdiron as primeiras cidades hai case 6 mil anos (deixando á marxe grandes asentamentos como Xericó ou Çatalhöyük, que non poderiamos considerar cidades en sentido estrito), cando se construíron as cidades de Ur (3800 a.C), Uruk (3500 a.C), Mohenjo-daro (3300 a.C.), Harappa (3300 a.C.), Tinis (3100 a.C) ou Taosi (2300 a.C.), eses centros urbanos exerceron unha influencia decisiva nos territorios sobre os que exercían a súa influencia.

Dende ese momento, as cidades comezaron construírse como espazos políticos nos que se proxectaban as xerarquías de poder derivadas da loita de clases e que se manifestaban nas relacións establecidas entre o centro e a periferia, a cidade e o campo, os espazos ocupados polas elites e polas clases dominadas, polos homes e polas mulleres, polos propios e polos estraños?-, que foron configurando o propio espazo urbano e o territorio circundante, orixinando así os estados dinásticos do Bronce ao mesmo tempo que se consolidaba o desenvolvemento urbano. Así foi dende Ur até Nova York, pasando por Atenas, Roma, Beijing, Bagdad, Lagos ou Sao Paulo? e, por suposto, polas vilas e cidades galegas.

Na actualidade, o grao de desenvolvemento das forzas produtivas -isto é, todos os elementos que interveñen na produción, tanto humanos como tecnolóxicos ou naturais-, e a correlación de forzas entre as elites e as clases populares, propia deste momento do capitalismo, está a provocar un feito contraditorio: nunca antes tanto se avanzara na definición teórica do dereito á cidade, recollido en importantes documentos internacionais, como a Carta Mundial polo Dereito á Cidade ou a Carta-Axenda Mundial de Dereitos Humanos na Cidade; porén, nunca antes, dende un punto de vista mundial, tantas persoas habitan nas cidades en condicións infrahumanas: sen teito, na pobreza extrema, sen acceso a auga?, centos, milleiros de persoas viven nas cidades do mundo en barrios marxinais e absolutamente degradados. Que casualidade que no centro da cidade de Sao Paulo, preto do parque de bombeiros, ardese o edificio Wilton Paes de Almeida sen que 'nada se puidese facer'! Que casualidade que fose un vello inmoble okupado por 400 traballadores: limpabotas, limpadoras, coidacoches, serventes?, brasileiros, angolanos?, pero todos eles negros!

Neste sentido, o futuro? O futuro da humanidade e do planeta, pasa -entre outras cousas-, pola conquista universal do dereito á cidade: unha conquista que signifique unha transformación do urbanismo a escala local: cómpre pór fin as grandes megalópoles e cómpre facer cidades de escala humana, cidades ecoloxicamente sustentables? É difícil, pero cómpre reflexionar sobre dúas cuestións fundamentais: primeira, a humanidade vive por riba do seu teito ecolóxico e as condicións -combustibles fósiles e uranio-, que fixeron posible ese modo de vida non son eternas -e a súa finitude non está moi lonxe!-; segunda, o decrecemento é unha condición necesaria para a supervivencia da humanidade. A división internacional do traballo e, xa que logo, os puntos de abastecemento -de alimentos e de outros bens de consumo- e os centros de distribución e comercialización das grandes megalópoles, que obedece a unha organización do mundo controlado polas grandes elites mundiais, provocan desastrosas consecuencias sociais e ecolóxicas que cómpre remediar de inmediato.

A loita polo dereito á cidade transformou a morfoloxía urbana ao longo dos últimos séculos, cómpre tomar conciencia da necesidade de incorporar a ese dereito unha visión ecolóxica e universalista coa que evitar o colapso.

De aldeas a urbes

  • O tecido urbano galego xira arredor de sete grandes cidades: Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol. Arredor desas urbes xiran amplas rexións metropolitanas, maiores no caso de Vigo e A Coruña, máis pequenas nos casos restantes. Así mesmo, algunhas cidades, como A Coruña e Ferrol, ou Vigo e Pontevedra, constitúen unha ampla área urbana que se comunica a través dun amplo e denso corredor urbano, o Eixo Atlántico, que integra a Santiago e ao que están externamente vinculados Lugo e Ourense. Así, arredor dese Eixe xiran outros corredores que integran as principais vilas galegas: Carballo, Verín? Algunhas desas vilas, como Betanzos, Baiona, Tui?, teñen unha longa tradición histórica, outras medraron como núcleos industriais das grandes cidades, como Porriño ou Arteixo? Con todo, hai un nexo común: o seu desenvolvemento nun trazado urbano cada vez maior que traspasa fronteiras e chega a Porto-Lisboa e, xa que logo, son unha peza máis na ampla división internacional do traballo. O exercicio do dereito á cidade nestes casos é dobre: define o dereito a gozar dos servizos básicos no lugar de residencia e implica unha relación xerárquica co centro urbano próximo, polo que nos obriga a tomar conciencia de que a nosa é unha loita por un dereito local e global.

Compartir el artículo

stats