Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xogos e identidades

Prácticas lúdicas para a personalidade colectiva

Unha partida de cartas (anos 30).

O xogo é consubstancial á vida humana. Desde a infancia deica á vellez, xogar constitúe unha maneira de poñer a proba o autocontrol e asemade saír -nin que sexa por un anaco- da nosa realidade cotiá. Os xogos -cousa distinta aos deportes, competitivos ou non- son a escola fundamental para que nenos e nenas aprenden hábitos fundamentais para aturar a vida adulta. Elementos de tal educación son a integración grupal, o desenvolvemento corporal, o sentido do ritmo, as estruturacións espacial e temporal (secuencia, quenda), aprendizaxe léxica e aritmética, esforzo e respecto polas regras.

En xeral, podemos dividir os xogos en tres grupos: azar, habelencia e azar/habelencia. No primeiro teríamos as loterías e semellantes, sen ningunha participación por parte do xogador (agás elixir número ou combinación); no segundo estarían aqueles que dependen exclusivamente dos xogadores (xadrez, damas, xogos de chan); e, finalmente, no terceiro apartado temos os que combinan sorte -a partir do azar: sorteo, dados, corte de cartas- con intuición, memoria, experiencia (xogos de mesa, incluídos os de naipes).

Os xogos son fundamentais na infancia, polos motivos antes sinalados e tamén porque engaden a creación dun espazo de seu, reservado aos nenos, que daquela teñen que autoxestionalo. Poderíamos chamar tradicionais a estes xogos, especialmente se se realizan nun espazo non doméstico e sen ferramentas mercadas á mantenta: abonda cun pano, unhas boliñas de arxila, un óso de animal (chuca), unha barra de xiz (mariola), unha corda ou unhas pedras. Xogos que son comúns a moitos países europeos e -por vía colonial- americanos pero cuxo exercicio -en tanto que practicados na etapa de formación como persoas- é percibido como propios de cada sociedade. Xogos que poden ter denominacións diferentes dunha terra a outra pola súa etimoloxía ou por seren vítimas de transformación na fala infantil e popular.

Pero máis alá desta percepción propia do que, con frecuencia, é patrimonio común, tamén se produce o fenómeno contrario. Así, hai xogos de ferramentas (pezas; naipes; taboleiro e fichas) pensados en determinado país ou por determinada persoa que pasan a uso universal sen variación. Sen embargo, estes xogos, nun momento dado, poden perder a percepción da súa orixe ou, en sentido inverso, seren patrimonializados de maneira particular.

Poñamos por caso, os naipes, xogados desde tempos remotos en Asia e chegados a Europa na Idade Media. Alén da diferencia entre baralla española e francesa (común ao resto do mundo non hispánico), entre as modalidades feitas coa primeira temos o xogo por excelencia: o mus. As súas orixes vascas quedan evidentes na aposta máxima ou "órdago", transliteración castelá da expresión en éuscaro "hor da go", 'aí vai iso'. Extendido o mus por España e Hispanoamérica, "órdago" pasou á linguaxe común co sentido de "extraordinario".

En sentido contrario, podemos atopar adaptacións locais de xogos de matriz universal. No caso galego o deseño de naipes (con monumentos, motivos suevos, peregrinos) e do xadrez ("Xaque Mate a Jackobsland", con cristiáns contra vikingos!!! Ulos, os seus cabalos? Pois, no seu lugar, berserker, guerreiros que pelexaban medio espidos e drogados). E tamén a lóxica adaptación de xogos que fan das palabras a súa base: os diversos Trivial ("Arume xogal"; "Trivial da Terra" (Chá), "Trivial da Terra de Melide") ou a versión galega do Scrabble, o "Apalabrados".

Non entramos na complicada cuestión dos dereitos, tema que nos leva a outro xogo de adaptación local, como foi o caso do Monopoly, fabricado en castelán en 1936 (pouco despois de ser patentado nos Estados Unidos) pola empresa catalá Borràs, con rúas de Madrid e de Barcelona. Ben axiña apareceu un plaxio con rúas de Madrid, "El Palé", da man dun malagueño, versión que foi denunciada nos anos cincuenta polo fabricante norteamericano. E como modalidade local curiosa temos a versión castrista, "Deuda Eterna", na cal os xogadores pugnan por vencer o FMI.

Compartir el artículo

stats