Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poética infantil de noso

50 anos de Os soños na gaiola

Representación de Os soños na gaiola por Títeres Alakrán (2016).

Neste ano no que andamos cúmprese medio século da publicación de Os soños na gaiola, o libro co que Manuel María fundou a nosa tradición poética infantil.

É certo que antes da aparición desta obra referencial houbera algúns antecedentes máis ou menos sinalados. Entre eles non poden deixar de amentarse as Fábulas galaico-castellanas (1897) de Amador Montenegro Saavedra, as Cantigas de nenos (1944) de Emilio Pita Romero ou a Roseira do teu mencer (1950) de Xosé María Álvarez Blázquez. Agora ben, aínda recoñecendo o seu carácter pioneiro, non foi ata a chegada da obra de Manuel María que se combinou nun volume a mestría lírica coa vontade de espallamento entre o lectorado máis novo dunha idea de país, de cultura e de idioma.

Os soños na gaiola foi un pequeno milagre que inflexionou o momento socioliterario galego. Non hai que esquecer que a escrita para a nosa mocidade era, na Galicia da Posguerra, case un ermo, entre outras razóns porque o potencial público receptor era exiguo: as familias galegofalantes, moitas veces economicamente menos avantaxadas, non adoitaban mercar libros na nosa lingua e, doutra parte, as que si podían facelo eran, habitualmente, familias desexosas dunha rápida asimilación co castelán ben visto polas autoridades e, polo mesmo, nada proclives a que os seus fillos andasen entre escritos en galego.

E, secasí, Os soños na gaiola alcanzou unha notoria aceptación.

A primeira edición fora, en realidade, unha publicación non venal, tecnicamente modesta, tirada do prelo dunha imprenta lucense, Cartonaxes Anmi, empresa sensible á causa da literatura galega que chegou a editar outros traballos de mérito no noso idioma.

Non foi ata a segunda edición, publicada catro anos despois, que o libro comezou a popularizarse en centros de ensino e espazos de toda Galicia, pois aquela primeira edición que agora conmemoramos apenas se fora un texto pensado para agasallo das familias amigas da imprenta editora.

A edición de 1972 saíra xa baixo o selo da Celta de Lugo, acompañada de ilustracións a cor que fixeran para o libro o alumnado do Instituto de Ensino Medio e mais o Colexio Rosalía de Castro de Vigo. Nese mesmo ano apareceu unha terceira edición e cinco anos despois a súa tradución ao portugués: Os sonhos na gaiola. Mais a que se considera edición definitiva non chegou ata 1990, publicada desta volta por Xerais, tras da que viñeron moitas outras ata o presente.

Á sona definitiva do poemario contribuíu de xeito decisivo a versión musical que do mesmo realizou en 1978 Suso Vaamonde nun álbum dobre de título homónimo, logo revalidada por outras musicacións que viñeron da man de Fuxan os Ventos ou María Manuela.

A pegada que Os soños na gaiola deixou na poesía infantil galega dos anos setenta e posteriores foi enorme, non só polas numerosas promocións que o leron nas aulas, senón tamén pola influencia que exerceu noutros moitos escritores ata os nosos días.

Neste 2018, co gallo do cincuentenario, a Fundación Manuel María deu á luz un facsímile da primeira edición. O volume pode ser unha ocasión inmellorable para que, aqueles que aínda non o coñezan, descubran a modernidade atemporal deste clásico, maxistral na incorporación dos sinais da nosa mellor literatura de tradición oral, mais tamén exemplar no xogo métrico-rítimico, na finísima sonoridade léxica e na versatilidade no emprego de figuras ou tropos por repetición e especial ordenamento. Técnicas depuradas que, en todo caso, fican sempre ao servizo da mensaxe e que nos legaron versos tan rotundos como eses que nos recordan que: "Galicia somos nós:/ a xente e mais a fala./ ¡Si buscas a Galicia,/ en ti tes que atopala!"

Fauna e atmosfera

  • Toda a nosa fauna, mais tamén os fenómenos celestes e atmosféricos, os elementos da paisaxe, os oficios e mesmo as festas e divertimentos máis xenuínos teñen cabida neste libro. E velaí como aquí son a "vella muiñeira,/ alma de Galicia"; o sol Lourenzo "un señor moi finchado"; "o vento e o seu alento" que son "cousa que non se ve"; "o tractor tractoreiro" con "forza de xigante" ao que "¡nin cen parellas de bois/ lle poñerán o pé diante!"; o lume novo da festa de San Xoán, cando "¡As ledas fogueiras/ acesas están...!"; e ata "a señora Vaca" que "traballa sen tasa,/ mantén a súa cría,/ dá leite pra casa". Ben está recordar e celebrar o medio século de Os soños na gaiola, para o que Manuel María escribiu unhas palabras liminares nas que, de paso que daba razón do seu existir, expresaba un desexo que abofé se cumpriu, verbas coas que me presta rematar: "Un servidor, que xa ten canas e un gran bigote que lle comeza a pesar, vai para vello. Nas súas horas de soidade lembra a súa lonxana infancia campesiña. Desas lembranzas foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte, ese oco. Perdoádeme se non acertei".

Compartir el artículo

stats