Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con espírito crítico

Futurismo e dimensión social

Con espírito crítico

H.G. Wells (Kent, 1866 - Londres, 1946), coñecido autor británico (para algúns o Verne inglés -mala forma de identificación, pois sempre o segundo parecerá unha versión do orixinal-, controvertido na época polas súas ideas socialistas e avanzadas conviccións feministas e de liberdade sexual), tal vez inmerecidamente, lembrado só como autor de libros de ciencia-ficción. E iso porque, en vida, acadou gran popularidade con algúns destes seus libros. Tal ficcionar, no esparzo e no tempo, fixo mesmo que se lle dese o seu nome (un dos escasos nomes de persoa) a un cráter da Lúa. A divulgación da súa obra, e que ben en galego, é necesaria para que se coñeza o resto da súa narrativa (tal vez a mellor valorada pola crítica) e os seus ensaios de carácter político e filosófico.

As súas novelas futuristas (no ronsel das de Jules Verne), déronlle ao xénero unha dimensión social, advertindo asemade dos perigos da tecnoloxía descontrolada e das novas formas de servidume asociadas a ela.

Na primera etapa da súa vasta obra creou precisamente esas obras de ciencia-ficción polas que máis é lembrado: A máquina do tempo, A illa do Doutor Moreau e A guerra dos mundos; etapa coincidente con Arthur Conan Doyle e a creación de Sherlock Holmes, con Robert Louis Stevenson e A illa do tesouro e con Bram Stoker creando a Drácula.

Precisamente a esta primeira etapa, e deixando de lado as dúas seguintes, pertence a novela que hoxe recomendamos: Dos días do porvir (A Story of the Days to Come) publicada pola editorial santiaguesa Huguin e Munin, en tradución de Alejandro Tobar. Orixinalmente publicouse por fascículos nas revista literaria The Pall Mall Magazine, entre xuño e outubro de 1899, e inmediatamente despois, no mesmo ano, como parte da compilación de relatos e novelas de temática futurista e fantástica Tales of Space and Time, precisamente na fin da súa primeira etapa, coincidindo coa fin do século.

A novela curta (140 páxinas) sorprende o lector pola capacidade de anticipación de enxeños hoxe cotiáns pero que daquela eran impensables, pois case nin apareceran os primeiros automóbiles e os avións eran aínda un soño irrealizable. Nese contexto, a parella protagonista saliéntanos unha visión social contraria á existente, estratificada, mercantilista, dominada polo capital e o mercado, estimulando o espírito crítico en multitude de temas de plena actualidade. E precisamente por iso queremos hoxe recomendala. E de aí pasar a outras, desa ou das posteriores etapas. A iniciativa de propicialas en galego sería inmellorable.

WELLS, H.G., Dos días do porvir, Ed. Hugin e Munin, Santiago, 2018, PVP. 14, 50 ?

Compartir el artículo

stats