Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Construír Alejandro de la Sota

Recoñecemento e conservación da Modernidade

Vista do ximnasio do Colexio Maravillas (Madrid) e dos materiais industrializados.

O pasado sábado 1 de abril celebrouse o "Día das Artes Galegas", promovido pola Real Academia Galega de Belas Artes de Galicia, dedicado este ano a homenaxear a figura do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota Martínez (1913-1996), figura senlleira no contexto da arquitectura española so século XX. Unha homenaxe que tivo a súa máis relevante concreción na mostra que lle dedicou o Museo de Pontevedra, a súa cidade natal, so o titulo de Alejandro de la Sota. Contruírse, construír.

Alejandro de la Sota naceu no seo dunha familia acomodada e ilustrada e recibiu dela os estímulos artísticos que marcaron a súa personalidade. Desde moi neno mostrou unha inclinación especial polo debuxo e a música. Castelao, que era amigo do seu pai Daniel de la Sota -presidente da Deputación nos anos 20-, foi o seu instrutor na forma de entender as caricaturas, que nunca deixou de facer, e Iglesias Vilarelle e José Jané educaron o seu gusto musical con moito tino.

Cando apenas tiña dezaoito anos fixo a súa primeira exposición de caricaturas na sala da Xunta de Turismo, na rúa Michelena de Pontevedra, mostra que compartiu co seu amigo da alma, Ventura de Dios, Turiñas. Logo ambos os dous rapaces foron fundadores da revista Cristal en 1932 e compartiron unha velada inesquecible con García Lorca na casa do Café Moderno. Na revista Cristal estaban tamén Xosé María Álvarez Blázquez, Xoán Vidal Martínez, Antonio Díaz Herrera e Rafael Lois Teijeiro. Trátase dunha publicación literaria, con maior peso da poesía, e bilingüe, complementada con traballos artísticos, sobre todo gravados. Sitúase dentro das coordenadas da renovación poética desta altura, cun peso maior das tendencias hilozoístas e neopopularistas, e na que a memoria do poeta Luís Amado Carballo, que fora íntimo amigo de Xoán Vidal Martínez, paira por toda a publicación. No plástico a publicación está en sintonía co movemento renovador d' Os Novos, movemento que representa en Pontevedra, sobre todo, o pintor Manuel Torres. Nesta publicación Alejandro de la Sota publica un fermoso linóleo que conecta coa estética renovadora da Galicia do seu tempo.

A Guerra Civil truncou en dúas partes os seus estudos na Escola de Arquitectura de Madrid, tras pasar antes pola Universidade de Santiago. Alejandro pertenceu á primeira promoción da posguerra, titulada en xuño de 1941, e montou un estudio co seu compañeiro e amigo Xavier Lahuerta.

A obra arquitectónica de De la Sota, non moi numerosa, segue a ser un referente de rigor e reflexión. Nun momento histórico como o noso, en que a arquitectura se converteu fundamentalmente nunha preocupación case exclusivamente urbanística e/ou emblemática fronte ao imperio da especulación, volver a vista á obra de De la Sota é repensar os logros do movemento moderno entre nós.

Estas obras, xa co tempo decorrido desde a súa elaboración, amósannos cómo De la Sota foi quen de construír unha estética dos materiais industrializados, seguindo o ronsel do movemento moderno (Van der Rohe, Le Corbusier), como se pode ver xa en 1951 no seu proxecto para a central Leiteira RAM de Santander. A partir desa altura esa adhesión ao movemento moderno é evidente e así o amosan numerosas obras que comeza a realizar a partir dos anos 50 como son a Residencia estudantil de Miraflores, o Ximnasio do Colegio Maravillas ou o Goberno Civil de Tarragona.

Nestas obras faise evidente o coidadoso tratamento formal, a súa paixón pola precisión construtiva, ese colocar un tixolo sobre outro cunha total elocuencia, ao que une un uso singular do vidro, da transparencia que abre e define simultaneamente o espazo. Referíndonos a estes aspectos, poderiamos falar dunha lúcida e sufrida procura dunha identidade de razón xeométrica e ritmo poético na súa obra, realidade que se pode percibir no conxunto do seu traballo, pero se manifesta de xeito nítido nas súas vivendas unifamiliares como a Casa Dominguez d'A Caeira (Poio).

Nesta auténtica alfaia da modernidade, podemos percibir, entón, o esforzo de De la Sota para resgardar parte do espazo, creando planos que adquiren unha aura romántica, transparentes e perfectos, elaborados co coidado polo material e polas súas calidades que sempre caracterizou o seu labor construtivo, conservando para sempre o gusto pola materia elemental, permanentemente mimada nas súas mans. A consecuencia é que o arquitecto galego consegue nas súas realizacións a grandeza partindo da sinxeleza absoluta. Algo que tamén se percibe no seu deseño de mobles.

Compartir el artículo

stats