Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retratos de aura clásica

Os ollos e a verdade de Baldomero Pestana

Unha fotografía exposta na mostra.

A Cidade da Cultura presenta no seu espazo expositivo do Centro Gaiás a mostra A verdade entre as mans, rescatando a figura de Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo, 1917-Bascuas, Lugo, 2015), fotografo nacido en Galiza e criado e formado na Arxentina, onde emigra coa súa familia aos catro anos, e que sobre todo desde a súa chegada ao Perú en 1957 vai elaborar a súa obra en contacto con fenomenos culturais de extrema importancia como o boom literario latinoamericano ou a efervescente vida cultural do París dos anos 60 do pasado século.

O traballo de Baldomero Pestana, desenvolvido a partir dos anos 50, adquire unha especial plenitude no retrato, cunha galería de persoeiros, sobretodo do mundo peruano e latinoamericano, excepcional, que comprende escritores, artistas, músicos e figuras do mundo intelectual, que o fotógrafo retratou en América ou en París, como Carlos Fuentes, Blanca Varela, Atahualpa Yupanqui, Alfredo Bryce Echenique, Gabriel García Márquez, Adolfo Bioy Casares, Severo Sarduy, Jorge Luis Borges, María Esther Vázquez, Emilio Pettoruti, Dizzy Gallespie, Man Ray, Fernando Arrabal ou Pablo Neruda.

Mais o que salienta nestes traballos é a súa concepción do retrato, referímonos a esa aura clásica que adquiren as figuras humanas en que o fotógrafo non só non nos afasta da realidade corporal representada, senón que nola fai moito máis real,

Aparentemente, segue a convención do retrato burgués en que as imaxes teñen certo carácter simbólico no seu fondo con alusións á profesión ou estatus: ese cadros e esculturas, ese libro na man, ese máquina de escribir, ese espazo que encadra... seguindo as fórmulas da pintura antiga en que os obxectos vinculados a unha actividade facían parte dos cadros. Mais esta anécdota simplemente axuda a singularizar, dando paso ao esencial, á captación profunda da existencia e ao tempo procurase unha permanencia que elimine o anecdótico. O retrato de Baldomero Pestana mide e encadra a imaxe, a historia, mais tamén mide e encadra o silencio como se a representación, moi elaborada en todas as súas obras, remitise tamén a unha condensación emotiva que transmite unha sensación dunha atmosfera ligada á personalidade do retratado, dentro dunha contundencia e unha limpeza formal absoluta, como se soubésemos que se o suxeito-obxecto da representación chegase a dicir algo, a falar, non podería mellorar o que o fotógrafo nos ofrece.

A constante presenza de retratos, mellor dito a utilización do retrato, é unha maneira sutil de ligar a manifesta presenza corporal coa reflexión mental, cunha posta en escena que nos leva a unha intensa, rigorosa e estruturada visualidade que permite a manifestación de dúas subxectividades: a que pretende deixar o retratado e a que desexa captar o fotógrafo.

Neste espazo común interactúan as vontades e iso tamén singulariza cada un dos retratos de Baldomero Pestana.

Título: Baldomero Pestana. A verdade entre as mans

Autor: Baldomero Pestana

Comisarios: Juan Bonilla e Chus Villar Iglesias

Local: Cidade de Cultura de Galicia/ Centro Gaiás

Até o 2 de setembro

O ritmo da vida

  • A súa produción profesional fotoxornalística lévanos á segunda temática que domina na súa obra: a captación do ritmo da vida social e, en especial, urbana. Caracterízase por unha ollada ao tempo distanciada e afectiva a respecto dos temas escolmados, moitas veces escenas de rúa non exentas de dureza, en que destacan as miradas infantís, e por medio delas procura un vieiro propio desde a perspectiva estética, pero a súa intención non é exclusivemente documental, senón máis achegada á subxectividade creativa, ao seu mundo interior. Mais este mundo interior non quere ser alleo ao real, sempre o plasma desde un fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación e cun extremo rigor formal, un rigor procurado realizando unhas fotografías que lonxe dunha utópica obxectividade procuran a maior integridade e honestidade posíbel. Salienta pola intensidade de visión e mais o coñecemento das calidades do medio fotográfico, cun respecto absoluto polo oficio e polo obxecto a fotografar, sen empregar procesos de manipulación. O resultado é unha estética propia, con variados encadramentos, baseada nos motivos captados e na captación do intre preciso, resaltando a solidez das formas, utilizadas como elementos significantes. Un criterio que se segue no tratamento das escenas de ambiente urbano, e na captación das situacións de sociabilidade, resaltando a homoxeneidade ou o carácter contrastivo das situacións. Mais sempre desde o rigor, un aspecto pensamos que o fotógrafo consideraía ineludíbel á hora de abeirar o seu traballo, sen que o inmediato e o sentido da oportunidade xornalística poida limitar o valor estético e a capacidade de comunicación que toda obra debe tamén presentar para se converter nun elemento con capacidade de plena comunicación, para evidenciar esa "verdade entre as mans" que o título da mostra acertadamente nos ofrece.

Compartir el artículo

stats