Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Parellas creadoras

O amor, entre a bioloxía e a arte

Leonor Carrigton e Marx Ernst (1937)

O dramático do amor non é que sexa incontrolábel; o verdadeiramente tráxico é que non resullte posíbel non amar. Ningunha razón, por poderosa que xurda, cambiará o noso destino consumatorio, por moi inconveniente que se presente. O amor tómanos e nesta fatalidade aliméntase a esperanza por atopar algún sentido que nos tranquilice. Neste esforzo, o centro Pompidou, asociado co Barbican, ofrece unha exposición interdisciplinaria dedicada ás parellas creadoras: Pablo Picasso e Dora Maar; Robert e Sonia Delaunay; Georgia O'Keeffe e Alfred Stieglitz; Charles e Ray Eames. Non son, os da mostra, amores sosegados. Son daqueles que afondan á vontade na pasividade da indefensión. Amores apaixonados que parecen atopar na vinculación creativa certo alivio. Esta materialidade da carne e da produción, pode ser unha concesión dos deuses, e non é pouco. Eros, ás veces, resulta especialmente sádico, a historia está chea das súas vítimas. Petrarca nunca volveu ver a súa amada Laura; a cuestión é que dedicou boa parte da súa vida a escribir poemas a pouco mais que unha fantasma.

Unha esperanza irracional inevitábel movéndonos entre a apropiación do outro ou a propia perda. Estes estados de suspenso de nós mesmos son tan reais que incluso os que non cren nos deuses, caen nos seus padecementos. Certas son as contradicións do amor porque, sen sobrevivir aos xuízos da razón, espertan unha fe inopinada nos ateos, resultando os non crentes tamén presas dóces destas usurpacións. Deuses caprichosos, os dos amores románticos, porque nestas vinculacións non hai compaixón ningunha. Só a maldade pode afastar os sentimentos de piedade cara a Paris. O noso ideario está sementado de amores fatídicos máis preto da carencia que da plenitude e onde a traxedia cobre a consciencia dunha culpa coa promesa expiatoria que nunca chega. Un desexo que nos arrastra a investir tempo contra todo prognóstico de éxito. O amor sempre parece unha elección cara ao observador pero preséntase cun alento irrenunciábel para o namorado que sempre intúe fatal.

O desexo sempre gaña para vernos perder. Hai na paixón unha impotencia na que parece que a racionalidade se aletarga, incluso nas intelixencias máis áxiles, para deixar paso a unha carencia que non ten menciña, acaso algunha alternativa na filia, preto da amizade ou no ágape, a vinculación asumida como perda no lugar da ganancia. Pero aínda que decidamos elixir o outro por enriba de nós, nunha aceptación que anticipamos redentora, ingresamos nunha aventura marabillosa pero non nos librará da dor.

O engano non axuda. Romeo non morre por amor, morre por el. Se o outro é a miña metade, non hai outro e, sen outro, non hai relación. Quen anula a quen nisto que se constitúe a partir da miña falta de totalidade? A relación só é posíbel cando a idealización queda fóra.

A explicación está na creatividade porque ningunha argumentación satisfai por completo no amor. Non hai conformidade nin dende a ciencia nin dende a metafísica. A ciencia achega certo grao de estabilidade pero hai desconsolo na percepción de que non estamos fóra da experiencia do resto dos animais. Despois de todo, a metáfora do amor é parte da nosa identidade diferencial. Non é posíbel renunciar a esta posición de privilexio e manter un engado especial pola vida amorosa. É renunciar á transcendencia do amor porque o amor convoca a fe propia da relixiosidade. Significa abandonar a idea das calidades infinitas do misterio para abrazar o cálculo da posibilidade químico-física. Aínda que atenta contra a individualización, renunciar á treboada da paixón é asumir que o amor só é unha reacción biolóxica, achega que non é necesario sufrir.

Pode que esta cousa que chamamos amor non sexa máis que un placebo fronte a incapacidade para xerar pracer na vida, unha construción que acomodamos a unha ou outra elección creativa da vida. Nin ciencia nin fe. Unha creación de metáforas e significados preto da fantasía, da imaxinación, unha expresión da creatividade máis preto da arte que de ningunha outra cousa.

Compartir el artículo

stats