Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cidades de noso (VII)

Santiago de Compostela: ao final do Camiño

Santiago de Compostela: unha cidade eterna no corazón do país galego, a terra prometida do camiño das estrelas. // Xoán álvarez

No tempo dos castrexos, no lombao que baixando dende a Almáciga separa o val de Belvís do val do Sarela, asentouse unha poboación de galaicos no espazo que hoxe, aproximadamente, ocupan o Mercado, a igrexa de San Fiz e a facultade de Xeografía e Historia. No cambio de era, os romanos chegados ao ese lugar, situado no extremo nororiental do val da Maía e, xa que logo, no camiño de Iria e Brigantium, asentáronse no val, deixando o outeiro para os nativos. Dese asentamento romano hoxe temos abondas probas, aínda que sen poder precisar se se trata de Asseconiam ou tiña outro nome, vivían os vivos? e enterraban aos mortos! Séculos despois de que eses lugares fosen abandonados polos poboadores que os habitaban, un eremita, ao que coñecemos co nome de Paio, que moraba no que fora o poboado castrexo? albiscou entre unha silveiras situadas no val que estaba aos pés do seu éremos (habitáculo do eremita), unhas luminarias que lle conduciron a un edículo sepulcral -obviamente dos romanos ricos que viviran alí-, no que quixo ver a tumba do apóstolo Santiago. Sobre ese edículo, situado baixo o altar, levantouse unha pequena igrexa, á que se engadiron outras edificacións para os monxes e as monxas que ían atender o culto. Así nacía o burgo compostelán, que no século XII, na que coñecemos como a era de Xelmírez, cumpriu unha función estratéxica na construción da Europa cristiá occidental: non en van, hoxe, inscrita nas pedras da calzada nas que nos detemos antes de atravesar a porta do Camiño podemos ler a frase 'Europa construíuse peregrinando a Santiago'. Velaí o eixe que vertebrou a conquista do dereito á cidade en Santiago de Compostela: a vila que se ergue milenaria ao final do Camiño.

Santiago de Compostela, dende o momento en que se ergueu a primeira igrexa para honrar a memoria do apóstolo, medrou en torno a unhas poucas institucións, como se pode ver seguindo os espazos urbanos da cidade vella: a catedral, á que se suman outras institucións relixiosas con forte presenza na cidade: San Martiño Pinario, San Domingos de Bonaval e a confraría da Concepción; outras tres institucións con forte presenza na cidade, ás tres laicas, aínda que xurdidas ao abeiro do poder da Igrexa e do Camiño, foron a Universidade, o Concello e o Hospital. Aínda hoxe, camiñando de vagar polas rúas da cidade vella podemos ver nas portas ou fachadas de moitas casas as marcas que indican que esas casas pertencían a esas institucións. Neste sentido, Santiago fíxose ao abeiro da Igrexa, dunhas poucas familias nobres que tiveron casa na cidade e das anteditas institucións laicas.

Así foi até o século XIX, cando a incipiente burguesía compostelá -nalgúns casos vinculada á universidade e ao hospital-, comezou a crear novos espazos propios da nova cidade, a fundar novas institucións e a renovar as vellas: así foi como a cidade medrou fóra da améndoa histórica, sendo nese momento cando se dotou, ao norte, dun centro para xordomudos, e ao sur, da facultade de veterinaria, do parque da Alameda?

Nos tempos da II Restauración borbónica, logo de que a política urbanística do franquismo crease verdadeiros monstros urbanos nunha cidade patrimonial, o concello de Santiago e as novas institucións democráticas que deron a Santiago de Compostela a capitalidade autonómica, transformaron a vella cidade histórica nunha moderna e modernizada cidade patrimonial na que o vello compleméntase harmonicamente co contemporáneo: un desafío que só foi posible porque a través das institucións democráticas o pobo dotouse dunha ferramenta urbanística eficaz nos primeiros anos '80 que non todo o mundo soubo entender algunhas décadas mais tarde. Se abandonamos o pasado, a vella cidade perderá a súa razón de ser.

O cinto verde compostelán

  • Historicamente as cidades carecían de espazos verdes para uso público, quizais porque até ben entrado o século XIX as cidades vivían aínda por debaixo do teito ecolóxico da humanidade, un teito que se rompe a raíz do consumo de enerxías fósiles (carbón e petróleo), a produción de enerxía eléctrica e os avances tecnolóxicos (teléfono, ascensores, aceiro?), que transformaron radicalmente a estrutura e a organización urbana. De feito, algúns dos principais parques urbanos do mundo, como o Central Park de Nova York ou o Retiro de Madrid, abríronse en 1857 e 1868, respectivamente. Eís a razón pola que na vella cidade de Santiago de Compostela non hai espazos verdes: o primeiro, a Alameda, abriuse fóra da cidade vella en 1885. Non obstante, na actualidade, alén dese vello espazo verde urbano, no que cómpre distinguir, alameda, paseo da Ferradura e carballeira de Santa Susana, Santiago de Compostela está rodeada e atravesada por un cinto verde no que salientan os parques urbanos e espazos verdes de Belvís, Carlomagno, Bonaval, Sarela, Ponte Mantible?, no que se combinan elementos naturais (recuperación de espazos deteriorados e protección do patrimonio natural) e urbanísticos, xa que nalgúns deses parques hai edificios de uso público (Casa Europa?) e admirables conxuntos escultóricos.

Compartir el artículo

stats